東京家族 (TOKYO FAMILY), de Yoji Yamada
De obra mestra a obra de mestre
Pouco hai que contar do argumento de 東京家族 (Tokyo Family, Yoji Yamada, 2013) para aqueles que xa teñan visto 東京物語 (Tokyo Story, Yasujiro Ozu, 1953), alén de salientar o enxeño que desprega Yoji Yamada para adaptar a obra mestra do cinema xaponés aos tempos actuais. Todo, ou case todo en Tokyo Family reproduce o conto de Ozu para lembrarnos que logo de sesenta anos, e malia tódalas revolucións tecnolóxicas que houbo nas últimas décadas, as relacións humanas seguen a ser as mesmas. Porén, ninguén lle pode botar en cara a Yamada a falta de autoridade para actualizar Tokyo Story, non só por ter traballado como asistente de Ozu nos estudos Shochiku a partir de 1954, senón polos máis de oitenta filmes que leva xa ás súas costas. Deste xeito, tirando de oficio, Yamada roda cun minimalismo que lembra nalgún intre o estilo zen do seu mestre, introducindo tamén varios elementos novidosos que manteñen o interese do público á marxe de cantas veces teña visto Tokyo Story. Este aire anovador é se cadra o principal valor do filme, que lle fixo merecedor da Espiga de Ouro na pasada edición da Seminci de Valladolid.
Pequenos cambios, mesma esencia
O punto de partida de Tokyo Family é outra viaxe dunha parella de anciáns, interpretados por Isao Hashizume e Kazuko Yoshiyuki, dende unhaa pequena illa de Hiroshima até capital nipona para visitar aos seus tres fillos. Neste caso, Yamada optou por reducir a descendencia familiar e eliminou a figura do fillo morto para converter a súa viúva, Noriko (Yu Aoi), na moza do fillo máis novo, Shoji (Satoshi Tsumabuki), xa que a guerra se substitúe aquí por un trauma nacional máis recente: o tsunami que provocou o desastre nuclear de Fukushima en 2011. O díscolo Shoji e a doce Noriko irán gañando relevancia a medida que transcorra o filme camiño da mesma caste de desencontros e redencións que describira Ozu seis décadas atrás. O que non muda en absoluto son os personaxes de Shigeko (Tomoko Nakajima), a cobizosa filla dona dun salón de beleza, e Koichi (Masahiko Nishimura), o fillo médico que está sempre ocupado. A través deles podemos asistir ao devir frenético e egoísta no que viven inmersos moitos xaponeses que non teñen tempo sequera para os seus seres queridos, malia que leven anos sen velos e esta poida ser a última vez que o fagan.
Tokio: un personaxe máis
Nese devir frenético sobresae o terceiro eixo do filme: a vida na propia capital nipona. Yamada traslada o minimalismo dos seus planos interiores aos exteriores da cidade que toman un valor engadido co uso da cor: unha das escenas máis fermosas do filme é aquela na que Shukichi e Tomiko lembran unha das primeiras veces que foron ao cinema mentres ollan dende a fiestra do seu hotel as hipnóticas luces de neón dunha noria xigantesca – e o filme do que falan, obviamente, é The Third Man (Carol Reed, 1949). Sen fuxir do seu estilo pousado e sinxelo, Yamada tenta realzar a vertixe da experiencia urbana mediante planos contrapicados e secuencias que teñen como pano de fondo construcións rechamantes, dende bloques de apartamentos ou naves industriais xigantescas até un parque de atraccións ou a moderna estación de tren. Así, a obra adquire un valor documental moi interesante, facilitando que o público da outra banda do planeta poida facerse unha idea de como é a vida na monumental metrópole nipona.
O outro valor engadido do filme é o seu efecto kimono: a posibilidade de poder contemplar con detalle a vida cotiá dunha familia xaponesa, cos seus costumes, vestimenta, gastronomía e mesmo a súa concepción das vivendas, con eses habitáculos que semellan tan pequenos para os nosos ollos occidentais. Porén, estas tradicións, representadas polos personaxes dos pais, vanse diluíndo pouco a pouco nun mundo cada vez máis globalizado, cousa que lle dá unha dimensión universal a unha reflexión inicialmente xaponesa: o chamado mono no aware, ou a concepción da vida como un movemento continuo na que o ser humano é un punto intermedio. Esta filosofía, que domina a maior parte da obra de Ozu, atravesa tamén todo este filme e aínda está presente na obra de cineastas máis novos como Hirokazu Kore-eda, do que esta mesma semana chega precisamente outro drama familiar, そして父になる (Like Father, Like Son, 2013).