UNA MUJER EN ÁFRICA, de Claire Denis
ESTA TERRA É MIÑA ·
Nun dos momentos máis belos de White Material, Maria (Isabelle Huppert), empequenecida e ataviada cun estival vestido rosa, queda soa nun campo; coa mirada ladeada a un infinito que semella non atopar. Detrás dela contemplamos un camiño de terra, áspero, que se alonga varios metros cara adiante. O camiño está resgardado por altos arbustos verdes e algunha que outra árbore que dan conta do salvaxe do lugar. Parece como se Maria tivese quedado atafegada, case anulada, por unha paraxe que non entende, ou peor aínda, por unha paraxe que a abandonou. E nese momento entenderemos que White Material é, principalmente, a historia da relación desa muller cunha terra que a expulsa. Moi a pesares de que ela a considere, con ou sen razón, súa.
O derradeiro filme da directora francesa Claire Denis, White Material transpórtanos de novo a África como anos atrás xa o fixeran outros dos seus filmes como Chocolat (1988) ou Beau Travail (1999). Neste caso, a trama xira arredor de Maria Vial, unha cultivadora de café, de orixe francés, quen se resiste a abandona-lo seu negocio, nun país africano calquera, a pesares do caos e o perigo crecente que se están a producir nese territorio. Maria é unha muller teimuda, orgullosa e que, lonxe de se decantar por algún dos bandos, só ten ollos para a súa plantación de café, para conservala custe o que custe. Se o país sen nome onde se sitúa a acción, metonimicamente, pode ser entendido como a representación de calquera territorio africano nun estado de descolonización, a posición de Maria pode ser entendida como a de calquera cidadán europeo que, cego ou absorto nas súas propias loitas, non consegue ver nin entender os problemas do continente africano. Denis, afastada de calquera valoración moral sobre o conflito (que se pode ler como social, territorial, político, etc.), prefire po-lo seu foco de atención en Maria e o seu afán de non ceder nin unha migalla das súas terras. Posiblemente, ninguén mellor ca Huppert para encarnar esta muller miúda e de aspecto débil mais que, á súa vez, transpira magnetismo e forza veraz. Un produtivo binomio que lle dá sempre excelentes resultados á actriz.
Consolidada xa como marca da casa, Denis mantén o “uso táctil da cámara […] centrándose na pel; aproximase a ela e está a piques de acariñala”, aínda que porén, dun xeito algo máis universal; combinándoo cun achegamento á paisaxe africana, ás terras, ao pó que sobrevoa esas terras. Por un lado, a directora conserva o achegamento aos corpos, con especial afán ao pequeno mais firme corpo de Isabelle Huppert; esta vez, encadrada en grandes e infinitas paisaxes. Unha aproximación especialmente relevante nun dos primeiros planos reiterativos do perfil da actriz. Primeiros planos que parecen intentar dirimir os verdadeiros pensamentos dun personaxe que nos pode resultar ambiguo á hora de descifra-los seus desexos. Porén, un dos aspectos máis interesantes de White Material é a translación que Denis leva a cabo, dese xeito de roda-los corpos, co obxectivo de se achegar á terra, á paisaxe, ao inerte. A cámara capta os grans de café que Maria arrecunha coas súas pernas, e sentimos que nós os arrecunhamos tamén; a cámara fai que o pó nos nubre, o pó que levanta o helicóptero dos soldados franceses, e advirte a Maria que debe abandona-lo lugar, a cámara fainos respira-lo aire desas paisaxes que atopamos tan fermosas como misteriosas.
Na súa vertente narrativa, parece que con White Material Claire Denis preferiu achanza-lo terreo a unha historia que, se ben non renuncia a certos aspectos intrínsecos na súa filmografía como as marcadas elipses ou os saltos temporais, en grande medida está contada dun xeito ordenado, feito que non vai en detrimento de conseguir atraparnos cunha permanente sensación de estraña hipnose. Unha decisión cun servidor agradece e aplaude xa que nalgunha ocasión atopouse con obras denisianas nas que, innecesariamente, o envoltorio brillaba en exceso, é dicir,as árbores impedían ve-lo bosque.
Nunha recente conversa coa miña colega e amiga Laura Menéndez, cuxo excelente texto sobre as constantes estilísticas e temáticas de Claire Denis pódese ler neste mesmo número, debatiamos sobre que filme da directora francesa recomendariamos a alguén que quixera imbuírse na súa peculiar filmografía. Ela, posiblemente unha das maiores entusiastas da obra da xenial Denis con quen eu me teño atopado, defendía a turbadora Trouble Every Day como a mellor proposta para unha hipotética cerimonia de iniciación. Porén, quen escribe estas liñas cría ter identificado en White Material ese primeiro limiar que cruzar para se mergullar no mundo denisiano. Varias razóns, algunhas das cales quixen desenvolver neste escrito, inclínanme, paradoxicamente, por este derradeiro filme. Aínda que principalmente todo teña que ver co feito de que White Material é un filme que se erixe limpo, claro, tremendamente luminoso e con completo respecto por parte de Denis ás paisaxes dunha África devastada por dentro a pesar da súa resplandecente beleza exterior. Un filme que conserva esa forza hipnótica, cativadora sen necesidade de se exceder con certas propostas formais e narrativas de anteriores traballos da realizadora. E é que ás veces, menos é máis.
A miña opinión, que non haxa malentendidos, nada ten que ver co feito de atopar na última película da directora un texto máis accesible, máis intelixible, poderiamos dicir, que tamén o é. Non debe malinterpretarse que identifico a unha Claire Denis caída na trampa do amansamento polo paso do tempo ou pola presenza dunha arquicoñecida actriz como é Isabelle Huppert; trampa, cómpre dicir, na que xa caeu máis dun popular director con anterioridade. Eu non identifico o anterior porque considero que White Material non acovarda as características habituais do cinema da directora francesa, senón que, nun grande exercicio de constrición e pulso asina, depura e filtra un dos estilos de narración e dirección máis recoñecibles no cinema contemporáneo europeo.
Ler e descargar o artigo na súa versión orixinal en catalán
__________
SCHOLZ S. e SURMA H., Exceeding the limits of representation: Screen and/as skin in Claire Denis’ Trouble Every Day (2001), en Studies in French Cinema, vol. 8, núm. 1, 2008, pág. 10.