URXA, de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal

O 24 de novembro de 1989, no Teatro Cine Fraga de Vigo, tiña lugar a estrea pública de Urxa, escrita e dirixida por Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, durante a segunda xornada daquel fito histórico chamado Cinegalicia. Tal e como apuntaban algunhas crónicas do momento, o filme partía dende o inicio como o “patiño feo” (Acuña, 1989) da selección, e pasou relativamente desapercibido en comparación coas outras dúas longametraxes que conformaron o programa (Continental, de Xavier Villaverde, e a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, que acaparou todas as miradas). Do mesmo xeito, ao volver a ela 30 anos despois, posiblemente sexa a obra que máis acusou o paso do tempo, resultando especialmente apropiado sometela a una relectura contemporánea.

O filme está dividido en tres capítulos ou relatos breves, ideados orixinalmente como curtametraxes independentes, que narran tres momentos na vida de Urxa (personaxe titular interpretada por Luma Gómez), unha muller con poderes sobrenaturais que representa o estereotipo da meiga na tradición galega. O primeiro deles, ‘O medallón de Urxa’, está ambientado a comezos do século XX e céntrase no traspaso de poderes atávicos entre a vella sacerdotisa e a súa discípula, Ádega, a través dun macabro ritual. Este primeiro relato encádrase no xénero fantástico, valéndose do folclorismo galego para presentar unha historia con compoñentes simbólicos sobre a custodia dos saberes tradicionais. O segundo capítulo, ‘O arcón de Petro Xesto’, é unha adaptación dun relato de Carlos García Reigosa que nos traslada ata os anos 40, presentando unha historia de corte máis costumista. Nesta ocasión atopámonos cun indiano que retorna á súa vila natal e decide soterrar un baúl onde aparentemente garda toda a fortuna que amasou no estranxeiro, desatando unha sorte de febre do ouro entre os habitantes da vila. Urxa-Ádega, amiga da infancia e antigo interese romántico do indiano, actúa como cómplice axudando a preservar o seu segredo. Por último, ‘O ídolo de Mider’ (inspirado no relato de Julio Cortázar ‘El ídolo de las cícladas’) é un conto de terror con trazos lovecraftianos centrado nun grupo de arqueólogos que, tras descubrir unhas antigas reliquias, acaba desatando unha maldición ancestral.



A estrutura en tres episodios, unicamente ligados pola feble presenza de Urxa (que se vai facendo máis anecdótica a medida que avanza a película), fai que a obra adoeza de certa irregularidade e falta de ritmo. Ademais do seu escaso peso narrativo, a personaxe de Urxa nunca chega a funcionar como un auténtico elemento de cohesión entre os tres relatos, que presentan un guión un tanto confuso e inconexo. No momento da súa estrea, a maior parte da crítica amosouse indulxente ante estas carencias, destacando o escaso orzamento do filme e o apresurado do proceso de reescritura e ensamblaxe das tres historias nunha única longametraxe. Con todo, as limitacións económicas e temporais dificilmente escusan algúns dos problemas de base que tamén presenta o filme, e que teñen máis que ver cun posicionamento ideolóxico e unha interpretación concreta da nosa cultura.

A pesar de tratarse dun máis que loable intento por abrir novas vías na cinematografía nacional (isto é, desenvolver unha sorte de cine de xénero e serie B en lingua galega, que puidese posicionarse e competir nun mercado global), a explotación de certos tópicos populares supón unha estratexia canto menos problemática. Mentres que nun primeiro momento o filme pode resultar estimulante para un público internacional polo seu “exotismo”, no fondo presenta unha visión bastante limitada da iconografía e a sociedade galegas, así como dalgúns problemas históricos como a emigración ou a represión (apenas esbozados nun segundo plano). A propia Urxa non é máis que unha versión parcial e distorsionada da meiga rural, que responde a algunhas das descricións recollidas polo profesor Carmelo Lisón (1979): “mulleres de certa idade”, de “carácter irascible” e “comportamento pouco cívico”, “vellas murmuradoras” e “entremetidas” de cuxa “actividade maléfica” é necesario protexerse. Apréciase por tanto un interese antropolóxico e unha vontade real por internacionalizar a cultura galega, pero ofrecendo unha imaxe superficial e restrinxida a estereotipos.

Cabe destacar que, a excepción do director de fotografía, Javier Serrano, o equipo do filme estaba integrado na súa totalidade por galegos. Porén, resulta evidente a súa falta de experiencia á hora de acometer un proxecto destas características. A pesar de contar cun reparto solvente, no que sobresaen nomes como Miguel de Lira, Ernesto Chao ou a propia Luma Gómez, as interpretacións son en moitos casos excesivamente forzadas e teatrais, cando non lixeiramente paródicas, probablemente debido a certa torpeza na dirección. Con todo, as virtudes de Urxa tamén merecen ser destacadas. Máis aló do voluntarismo e as boas intencións do proxecto, o filme de Piñeiro e García Pinal amosa un apartado visual especialmente traballado, cun deseño de produción e unha dirección de fotografía destacable. As composicións pictóricas de inspiración paisaxista (especialmente no primeiro e segundo relatos), e o uso intelixente dunhas luces e sombras acentuadas, axudan a construír as distintas atmosferas da película e a suplir algunhas carencias de produción. Do mesmo xeito, a música de Alecrín revélase como outro dos acertos do filme, aportando un carácter marcadamente autóctono e persoal a toda a obra.

Alén dunha análise puramente cinematográfica, non debemos perder de vista o encaixe histórico de Urxa nun proceso reivindicativo imprescindible para a conformación dun audiovisual propio, que culminou naquelas xornadas de 1989. Como sinalaba G. Vilas na súa crítica do filme, “o simple feito de ir acumulando longametraxes galegas será sempre válido, aínda que sexa para establecer puntos de referencia, ou simplemente crear un hábito de ver produtos galegos” (Vilas, 1989). Non obstante, o impulso que representou para a nosa cultura un acontecemento da envergadura de Cinegalicia non deberían ser nunca unha carta branca ao conformismo, senón unha base sobre a que seguir construíndo un cinema galego saudable e representativo, tan necesario agora como hai tres décadas.

Deseño de Julia Huete

Referencias:

ACUÑA, X. (1989). De meigas e feitizos. Faro de Vigo. Publicado o 25-11-1989.

LISÓN, C. (1979). Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia.

VILAS, G.. (1989). Celtismo en lata. A Nosa Terra. Nº410. Publicado o 30-11-1989.

Comments are closed.