TRUE GRIT, de Joel & Ethan Coen

LaBoeuf (Matt Damon) encarna a razón fronte á figura de Bridges, a alma

PISTOLAS ENFUNDADAS · 

Disfrazada de clasicismo, a súa pescuda xa non é ostentosa e a tensión circula agora polo interior do relato”1. Son as palabras de Carlos Reviriego describindo o cambio de estilo de Paul Thomas Anderson en There Will Be Blood (2007), filme de suma importancia para entender un fenómeno que se está a dar nunha xeración de autores norteamericanos que notan como a súa achega posmoderna torna caduca e volven a súa ollada a modelos máis clásicos que retorcen sen a hipertrofia referencial, ritmo rápido e o manierismo visual propios do Danny Boyle de Trainspotting (1997) ou o Guy Ritchie de Lock, Stock and Two Smoking Barrels (1998), aínda varados neses portos.

Mesmo o cineasta ianqui posmoderno por excelencia, Quentin Tarantino, decidiu centrarse máis no (arquetipo do) relato e nunha posta en escena depurada e máis estática nas súas dúas últimas propostas, Death Proof (2007) e Inglorious Basterds (2009). Por terreos semellantes transita o David Fincher de Zodiac (2007) e The Social Network (2010), e algo parecido podemos dicir dos Coen de True Grit (2010), aínda que eles chegan máis tarde e tamén partiron antes do posmodernismo. O ‘remake’ da película con idéntico título que Henry Hathaway realizara en 1969 non ten nada que ver co discurso dos irmáns, por moito que a historia sexa a mesma. Se ben eles din que é unha nova adaptación da novela de Charles Portis e nin tiveron en conta a versión antiga, as comparacións son inevitables. E non porque interese o exercicio de buscar paralelismos ou diferenzas en si mesmo, senón porque a través del podemos definir mellor o sutil cambio de rumbo apuntado.

Hai tres elementos que ilustran este xogo perverso co cinema clásico en True Grit. O primeiro é o uso da fotografía, pasando literalmente do día á noite, do lexible ó indefinido, permitindo usar a paisaxe e os tons como elemento psicolóxico. Por outra banda, as interpretacións son máis naturais, non só na procura de realismo, senón tamén para establecer unha dicotomía filosófica da que falaremos máis adiante. Isto, unido a unha narración en suspenso, sen inicio e fin representado, permite unha lectura política e meta-cinematográfica de calado.

Figuras fantasmais no crepúsculo do western

Valor de ley (1969)

Cogburn, de asasino afable...

A tripla obrigatoriedade dramatización-xerarquización-lexibilidade” no cinema clásico de Hollywood fai que “a iluminación dos actores non obedeza á lóxica da iluminación dos escenarios circundantes: vense ambos dramatizados, pero os actores son máis importantes que os decorados”2. Esta metodoloxía rómpese ca chegada do cinema moderno. Destas afirmacións pódense tirar varias conclusións. A máis evidente é que a nova True Grit non está tan pendente de sacar guapo a Jeff Bridges como o facía Hathaway con John Wayne. Non lle interesa porque o que conta é o realismo e, por outra banda, pretende facer da figura do ‘Rooster’ Cogburn, ese Marshall sen escrúpulos na procura dun foraxido para matalo, alguén máis gris, incluso negro, con arestas. Se Hathaway optaba pola luz do día, pola claridade en todos os aspectos do relato, os Coen van preferir a noite, as sombras.

Fronte a figura da estrela (a ‘movie-star’) como centro da composición, a fotografía de Roger Deakins logra facer da paisaxe e da contorna un personaxe máis que resalta a presenza fantasmagórica duns clixés en retirada, os personificados por Matt Damon e Jeff Bridges. Son sombras na noite, indefinidas, que entran e saen de escena como zombis. Representan a imposibilidade de presentarse con nitidez no Hollywood actual, onde o sistema clásico de western non ten cabida.

Valor de ley (2010)

...a rengueante pantasma.

Cogburn, personaxe afable e protagonista total na película de Hathaway, resultaba un ser entrañable que era redimido dos seus actos violentos polo seu valor e heroísmo -”He’s a man of true grit”, din na versión orixinal-. Molaba, era un fascista de pés a cabeza, pero molaba e era moi bo.

Os Coen toman a cousa con outra distancia. Cogburn bebe, blasfema, fuma e mata. Non ten escrúpulos á hora de tratar os criminais e toma a segunda emenda como un dereito fundamental e prioritario. Cando Mattie Ross (Haillee Steinfeld) decide capturar o asasino de seu pai, o seu instinto primario é recorrer a un home que sabe cumprirá os seus desexos de vinganza.

Cando Aristóteles chegou ó Vello Oeste

Co tempo, ve na figura do civilizado LaBoeuf, o aplicado Texas Ranger que os acompaña, unha mellor escolla pola constancia e convicción nas súas sólidas ideas, impolutas como bo funcionario da orde que é, capturando sempre con vida as súas presas. Se Cogburn simboliza a alma no binomio aristotélico, LaBoeuf é a razón. A moral persoal contra a lei. Nun momento da cinta, o segundo mesmo lle recita ó primeiro en latín, o que dá pé a unha das saídas de ton dun Bridges un pouco pasado de rosca.

Como comentabamos, un traballo cos actores máis realista e unha reinterpretación da novela, sobre todo nos diálogos, fan posible establecer estes paralelismos. O guión tampouco é manco no de trazar un discurso sutil sobre o crepúsculo do western e facer a través del unha lectura política ó tempo. Ó contrario que na película orixinal, a acción comeza co pai de Mattie xa morto. É ela quen conta un episodio que sente xa nos albores dos tempos. A saber canta dose de épica pon ela ó relato. Non hai A historia, esta é UNHA historia. Adicionalmente, os cambios no final evidencian esta liña de pensamento. Para Mattie a viaxe de volta é a perda da inocencia, o paso da xuventude á idade adulta, desprendéndose do amado poni que Cogburn forza ata a extenuación e perdendo un brazo no proceso. Do ‘happy ending’ pasamos a un “I’ve grown old”(“Xa vou vello”, máis ou menos) cando Bridges non chega a tempo á enfermería.

Anos despois, Mattie xa adulta, vai visitar a Cogburn a un espectáculo de Wild West no que traballa. A súa vida converteuse nunha atracción lúdica de escaso valor. Hollywood rengueante? Cambio de valores na sociedade norteamericana? Con todo o lío de Tucson, a Asociación Nacional do Rifle debe de estar en horas baixas. Con todo, non é doado abstraerse dun pasado histórico escrito en sangue. Hai unha parte de Cogburn que está na alma da sociedade estadounidense.

Por outra banda, gañou a batalla a razón? Mattie di que non volveu saber nada de LaBoeuf, que non sabe se nin estará vivo. A xustiza entra e sae de escena coma o personaxe de Damon, cando menos o esperas. Reclaman os Coen un Texas Ranger ou pretenden só crear unha parodia da lei que intenta sen éxito engaiolar as pulsións humanas? O que queda claro é que os revólveres do Vello Oeste acumulan po no estante e os irmáns de Minnesota non van facer nada para impedilo.

Sendo este un filme que non acaba de concretar a súa proposta, moi lonxe do estilo que os fixera famosos con obras como Fargo (1996) ou Miller’s Crossing (1990), ten á luz destas consideracións certo interese e apunta, como xa facía intuír A Serious Man (2009), un cambio de rumbo na filmografía deste dúo que pode desembocar aínda nun rexurdimento por desviación da súa proposta.

_____

(1) REVIRIEGO, Carlos. Dinámicas de la ambición, en Cahiers du Cinéma.España nº9 (febreiro 2008).

(2) REVAULT D’ALLONES, Fabrice. La luz en el cine, Madrid, Cátedra, 2003.

Comments are closed.