VERTICAL CINEMA: SOBRE A PERCEPCIÓN E A REALIDADE DO CINEMA EXPERIMENTAL
Un tende a pensar (e con isto refírome a min mesmo) que todo o relacionado co cinema experimental lexitímase unicamente desde os formatos analóxicos, a química, o uso das ferramentas propias da luz, o celuloide, as emulsións, a prata. Con este prexuízo, e non teño ningún pudor en afirmar que o teño, sentei durante a edición do 2014 do Festival Internacional de Cinema de Róterdam (IFFR) nunha igrexa a comungar con dez obras que compoñen o programa de Vertical Cinema1. Unha iniciativa da plataforma, e neste caso produtora, Sonic Acts en colaboración con Kontraste Festival, o Austrian Film Museum, Filmtechniek BV, Paradiso Amsterdam, a Axencia Espacial Europea, Stedelijk Museum Amsterdam e o IFFR. En síntese, Vertical Cinema é unha serie de traballos realizados por encargo (soa máis elegante ‘comisionados’) a gran escala, cun deseño adaptado ao espazo expositivo (neste caso o Arminiuskerk) que se pasan cun proxector customizado de forma vertical en 35 mm cinemascope
Un “monumento vertical, un monólito” (tal e como o describen os seus creadores) que “recolle unha mestura única de cinema abstracto, experimentos estruturais, remixes de metraxe atopada, exploracións químicas da película e accións con uso de láser rodadas en directo”. Claro, un le isto e di “non o perdo”, é o “evento de cinema experimental do ano”, “imos imos que as entradas se acaban” e todo o mundo, todos os programadores, cineastas, prensa acreditada, empezan a darse empuxóns dixitais para reservar un asento nesta vella igrexa desacralizada. Algúns chegan a darse empuxóns físicos na porta antes da sesión para conseguir coarse entre os afortunados agraciados cun last minute ticket.
E, por fin, sentamos, e apágase a luz. Eu no segundo andar, onde podo, pero tamén onde creo que se verá mellor o experimento en vertical. Outros en primeira fila, abrochándose os cintos para deixarse levar, ás veces moi rápido, outras de forma pausada, por esta “autoestrada” de celuloide. Celuloide? Bueno si, proxéctase en 35mm, iso é certo, pero como irei revelando ao longo desta crítica – crónica moito do que alí se viu – pouco tiña que ver co celuloide e moito coa aproximación científica (informática) ao cinema. Quede dito que as obras, e os comentarios, non están na orde de proxección orixinal. Imos alá!
A QUÍMICA, a Física e a Xeometría
Sen dúbida, unha das pezas que máis chama a atención é a primeira na orde do programa. Trátase de Chrome, da artista holandesa Esther Urlus2, unha homenaxe á placa de cristal autocromo inventada polos irmáns Lumière en 1904 para colorear fotografías en branco e negro. Mediante o tintado en vermello-laranxa, verde e azul-violeta de grans de fécula de pataca, e a ampliación do resultado, coma se dun microscopio cinematográfico se tratase, a artista compón este charco policromático, eternamente belo pola súa orixinalidade e o seu carácter plástico3.
Unha tormenta de neve cromática sobre un río vertical pola que discorren formas que nos chaman coma se fosen sirenas e que ‘engatusan’ ao espectador para deixarse levar cara a imaxe e, por momentos, afogarse nela. Aínda que esta mesma obra podería concibirse para unha pantalla convencional, é a única do programa que puidemos ver en Róterdam que defende a experimentación pura. Un último apuntamento, sirva como referente de modernidade se se quere, ou de querer rizar o rizo, se non se quere: a banda sonora de Chrome é unha adaptación electrónica de Huib Emmer dunha peza musical que se remonta á época de Auguste e Louis Lumière.
En Louver, Björn Kämmerer xoga co encadre vertical ao mover horizontalmente e con distinta cadencia uns fluorescentes que terminan converténdose nun “obturador xigante”. Unha cámara fixa, por tanto un único ángulo, un plano fixo e co que se xoga é co ritmo interno dos elementos que atravesan o encadre con distintas cadencias. Unha idea orixinal, simple, pero evocadora que tiña como obxectivo afastarse de interpretacións abstractas e coa que o autor neste caso pretende retratar o paso do tempo. Para min unha das mellores pezas da sesión pola súa sinxeleza. Como dato curioso, Louver é unha pequena ‘superprodución’ rodada nun estudo, cunha estrutura cuxa altura total chega aos oito metros. Os primeiros ensaios, coincidencias, fixéronse nunha igrexa.
Pyramid Flare, do austríaco Johann Lurf é algo así como un ‘estudo estrutural’ sobre unha pirámide. De entre todos os artistas que expuxeron / proxectaron as súas obras en Vertical Cinema, Lurf foi o único que se tomou ao pé da letra o tema do 35mm en vertical. Cunha cámara en cinemascope anamórfico deitada rodou imaxes en diferentes momentos do día e dende varios ángulos dun edificio con forma piramidal na cidade de Praga. Breve, dura 5 minutos, e se cadra non é do máis rechamante do programa. Iso si, a planificación ten a súa dificultade, xa que implica un movemento constante, ademais do desprazamento en diagonal do eixo e movemento óptico de aproximación, combinado co movemento físico da cámara.
AS SIMULACIÓNS INFORMÁTICAS, o ruído e os píxeles
#43 do holandés Joost Rekveld é unha suxestiva sucesión de cadros cuxos bordos burbullan desintegrando esas formas rectangulares e equiparándoas ao fondo (tamén burbullante). Na súa ‘xustificación’ o autor expón que a súa intención era xerar sistemas nos que os píxeles se converten en axentes comparables a células orgánicas. Unha carga de enerxía inicial ponos en movemento (aos píxeles) e a partir de aí desprázanse, descompondo a imaxe aos poucos, ás veces fusionándose cos seus píxeles veciños, de forma espontánea, impredicible. A idea provén das primeiras teorías da cibernética a principios dos 50, que máis tarde evolucionaron en teorías de sistemas dinámicos como a das catástrofes, complexidade e vida artificial. Visualmente é unha peza que non resulta incómoda de ver, non obstante, afín aos meus prexuízos previamente expostos, case non puiden recuperarme do desgusto ao saber que todo eran simulacións informáticas.
V~, de Manuel Knapp, é novamente un tipo de experimentación máis próxima á informática e aos “procesos da creación derivados das forzas da materia numérica”. Auto xeración de números que se xeran e destrúen a si mesmos conforme os ditados polos códigos dun software. O que se traduce en imaxe como composicións xeométricas en branco sobre fondo negro que aparecen, se deforman e varían segundo o tempo da banda sonora. No seu momento odiei eses 9’20’, aínda que debo recoñecer que se o proxectan acompañando un concerto de Radiohead, xa non me chocaría tanto.
Bring Me The Head Of Henri Chrétien! de Billy Roisz e Dieter Kovačič é unha obra que se pode defender dende, e parafraseo o catálogo, “a experimentación cun xénero cinematográfico, o Western, que á súa vez se caracterizou por experimentar e explotar a anchura da pantalla de cinema exhibindo paisaxes espectaculares”. Descompondo unha escena dunha película do Oeste nun mar de tonalidades dixitais de cores chillóns cun son chirriante non me parece unha homenaxe apropiada. Máis ben é unha pallasada4.
Rosa Menkman móstranos a súa versión particular da superficie da Lúa en Lunar Storm. Unha paisaxe composta pola compresión do son en imaxe, do ruído traducido en efectos dixitais. O efecto evoca algo que se parece á xeografía do satélite natural, pero que é en realidade un fenómeno artificial. Menkman traballa con ‘glitches’ ou erros informáticos que moitas veces vemos en vídeo-xogos debido a ficheiros danados ou mal localizados. Neste caso estes travesos elementos desprázanse de tal modo que parece que sobrevoamos a lúa.
Os HÍBRIDOS. Vídeo en cinema, imaxes do espazo, cinema expandido
Makino Takashi únese ao colectivo holandés Telecosystems para dar forma á súa peza Deorbit. Do xaponés provén un banco amplísimo de imaxes da natureza; dos seus compañeiros dos Países Baixos, a colección de imaxes da Axencia Espacial Europea. Un amasillo de imaxes superpostas, ata 20 capas de vídeo, que narran a caída de Ícaro tras derreterse as súas ás por querer voar demasiado alto. Ao mesmo tempo, unha caída cara as profundidades do Universo, un ir e vir (como defenden os autores) do analóxico ao dixital, do vídeo ao celuloide. A viaxe resultante da fusión destes elementos é horrible, cativadora, provoca calafríos que se acentúan coa percusión que acompaña as imaxes.
Dá medo, pero en plan ‘Japanese style’, é inquietante quero dicir. De todas as obras realizadas orixinalmente en soporte dixital, e a pesar de arremeter un pouco contra elas, esta é a mellor do grupo. Se cadra é porque se pensou para ser despois filmada en 35mm, como ben di Makino “cun coidado especial sobre o brillo das imaxes”. Este paso do vídeo ao celuloide é a especialidade do xaponés, e isto xera un abismo con respecto aos compañeiros do proxecto vertical.
De dez títulos, dous son os que decidín cualificar como ‘cinema expandido enlatado’ (non podía faltar). Tina Frank, deseñadora gráfica, media artist e catedrática na Universidade de Linz (Austria), fai uso do Synchronator, un aparello que converte o audio en sinal de vídeo composto5, para compor Colterrain. Trátase dunha sucesión de liñas de cores que bailan xerando un efecto estroboscópico. Difícil de ver sen inmutarse, sen que se che acelere un pouco o pulso e sentir mareos. Ten ‘trampa’ xa que a música que xera as imaxes neste caso pertence a Ivan Pavlov, o músico e enxeñeiro de son ruso mellor coñecido como CoH. Non obstante, hai algo que non se aprecia na pantalla durante o visionado. A pista reprodúcese en vivo e xera as imaxes que á súa vez se filman de forma analóxica (aínda que despois dixitalízanse e pasan a imprimirse en 35mm). É dicir, é unha performance ‘filmada’, e de feito de forma convencional, é dicir, horizontal. Se a música se interpretase en vivo e as imaxes se proxectasen sobre unha pantalla, poderiamos falar de algo próximo ao cinema expandido, pero aquí servíronnolo en lata.
Tamén en lata consumimos Walzkörpersperre. Unha combinación explosiva: Gert-Jan Prins, especialista no ruído electrónico e as súas calidades sonoras e musicais, e Martijn van Boven, artista que traballa co procesamento moderno da imaxe no contexto do cinema expandido. Proxectando luz branca cun láser RGB sobre un muro antitanque dun búnker da Segunda Guerra Mundial, rexistraron os efectos con dúas cámaras cunha lixeira desincronización e diferente tempo de exposición (explícano mellor neste extracto de entrevista da web do proxecto6). Visto na pantalla vertical é moi cool, se o fan en vivo, aínda máis. Seguramente farán unha versión para perfomance, iso espero. Como peza, non obstante, funciona menos ben (que conste que non dixen mal).
REFLEXIÓNS FINAIS
Vou seguir sendo sincero. O problema con Vertical Cinema en Róterdam foi que xerou demasiadas expectativas. Vendeuse moi ben (houbo mesmo un segundo pase que non entraba nos plans), vendeuse como unha volta ás orixes do festival, defendendo outros modos de ver o cinema, alternativos, experimentais se se quere. Algo que leva facendo moito tempo o IFFR. Este ano estivo por aquí Jodie Mack, e a sección Spectrum Shorts volveu deleitar con programas como Order of things, Plastic people, Resolution ou Silver (no que se puido ver o último traballo de Pablo Mazzolo Fotooxidación). De feito este último programa, Silver, foi para os entendidos (iso se escoitou nos círculos) moito mellor que o que aquí nos ocupa.
Vertical Cinema vendeuse como unha experiencia irrepetible, cando en realidade é un produto pensado para a itinerancia. O Arminiuskerk albergouno en Róterdam, pero xa se pasou no Kontraste Festival en Austria en outubro de 2013, e agora en Amsterdam no Stedelijk Museum. Está “available for booking”, é dicir, que se aluga. E iso está moi ben, hai que amortizalo, non esquezamos que as obras foron ‘comisionadas’. E se se le como o que é, entón é un produto xenial, unha sesión digna e variada con diferentes propostas para todos os gustos (eu quitaría dúas, pero non direi cales, non vaia a ser). Se tedes oportunidade de ir velo, ou de súpeto un festival próximo o programa, non o pensedes dúas veces, ide. Eu repetiría7.
___________
1 Máis información en www.verticalcinema.org
2 Esther Urlus é a fundadora do colectivo WORM.filmwerkplaats, un grupo aberto de artistas que traballan en Super 8, 8mm, 16 y 35mm no espazo aberto (en Róterdam) no que, cada vez que se pode, ofrécense obradoiros con cineastas experimentais de recoñecido prestixio (por exemplo, Makino Takashi pasou por alí en 2012).
3 Las imágenes de Chrome han sido creadas mediante la aplicación con aerógrafo de una mezcla casera de emulsión de película en estructuras de grano a una película transparente en 16mm. Los ‘negativos’ resultantes se han expuesto y revelado en imágenes en blanco y negro. Capa por capa las imágenes se han transformado a color, dando como resultado figuras con forma de lágrimas que parece que caen y se fragmentan.
4Aínda que hai cineastas experimentais que converten a pallasada nunha arte, como fixo o austríaco Martin Arnold en Shadow Cuts (2010) con Mickey e Pluto, pero Roisz e Kovačič non son Martin Arnold, a pesar de intentar facer uso de metraxe atopada (found footage) e de tamén ser austríacos.
5 O colectivo Sonic Acts no seu festival de 2013 empregou este ‘instrumento’ nun concerto performance do seu ‘Synchronator Orchestra’, no que a propia Tina Frank formou parte do cartaz. De feito, se vos apetece e queredes adquirir un aquí haino por 150 dólares http://www.synchronator.com/device.html
6 MB What do we see in Walzkörpersperre?
MvB Light projected onto a German anti-tank wall…
GJP …with an RGB laser projecting white light…
MvB …controlled through Gert-Jan’s machines.
GJP We made our own laser control unit that we took to the bunker with all the other gear: several electronic signal generators, two cameras and two laptops to control the aperture and long exposure times, and food.
MvB This setup enabled us to project several light paths on the anti-tank wall simultaneously. We experimented with different exposure times. If something looked interesting we set it to 1000 images. The laser created shapes for 45 minutes that were filmed by two cameras recording in or slightly out of sync and with different time exposures to make dissimilar images… a simple system of electronically controlled light-scribing. In the past it could be done with a torch, but we used an electronically controlled laser and computer-controlled cameras.
7 Aquí unha ollada ao programa http://vimeo.com/sonicacts