X-MEN: DAYS OF FUTURE PAST, de Bryan Singer

21 X-Men Days of Future Past 2

Bryan Singer non inventou a adaptación cinematográfica do cómic superheroico (sen ir máis lonxe, antes del Richard Donner e Tim Burton xa levaran con éxito á gran pantalla a Superman e Batman), mais o seu achegamento ao universo da Patrulla-X (X-Men, 2000; X2, 2003) desmarcouse do visto até entón e sentou as bases do que debería ser o filme de superheroes canónico e moderno: conxugando o respecto cara ao material de orixe coa achega de intelixentes novidades que logo serían copiadas polos propios tebeos, e equilibrando unhas ensaladas de hostias moi ben coreografiadas e abundantes en efectos especiais de última gama con tramas adultas, deseñou un cianotipo que seguirían os posteriores achegamentos autorais ao xénero, como a triloxía de Spider-Man de Sam Raimi (2002, 2004, 2007) ou a do Cabaleiro Escuro de Christopher Nolan (2005, 2008, 2012). A partir destes sólidos cimentos, Marvel foi quen de erguer o proxecto superheroico multimedia definitivo coa súa liña dos Vingadores, abrindo unha serie de franquías individuais (adicadas de momento a Iron Man, o incrible Hulk, Thor e o Capitán América) que se fusionarían no crossover fílmico aglutinador The Avengers (Joss Whedon, 2012), dando lugar á súa vez ao spin-off televisivo Agents of S.H.I.E.L.D. (Joss Whedon, Jed Whedon, Maurissa Tancharoen, 2013-). Nesta fase manierista do cinema de superpoderes, na que se estrean unha ou dúas adaptacións pixameiras ao mes, Singer decidiu volver á familia mutante desde onde iniciou toda esta moda para reflotar a súa saga e, se cadra, sentar cátedra de novo.

O seu regreso prodúcese no momento máis propicio para todos, pois non está claro a quen lle facía máis falta: se Singer aos X-Men ou os X-Men a Singer. Desde que o realizador neoiorquino abandonou a mansión-X, non facía unha a dereitas: o seu intento de resucitar cinematograficamente a Superman (Superman Returns, 2006) e unha Valkyrie (2008) demasiado dobregada ao servizo de Tom Cruise non tiveron a faísca do seu díptico anterior, e de Jack the Giant Slayer (2013)… mellor nin falar (que cona lle estaría a pasar ao tipo que unha vez dirixiu The Usual Suspects (1995)?). Ao mesmo tempo, sen Singer ao temón, a franquía dos mutantes pronto perdeu o rumbo. A terceira parte, X3: The Last Stand (Brett Ratner, 2006), foi un despropósito tanto argumental como pirotécnico, así que os responsables do estudo Fox optaron polo reboot tras uns anos de barbeito: a cuarta entrega sería unha precuela das fitas precedentes con novos actores. X-Men: First Class (Matthew Vaughn, 2011), ambientada nos anos sesenta, tiña algún que outro acerto, pero a súa mestura de xéneros (cinema de espías?) non acabou de callar do todo e o trompazo que levou na recadación fixo saltar as alarmas: ou á seguinte ía a vencida ou habería que pechar a caseta.

O X indica o lugar

Non nos enganemos. X-Men: Days of Future Past (2014) é, ante todo, unha gran manobra comercial para relanzar unha marca rexistrada en horas baixas recuperando a un director con soleira ao que lle viña ben un empurronciño. Que mellor estratexia daquela que adaptar unha das mellores historias do cómic orixinal para comezar con bo pé? A aventura en dúas partes Días do futuro pasado (1981), escrita por Chris Claremont e debuxada por John Byrne, foi un fito no seu momento: a súa premisa dun viaxeiro dun futuro apocalíptico gobernado por robots que regresa ao pasado para tentar evitar que esa distopía teña lugar marcou a varias xeracións de lectores e inspirou moitas obras posteriores, coma Terminator (James Cameron, 1984). Ademais, a escusa dos saltos temporais víñalle que nin pintada á película, pois permitíalle fusionar a xeitosa triloxía inicial coas novas encarnacións rexuvenecidas das que dependía o porvir do produto.

21 X-Men Days of Future Past 3

No filme é Lobeto e non Kitty Pryde o que viaxa no tempo coa misión de previr o desenvolvemento dos robots sentinelas que exterminarán a raza mutante, sen dúbida polo tirón do personaxe interpretado por Hugh Jackman. Á parte desta, a adaptación tómase numerosas licenzas, mais en xeral mantense bastante fiel ao espírito da banda deseñada de partida. Sorprende, iso si, que este relanzamento mercantil prescinda da presentación do elenco para dirixirse exclusivamente a un público iniciado: dáse por feito que con Netfllix e demais plataformas de streaming toda a audiencia puido pórse ao día na saga… e se non, que se suban sobre a marcha. Nesta nova fase de expansión, as películas copiaron a continuidade e serialización das historietas que adaptan, co bo e o malo que iso implica: hai que coleccionar todas as obras para gozar da experiencia, e ter a memoria lista para lembrar nomes e datos (onde veriamos antes a ese tal Stryker?).

O que queda claro é que das dúas liñas temporais, os produtores apostan polo sangue novo de First Class (convenientemente tutelados pola superestrela Lobeto), que son aos que lles ceden a parte do show con máis chicha, deixando os restos para unha promoción primixenia que aquí exercen pouco máis que comparsas de luxo nunha ambientación crepuscular. Chegouse a filmar con eles unha subtrama de media hora na que Magneto e Xavier tentaban liberar a unha encarcerada Pícara (a gran damnificada Anna Paquin), pero que quedou na sala de montaxe para non exceder as dúas horas de metraxe – unha equivocación, pois parte do éxito e o encanto da saga debeuse no seu momento ao duelo de diálogos shakespearianos duns carismáticos Patrick Stewart e Ian McKellen (James McAvoy e Michael Fassbender téntano como os seus sosias, pero lamentablemente non conseguen a mesma química). Cando menos, co final (definitivo?) que lles conceden a estes personaxes, conseguen emendar en parte as tropelías cometidas con eles.

O factor X de Singer

O gran beneficiado da operación é sen dúbida Bryan Singer, que recupera o virtuosismo das súas primeiras contribucións e compón algún dos seus mellores espectáculos visuais nesta fita. Hai dúas secuencias particularmente abraiantes: a primeira batalla contra os sentinelas, adrenalínica de principio a fin (algúns poderes, como os portais de Blink, son moi vistosos), e o rescate de Magneto no Pentágono, na que o velocista Mercurio (Evan Peters) lócese revolucionando o “tempo bala” de Matrix (Andy e Lana Wachowski, 1999). Por non falar do que se divirte o realizador seguindo o exemplo de Vaughn e intercalando unha posta en escena retro (con cambios de ratio e filtros) nun par de pelexas de 1973, dándolles un efecto metalingüístico de found footage.

21 X-Men Days of Future Past 4

Con esta caste de filmes industriais ás veces custa ignorar mentres se visionan que son meros exercicios especulativos destinados a recadar millóns de dólares. Neste caso, o obxectivo acadouse (hai garantida unha nova entrega, Apocalypse, para 2016), así que todos contentos. Cinismos aparte, hai que recoñecer o mérito de certos creativos en elevar o listón destes blockbusters estivais, tentando que cumpran os seus obxectivos financeiros sen renunciar a facturar produtos minimamente dignos. Non todos os rompebilleteiras se confeccionan con tantas ínfulas: este leva varias escenas con subtítulos, inclúe referencias históricas á guerra de Vietnam e á presidencia de Nixon (moi ben aproveitadas), e recupera o subtexto subversivo (os mutantes como metáfora dos gais e outras minorías oprimidas) que Singer coou desde a primeira fita (dá que pensar a elección de Peter Dinklage para encarnar a Bolivar Trask, o azoute dos disidentes: moitas lecturas hai aí). Days of Future Past é cinema mainstream e non o oculta, mais prefire subverter certas expectativas e servir algo complexo e con sustancia para acompañar os flocos de millo. Singer tivo e retivo, logrando redimirse dos seus últimos tropezos, malia que non recupere a batuta de condutor da cousa superheroica, que agora está en mans de Whedon e dos seus Vingadores. 

Comments are closed.