BILL DOUGLAS: FILMAR SOBRE A MEMORIA

21 Bill Douglas - My Ain Folk 2

Entre 1972 e 1978 o cineasta escocés Bill Douglas asina unha triloxía sobre a infancia composta por tres filmes de importante carga autobiográfica que se moven nos lindes da imaxinación, a memoria e o realismo. My Chilhood (1972), My Ain Folk (1973) e My Way Home (1978) compoñen unha obra de extraordinario rigor formal que, a través de pequenas escenas do cotiá de Jamie, alter-ego do propio Douglas, nos achega á primeira etapa vital do cineasta, desenvolvida na máis absoluta precariedade dunha pequena vila mineira das aforas de Edimburgo logo da II Guerra Mundial.

Adoito emparellada con dúas grandes triloxías cinematográficas de aprendizaxe, a de Apu, do indio Satyajit Ray, e a de Maxim Gorky, do soviético Mark Donskoy (1), o xogo entre memoria e representación que artella Douglas lévanos tamén a pensar en The Terence Davies Trilogy (Terence Davies, 1983). Se ben a obra do cineasta de Liverpool caracterízase por un tempo narrativo máis lene, ambos directores atopan nas súas triloxías un espazo para o distanciamento reflexivo arredor da conformación do seu propio “eu”.

A miña infancia

En My Childhood, primeira peza da triloxía, asistimos á presentación de Jamie, un rapaz duns dez anos que vive, canda a súa avoa materna e o seu curmán Tommy, nunha vivenda de tixolos idéntica a calquera outra da vila mineira de Newcraighall. O lugar natal de Bill Douglas defínese como un espazo de devastación: o declive industrial de Escocia na década dos corenta, sumado á bancarrota da Segunda Guerra Mundial, deixa á clase obreira británica á intemperie, nunha caste de paisaxe postnuclear que non fica moi lonxe da distopía de Peter Watkins en The War Game (1965). A precariedade económica da cunca mineira maniféstase de xeito cru no interior das vivendas, debuxando un panorama de violencia estrutural que se imprime no corpo de cada protagonista. O rostro escindido de Jamie, ollando ao baleiro, semella tentar enxergar a ausencia, convertendo todo acto de vida nun acto de resistencia.

My Childhood (Bill Douglas, 1972)

My Childhood (Bill Douglas, 1972)

A estrutura elíptica de My Childhood, que renuncia en todo momento a unha narración causal, fai que tardemos en comprender as complexas relacións humanas que rodean ao protagonista, dominado por un perpetuo sentimento de perda. O abandono paterno, a alienación mental da nai, e a morte, primeiro da avoa materna e máis tarde do avó paterno, levan a Jamie a se aferrar a un estoico instinto de supervivencia, que o deixa nun estado de latencia emocional. Porén, o páramo existencial que rodea a infancia do pequeno verase salpicado en cada un dos episodios por encontros inesperados pero significativos para o seu crecemento: a complicidade cun prisioneiro de guerra alemán en My Childhood, a fortaleza de pensamento do seu avó paterno en My Ain Folk, e finalmente, en My Way Home, a amizade de Robert, un rapaz con profundas inquedanzas que aproxima a Jamie ao mundo das artes. O propio cinematógrafo, espectáculo por aquel entón asequíbel ás clases populares, semella unha vía de escape fundamental para o rapaz, ao permitirlle dialogar con si propio e imaxinar outras realidades posibles. (2) Estas escenas lémbrannos as liberadoras fuxidas ao cinema ambulante de Июль (July, 1988), a abraiante ópera prima do kazako Darezhan Omirbayev, outro gran cronista da infancia.

Atravesar o filtro da memoria

Pero My Childhood é, antes de máis, a presentación dun estilo esencial, o do propio Douglas, que mediante unha linguaxe elíptica e fragmentada despoxa o seu cinema de todo o accesorio. As imaxes, case sempre fixas, breves e dislocadas, acadan unha relación dialéctica ao friccionar na sala de montaxe. Esta confianza plena no potencial creativo do proceso de edición remite directamente á teoría e a praxe dos grandes do mudo soviético, mais será fundamentalmente nas Notas sobre o cinematógrafo de Robert Bresson (1975), onde atopemos a inspiración, non sabemos se consciente ou non, do cineasta escocés.

A montaxe de imaxes, por veces frenética, xogará unha singular carreira de relevos coa banda do son que outorga á triloxía boa parte da súa capacidade suxestiva. Consciente da natureza esencial do son como activador da memoria, Bill Douglas atopa no audio que acompañou os seus primeiros anos de vida, tanto no eido colectivo (sereas que anuncian a saída da mina, o bruído do tren) coma no doméstico (o vaivén do mexedor no que repousa a avoa ou o miañar dun gato con fame), a banda sonora afectiva da súa infancia. A violencia física, que ten lugar nos máis dos casos fóra de campo, chega a nós a través da banda de son e resulta, por iso, aínda máis brutal. (3)

My Way Home (Bill Douglas, 1978)

My Way Home (Bill Douglas, 1978)

Finalmente, a triloxía de Douglas pódese definir como unha sucesión de corpos en crise, sublimados a través do retrato. Cada personaxe aparece nalgún momento ante a cámara nun rexistro similar ao do retrato fotográfico, desprovisto de calquera vontade dramática, apelando directamente ao espectador que non pode, a partir de aí, ocupar unha posición de neutralidade. Seguindo a Comolli, ese “filmar a cobertura sensible dos seres e das cousas pero para adiviñar e desenmascarar a súa parte secreta, escondida, maldita”. (4) A capacidade para o retrato do cineasta escocés foi subliñado por Javier H. Estrada nun artigo recente no que pon en relación a obra de Douglas coa do fotógrafo Chris Killip, outro cronista da clase traballadora británica de postguerra. (5)

Toda peza autobiográfica xera unha inevitábel tensión entre realismo e memoria. Consciente disto, Bill Douglas opera diversas rupturas que impiden a lectura cronolóxica dos acontecementos, a través de continuas elipses que xeran unha narración fragmentaria. En ocasións a imaxe acada certa dimensión onírica provocando o estrañamento no espectador e evitando calquera ilusión de realismo. A este respecto, o propio Douglas citaba acotío a seguinte sentencia de Anton Chekhov: “Escribo sobre a memoria, non directamente sobre a vida. O tema debe pasar a través do baruto da memoria, e deste xeito só o que é esencial ha ficar nesa caste de filtro”. (6)

Seis horas de celuloide

Malia contar cunha boa acollida por parte da crítica e da escena británica do momento (7), a obra de Douglas foi relegada co paso dos anos ao esquecemento. As dificultades para atopar fondos que financiasen os seus proxectos posteriores fan que, antes da súa morte en 1991, só consiga rematar Comrades (1986), filme de tres horas e escrita máis convencional pero non exento de paixón, que ten a virtude de situar nun mesmo tempo e lugar a xénese de dous logros fundamentais: a organización colectiva dos traballadores e os primeiros enxeños pre-cinematográficos.

Vista en perspectiva, a triloxía da infancia de Douglas semella unha illa dentro da historia do cinema británico, ao non adscribirse na tradición realista e documental de orixe griersoniana, nin na por entón xa esmorecente xeración do Free Cinema. Se cadra o paralelismo haxa que buscalo nos anos corenta, no virtuoso manexo da montaxe sonora doutro cineasta sen par, o inglés Humphrey Jennings. Afortunadamente unha magnífica restauración da obra de Bill Douglas, editada en DVD e Blu-Ray polo British Film Institute permítenos agora revisar unha obra tan breve coma inesquecíbel.

My Ain Folk (Bill Douglas, 1973)

My Ain Folk (Bill Douglas, 1973)

(1) A esta última adícalle dúas pequenas citas, ao empregar en My Childhood o mesmo título co que se distribuíu internacionalmente a primeira peza da triloxía de Gorky –Детство Горького (Gorky’s Childhood, Mark Donskoy, 1938), e logo xa, en My Way Home, cando o protagonista se inicia na lectura coa Autobiografía de Maxim Gorky.

(2) Non é casual que My Ain Folk comece cun plano en cor de Lassie Come Home (Fred M. Wilcox, 1943) que contrasta coa textura gris de toda a triloxía.

(3) Lorsq’un son peut remplacer une image, supprimer l’image ou la neutralise. L’oreille va davantage vers le dedans, l’oeil vers le dehors” (“Cando un son pode remprazar unha imaxe, suprimila ou neutralizala. O oído vai máis cara a dentro, o ollo máis cara a fóra”). Bresson, Robert. (1975) 2002. Notes sur le cinématographe. Paris: Gallimard: 62-63.

(4) Comolli, Jean-Louis. 2002. Filmar para ver”. Buenos Aires: Ed. Simurg / Cátedra la Ferla (UBA): 129.

(5) Estrada, Javier H. 2014. “Poética del estoicismo”, Caimán. Cuadernos de cine 24: 52-53.

(6) Ver Graham, Rhys. 2000. “The Glimpse Given Life: An Elegy for Bill Douglas”, Senses of Cinema 10. Consultado o 30 de abril de 2014. http://sensesofcinema.com/2000/10/douglas/

(7) O cineasta e animador do Free Cinema Lindsay Anderson denominou naquela altura a Bill Douglas como “o poeta do cinema británico”.

Comments are closed.