BABYTEETH (O GLORIOSO CAOS DA VIDA), de Shannon Murphy

© Lisa Tomasetti / Avalon

A pel é fina cando estás medrando, máis aínda cando tes obstáculos que che impiden expandirte do xeito que te reclama o peito. As cores multiplícanse, esvanecen, xogan. O subconsciente vólvese o máis férreo compañeiro de experiencias. O aire pesa, o tempo pesa, as decisións pesan. “Como amar cando non tes nada que perder?” Esta é a continua pregunta que as creadoras deste filme tiñan en mente cando o realizaron. Cando armaron esta extraña e perfecta melodía do universo de Babyteeth no que o sentimento engana e a impotencia afoga.  

Mila é unha adolescente tímida, fráxil, sen moitas amigas. Namora tremendamente de Moses, un mozo problemático que exerce como camelo. Mila padece graves problemas de saúde que non lle permiten levar unha rutina normal, o que fai que os seus pais, ela pianista e el psiquiatra, se preocupen excesivamente por todo o que fai, aínda máis cando empeza a andar co rapaz. Esta relación, que comeza sendo un tremendo problema familiar, remata por converterse nunha cotidianidade e Mila empeza a experimentar e a entender o que é un primeiro amor, o que significa a vida e a incomprensión e o que conleva vivir todo isto coa carga da súa enfermidade. 

A COVID e o confinamiento fixeron que tiveramos que agardar por todo, tamén polo cinema e por esta ópera prima de Shannon Murphy, que se estreaba o pasado setembro, fai case un ano, no Festival Internacional de Cine de Venecia e era proxectada posteriormente en lugares como o BFI London Film Festival. Colleitou algúns premios como o de Toby Wallace (Moses) en Venecia, que foi galardoado co Marcello Mastroianni ao Mellor Actor Novo. Babyteeth chegaba finalmente ás salas estadounidenses o pasado xuño, e ás australianas en xullo. Aparece en España por fin baixo o nome de O glorioso caos da vida, con perspectiva de que non defraudará nesta nova normalidade nas salas de cine. 

O filme baséase nunha obra da dramaturga e actriz australiana Rita Kalnejais. Un drama familiar ateigado de humor acedo, que fai gracia ata que deixa de facela, na que tes a sensación de que todas as decisións tomadas son as peores pero que conforman un caos glorioso. Kalnejais, descuberta e apoiada polas produtoras da película, Alex White e Jan Chapman, encargouse da adaptación da peza ao cinema e converteuse na guionista. A dirección asuminuna Shannon Murphy, a cal declarou que non dubidou en aceptar o proxecto pola forza que lle transmitiu dende o primeiro momento. Confórmase deste xeito un equipo maioritariamente de mulleres, algo bastante raro e necesario na industria cinematográfica. 

© Lisa Tomasetti / Avalon

Murphy viña xa de dirixir varias producións teatrais australianas e estranxeiras con bastante éxito, recibindo premios e becas polo seu traballo, como  o Premio do Teatro de Sídney​ pola estrea en Australia de My name is Rachel Corrie ou as becas Mike Walsh e Instyle and Audi Women of Style. As súas curtametraxes teñen percorrido os festivais máis importantes do mundo: Kharisma, en Cannes, Toronto, o Festival de Palm Springs ou o Interfilm de Berlín, ademais de recibir unha nominación aos premios da Academia Australiana de Cine e Televisión; Eaglehawk, no Festival de Sídney​ e no de Melbourne, e nomidada aos premios Dendey. Pero o traballo máis recente de Murphy é na dirección de populares series de televisión, como Rakr, Love Child, Offsping, Sisters ou a miniserie On the ropes, pola cal foi nomidada polo Sindicato de Directores de Australia e cuxo traballo foi valorado e considerado á hora de pensar nela para afrontar o proxecto de Babyteeth.

Cabe destacar o gran reparto co que conta esta obra. A protagonista, Eliza Scanlen (Mila), asume e encarna perfectamente este papel de adolescente angustiada polo universo que todas coñecemos e vivimos nas nosas propias carnes, mais neste caso co aínda máis complexo feito da presenza da enfermidade, chegando a raparse realmente a cabeza para poder comprender mellor ao seu personaxe. Scalen viña de participar nos últimos tempos en proxectos como a serie de HBO Heridas Abiertas, a película de Greta Gerwig Mujercitas ou The Devil All the Time para Netflix. Moses, o seu compañeiro de aventuras en Babyteeth, está intepretado por Toby Wallace, actor de teatro e cinema australiano que se converte nesta xeira no máis problemático fillo, rexeitado pola súa propia familia, adicto e pequeno traficante de barrio para sobrevivir. Súmanse a este casting Essie Davis e Ben Mendelsohn (os pais de Mila), consagrados intérpretes australianos que retornan ao seu país de orixe para meterse na pel dunha inestable e algo desequilibrada parella que non consegue respirar tranquila pola saúde e as compañías da súa filla. 

Babyteeth preséntase como unha intensa e dolorosa historia disfrazada de filme indie adolescente. As enfermidades terminais, a presencia da morte ou o desequilibrio non son temas agradables, menos aínda cando se trata de xente nova. Mais neste filme, o desgaste mental e corporal, as consecuencias da morfina, a caída do pelo ou a rotura do corazón son presentados con naturalidade e sen darlle a cualidade de tabú que normalmente se lles atribúe. Mila é adolescente e non deixa de selo e de reaccionar como tal a pesar da negrura que lle toca vivir. Chama a atención o tratamento da paternidade, presentando de xeito sútil pero latente a inestabilidade á hora da crianza. Sae á luz o sacrificio persoal e individual, moitas veces inxustificado, para intentar mellorar o estado da filla e o constante recurso da automedicación e das drogas de farmacia para superar o día a día e asumir a realidade. Como ópera prima, o filme tamén ten os seus defectos, como a pretensión de remarcar un estilo demasiado propio e autoral ao longo do filme, que se desdibuxa nalgunhas partes e cae en recursos algo trillados como a mirada a cámara ou os neons de cores. Querendo lembrarnos talvez a traballos como Lady Bird (Greta Gerwig, 2017) ou Fleabag (Phoebe Waller-Bridge, 2016). Aínda así, Babyteeth, O glorioso caos da vida, érguese como unha película resistente e interesante, na que o sentir e o vivir enrédanse de tal xeito que acaban xerando unha explosión.

© Lisa Tomasetti / Avalon

Comments are closed.