CURTAS 2015: BOA COLLEITA LUSA

noite sem distanciaCurtas Vila do Conde é un festival que sempre pode presumir da súa sección nacional. Heteroxénea e irregular, como todas as competicións deste estilo, é raro que en cada edición non despunten varios títulos, coma foi o caso de 2015, que veu acrecentado este éxito mediante a produción de catro curtametraxes dende o festival.

Da primeira delas, do galego Lois Patiño, xa apuntamos algo nunha crónica anterior, mais haberá que precisar certos aspectos de Noite Sem Distância (2015). A recepción do filme, a pesar da súa viaxe por festivais, non semella estar a ser tan entusiasta como a de Costa da morte (2013). Cómpre dicir que non é unha película tan de público, pois Patiño escapa do figurativo e indaga coas formas, máis na liña de Montaña en sombra (2012). A cinta vai sobre o contrabando entre España e Portugal. Unhas mercadorías pásanse dun lado da raia ao outro, en esencia esa é a única sinopse que se precisa dun filme máis centrado na espera que outra cousa. Diríase que estamos ante unha proposta de inacción. Cambiando os parámetros de cor da imaxe, Patiño consegue fuxir do figurativo ao abstracto, confunde a figura humana coa paisaxe unha vez máis, ata o punto de que por momentos non chegamos a distinguir o animado do inanimado.

Esta experimentación formal resulta interesante e, xa por si soa, fai máis que defendible a proposta. Onde o filme semella naufragar é no uso das voces, neste caso non documentais – coma no caso de Costa da morte – e si estritamente ficcionais. A declamación dos actores non profesionais, esaxerada ou sen brío segundo quen fale, distrae; nunha proposta que debía ser plenamente observacional. Ao final, o cinema de Patiño semella funcionar mellor cando fica no esencial, e non cando se entrega ao barroquismo. Recordando los rostros de la muerte (2009) xa non acababa de funcionar por un exceso acumulativo, e a Noite Sem Distância, sen ser unha mala película, acontécelle un pouco o mesmo. Ás veces, menos é máis.

Quen si parece ter aprendido dos excesos é Miguel Clara Vasconcelos, un cineasta que se mostra a miúdo recargado e afectado, e que en Vila do Conde Espraiada – pode que a mellor das catro producións do Curtas – soltou lastre ata depurar un estilo máis fresco, á vez que relevante. Película feita a base de metraxe de arquivo caseira que lle foron remitindo durante meses varios habitantes da vila, nela mestura o persoal co universal dende a súa propia experiencia de vilacondense. Se cadra por esta condición, mesmo se leva anos vivindo en Lisboa, Vasconcelos foi quen de facer desta auto-ficción algo atractivo en termos tanto de diario filmado como a nivel sociolóxico. O título, que remite tanto ao poema de José Regio como ao filme de Manoel de Oliveira Romance De Vila Do Conde (1965), pode verse case como unha translación de ambas as dúas obras a un novo contexto. Ao proxectar a peza do mestre luso na clausura, os programadores do Curtas estaban abrindo unha interesante lectura a esta curta, e dándolle máis lustro á súa produción – ao tempo de homenaxear a de Oliveira, que se merece todos os actos institucionais que se repiten este ano en Portugal e máis.

A Glória De Fazer Cinema Em Portugal (2015) consagra ao máis veterano Manuel Mozos coma un virtuoso do cinema de apropriación. Neste caso, toma unhas bobinas perdidas para resolver un misterio. O poeta José Regio – de novo el, vilacondense activo – pediulle ao seu colega Alberto Serpa por carta en 1929, que lle axudase a fundar unha produtora de cinema. Non había constancia algunha de resposta desa misiva, nin probas de que se tivese levado a cabo. Unhas bobinas atopadas recentemente dánlle a Mozos para reconstruír a historia tal detective, nunha narración entre o conto e o cinema negro, probando unha vez máis que o documental non é un xénero, como habitualmente se di, e que estes non son exclusivos da ficción. O filme de Mozos é como descubrir un vestixio arqueolóxico ansiadamente procurado, mesmo se nunca antes escoitaramos falar de Serpa. É un mago da palabra, e da mesa de montaxe, que atrapa e non solta ao espectador.

Sandro Aguilar completaba as producións de Curtas con Undisclosed Recipients (2015), amais de contar na competición con Bunker (2015). Son filmes moi diferentes. O primeiro está máis na liña experimental que vén realizando nos últimos anos, con imaxes etéreas e un estilo abstracto en torno a unha festa. Un filme lúdico e xoguetón, cunha importante carga erótica. Bunker, porén, é ciencia-ficción pura e dura na liña do mellor Andrei Tarkovski, aínda que as reminiscencias máis claras atópanse en La jetée (1962) de Chris Marker. Nun belo branco e negro, cun grao que achega tamén certa abstracción, Aguilar filma o que se cadra sexa o seu traballo máis figurativo, e demostra que non se lle dá mal este rexistro.

mined soil

Premios diversos

Xa na sección competitiva, hai que resaltar os galardóns e algunha proposta máis. Mined Soil (Filipa César, 2015), gran premio da competición internacional, volve a un tema tan recorrente no cinema como é o da memoria do solo. César mestura a historia do guerrilleiro Amílcar Cabral en Guinea Bissau coa súa propia investigación de prospeccións no Alentejo. Filme materialista, a base de documentos, nunha liña ensaística markeriana, recorda no estilo de filmar e presentar tales documentos a outros filmes recentes como Fóra (Xan Touceda, Pablo Cayuela, 2012).

O premio nacional recaeu en María Do Mar (João Rosas, 2015), retrato iniciático dun rapaz que, nas vacacións do verán, se sente atraido por igual por unha muller bastante maior ca el, máis por unha rapariga da súa idade. Cunha liña clara que podería ir na liña dos primeiros traballos de Mia Hansen-Løve, a película non achega ningunha novidade, mais presenta a un director con ollada elegante, ao estilo do seu coetáneo Carlos Conceição, que o ano pasado presentaba Boa Noite Cinderela (2014).

Desta volta, o novo realizador trouxo Acorda, Leviatã (2015), traballo no que mestura un curioso guión con chiscadelas directas a Planet of the Apes (Franklin J. Schaffner, 1968) co documental, sacándolle o máximo partido psicodélico a un roto 16mm, que converte en planeta exótico a súa natal Angola.

Comments are closed.