ATTACK THE BLOCK, de Joe Cornish

OS PARADIGMAS HEROICOS DO NOVO SÉCULO

Á hora de tratar, de narrar, de representar a marxinalidade, os baixos fondos da sociedade e as súas facetas menos agradables aos ollos do “espectador medio”, o cine británico é único e inimitábel. Levan moitos anos erixíndose na maior referencia do cine de temática e reflexión social, a miúdo con compoñente combativa. De feito, pode considerarse todo un grande xénero independente na súa industria, e como tal, pode (e debe) tamén ser sometido a transformación, hibridación e reciclaxe como calquera outro. E certamente, o resultado, por moi marciano que poida parecer de primeiras, alcanza unha admirable frescura. Xa quedou demostrado nesa serie de culto que é Misfits (E4) que os ‘brits’son tamén os mellores á hora de darlle a volta á tortilla do relato social e as dialécticas dos marxinados, da cal xa hai tempo que consolidaron o anverso serio e, digamos, funcional, e convertelo en heterodoxos e xenuínos exercicios de xénero.

Deste xeito, na liña da mencionada ficción televisiva, ese gran xénero, na súa popular (que non compracente) vertente das bandas suburbanas, entra aquí na batedora con elementos doutros hipertextos máis tradicionalmente sometidos e propicios para a parodia-revisión, coma o terror e a ciencia-ficción, obtendo coma resultado un pastiche moi compacto, homoxéneo e fluído, que mistura códigos de serie B de moitas épocas e lugares. E isto pódese comprobar perfectamente na liña argumental, que bebe de fontes tan clásicas (e dispares) do subxénero de invasión coma The Birds de Hitchcock, dende o principio, e o Alienorixinal, de cara o terceiro acto. Ao igual que sucede coas viaxes no tempo, non debemos tocar nada que non entendamos e cuxas consecuencias non poidamos calcular. Polo tanto, a diferenza do xénero zombi, espiritual e formalmente irmandado co alieníxena, chégase a dilucidar, a medio camiño, a causa real de todo o caos, máis relacionada coa película de Ridley Scott que coa de Hitchcock.

Non pode ser casual, entón, a presenza de Nick Frost, única cara coñecida dentro dun reparto amateur, como padriño interno dun proxecto, dun director debutante que entra a formar parte desa especie de escola británica de cine de xénero ‘crossover’, informal e (auto)burlesco, inaugurada polo propio Frost, Simon Pegg e o director Edgar Wright. Títulos esenciais da comedia referencial contemporánea, comaZombies Party, Hot Fuzzou a recente Paul, xa coproducida con Hollywood e sen a dirección de Wright, que por outra parte levou esta espírito a un nivel moi superior coa ambiciosa, maiúscula e imprescindíbel Scott Pilgrim contra o mundo. Pero a diferencia do tándem Pegg-Frost, Joe Cornish imprime unha mordente cómica non tan baseada no referencial (aquí menos evidente e descarnado) e o soez, coma si no catastrófico (evidente co subxénero a caricaturizar) e o absurdo, xa que ben poderiamos estar, entre tanto porro consumido polas personaxes, ante unha película de fumados, todo un subxénero da comedia xuvenil nos últimos quince anos. Un produto de perfil 100% Sitges, resumindo. Ademais, o estilo de realización desprende unha notada herdanza do mundo de videoclip, alcanzado tal grao de refinamento nunha das secuencias finais que ata se pode chegar a cualificar como a evolución natural, na vertente máis puramente visual e compositiva, do mellor Ridley Scott, indiscutible influencia de Cornish en moito máis que as similitudes argumentais con Alien.

Nick Frost, totem da comedia referencial contemporánea, apadriña este proxecto do debutante Joe Cornish.

Por outra banda, ese relato marxinal, amais de configurar o marco, o contexto, non deixa de estar patente no fondo, no subtexto semántico, aparentemente inocente e sen maiores pretensións pero sempre patente, e salta en ocasións puntuais á superficie en forma de punzadas sarcásticas, cheas de reflexión social simple e directa, de signo decididamente pesimista… ata o desenlace. Porque, en lugar de extrapolar todo ese trasfondo cara o espazo exterior e descoñecido do que veñen os elementos invasores (dándolle así unha viraxe, perigosa e probablemente letal, cara a filosofía máis grandilocuente), esa dialéctica no segundo plano, baixo as esixencias do san entretemento e do desenfadado exercicio de hibridación, acaba por aflorar na dirección na que certas ficcións conducen, nos últimos anos, o hipertexto de superheroes, importado do cómic, transformando radicalmente a súa esencia. Se a tradición do cine social británico adoita a converter o marxinado, inadaptado e desfavorecido, en heroe por supervivencia, o seu desvío oculto e implícito cara os mencionados xéneros elevan uns banzos máis ao devandito, cara o status de superheroe, por xenialidade mesiánica e salvadora (mecanismo redentor, voluntario ou non, polo menos neste caso), e non sempre con necesidade de poderes sobrenaturais e extraordinarios.

Ao cabo, o nome do protagonista non pode ser moi aleatorio. Moisés (Moses), xurdido das augas dos baixos fondos, eventualmente salvador dun barrio, e de paso, do mundo enteiro. Será definitivo, e acabará por marcar tendencia, este cambio no paradigma do relato superheroico, mudando de símbolos patrióticos a inadaptados e superviventes con feridas do presente e desencanto social e vital? Estaremos ante o nacemento dunha nova era de Misfits, Kick Asses e Scott Pilgrims? Esperemos que si: o xénero evolucionou abondo, en todas as artes, como para volver agora á súa inxenuidade propagandística orixinal.

Comments are closed.