HOMO HOMINI LUPUS

En toda a figura de Werner Herzog e, por suposto, no seu cinema, podemos ver un verniz constante de inutilidades en distintas selvas e territorios salvaxes que marcan os seus filmes con Klaus Kinski ata ese pingüino nihilista de Encounters at the End of The World (2008) que se aventura cara as hostís montañas Antártidas coñecendo o seu fatal destino. Neste vía crucis fúnebre sería obrigatorio o paso por algunhas estacións como a visión dura da naturaleza que nos dá en Grizzly Man (2005) o a desgarradora presenza do drama humano na case tan fermosa como perigosa práctica do alpinismo mostrada en Gasherbrum, la montaña luminosa (1984). Non fai falla nin mencionar obras como Into The Abyss (2011), ou a homenaxe a F.W. Murnau que fixo en Nosferatu, vampiro da noite (1979) nas que a morte, ou a conciencia dela, é case unha personaxe protagonista.

Escoitándoo falar en entrevistas e lendo sobre a súa vida, dá a impresión de que bailou perigosos tangos coa dama da gadaña, e que viu de preto como os seres humanos temos a manía de matarnos de distintas formas e a nós mesmos. Pode que a certeza de que imos a morrer sexa o que dote de sentido á vida, e nos mova para querer exprimila, aproveitala, gozala e levala ao extremo, sexa no Amazonas, en África, nos teitos do mundo ou simplemente na nosa cidade, o noso pobo, na nosa casa. Co día a día urbanita e acomodado do Estado do Benestar que levamos non estamos acostumados a pensar nisto nin a convivir coas tesoiras que cortan o fío das moiras, pero cando o espectador se enfronta aos filmes deste alemán de 76 anos resúltalle imposible non lembrar que todo o que vive morre. Primeiro o espectador asústase, logo protéxese na súa butaca sabendo que está vendo un filme e que ao fin e ao cabo, a imaxe é artificio, para rematar rompendo esa distancia coa pantalla e véndose ao lado das personaxes que ten enfronte. Todos estamos na mesma selva da que ninguén pode saír: gocemos da paisaxe.

Comments are closed.