CARA O 20D, POLÍTICAS CINEMATOGRÁFICAS

Despois de que o cine chegara a España no ano 1896, o réxime franquista creou o Departamento Nacional de Cinematografía, que controlaba e censuraba as produccións. Non foi ata o ano 1978 cando o Congreso Democrático do Cine uniu aos creadores que reclamaban a fundación dun Instituto do Cine, un organismo autónomo que formara parte do Ministerio de Cultura. A primeira Lei do Cine foi feita no 1980 polo goberno de Adolfo Suárez, e o Instituto da Cinematografía e as Artes Audiovisuais (ICAA) formouse finalmente no 1985. A partires dese momento tanto os directores do ICAA como as políticas cinematográficas foron mudando acorde o facía o goberno español.

Na teoría

A última Lei do Cine foi publicada no ano 2007, mais tachada de inservible e ineficaz por moitos, foi modificada de novo este ano. Esta reforma identifica e configura novos instrumentos de apoio ás políticas públicas de fomento da actividade cinematográfica, mais está destinada á creación dun cine máis comercial. Introdúcese unha nova liña de axudas anticipadas á producción de longametraxes, que substitúe e elimina as axudas á amortización ata agora predominantes. As novas axudas permiten o financiamento progresivo das produccións cinematográficas durante o seu desenvolvemento e non un financiamento posterior que facía depender do número de espectadores e da recadación obtida, orzamento que funcionaba máis como un aval que como instrumento de promoción. Ademais, a concesión destas axudas anticipadas realízase mediante criterios obxectivos e atendendo a diferentes aspectos entre os que destacan a solvencia técnica do beneficiario, a viabilidade económica e financieira do proxecto, a súa difusión, a súa relevancia cultural española e europea, o seu carácter innovador e tamén o impacto socioeconómico do investimento que se espera en España.

Na práctica

A pesar destas modificacións, o IVA cultural en segue a estar no 21%, cando no resto de Europa se move nunha media do 7%. España ten, en deduccións fiscais, un dos porcentaxes máis baixos do mundo; e un IVA cultural dos máis altos, o que fai do cine un producto de luxo e da cultura unha cuestión de élites. O IVA afunde tanto a asistencia ás salas de cine como a recadación, consecuentemente cae o número de pantallas, o número de cines e tamén a cuota de filmes nacionais. O escaso apoio da administración, a presión fiscal e a piratería afogan o sector cinematográfico que se atopa condicionado pola colonización das grandes distribuidoras de EEUU, que impoñen a compra dos seus grandes éxitos e que se fan cos dereitos dos filmes de éxito. O difícil acceso das empresas productoras aos mecanismos gubernamentais de financiamento acentuou o decaemento do sector cinematográfico español, que destaca polo pequeno tamaño das súas empresas, pola baixa producción media, pola subcapitalización e por unha alta dependencia do financiamento de terceiros. Con isto acrecentáronse tamén as dificultades para a promoción nacional e internacional dos filmes producidos, que nos últimos anos viron caer a recadación media obtida por cada cinta, así como tamén o descenso do número de espectadores, nun contexto cada vez máis complexo para competir coas produccións cinematográficas non europeas.

640616494_3b08720adc_b

As novas propostas

Coas eleccións xerais á volta da esquina, as políticas culturais atópanse no centro de tódolos debates, pois é unha das liñas de acción determinantes dos programas dos diferentes partidos. A cultura xoga un papel moi importante no desenvolvemento de toda sociedade, por iso o tratamento da mesma permítenos ver ata que punto un partido político está a favor dun proceso de transformación social.

No programa cultural do PP noméase a necesidade de internalización da cultura nacional, asi como dun novo Plan de Mecenazgo e a dixitalización de contidos culturais, de xeito que estes sexan de maior accesibilidade. Ao mesmo tempo fálase da presentación dunha Lei de Economía Creativa centrada nas Industrias Culturais e Creativas, en tanto que promova o seu crecemento. Ao sector cinematográfico adícanselle 8 liñas de texto que se limitan a prometer potenciar o rol de España no sector cinematográfico internacional. A parte do texto adicada a cultura é xeral e escueta (como o resto do programa), obviándose temas de gran importancia como son o IVA cultural e as ensinanzas artísticas.

O programa de Ciudadanos conta con varios apartados adicados ao sector das industrias audiovisuais e un que, brevemente, se centra no ámbito cinematográfico. Aquí fálase da promoción de plans de asistencia ao cine dende o ámbito escolar, implantando tarifas de cine para os máis pequenos. Ademáis propoñen unha política de desgravacións fiscais que promova as rodaxes tanto de producción nacional como extranxeira, impulsando a imaxe do país como un escenario con numerosas localizacións e infraestructuras atractivas que a Spain Film Commission poida poñer á disposición das productoras. No tocante á promoción exterior fálase da necesidade de difundir as cintas nacionais no extranxeiro mediante a creación de eventos que propicien a exhibición. Doutra banda o partido propón baixar o IVA cultural do 21% actual ao 7%, mais pretende eliminar as subvencións xestionadas polo ICAA e que van destinadas directamente á industria do cine español. De novo, a parte do programa adicada ao sector cultural é moi breve, e as propostas, pouco específicas.

Podemos presenta diversas liñas de actuación en canto ás políticas culturais, estas son máis claras e visiblemente máis amplias, ademáis de propoñer varias reformas e novidades a nivel administrativo, cousa que os dous partidos anteriores obvian por completo. Primeiramente, fálase a creación dun novo Ministerio de Cultura e Comunicación que terá como labores o desenvolvemento de plans culturais así como asegurar os medios para a súa realización, supervisión e evaluación. Ademais, Podemos fai alusión ao ICAA en tanto que propón a dotación de unha maior autonomía ao mesmo e, a diferencia de Ciudadanos, alude a unha reestructuración do seu funcionamento no propósito de tornar o seu “inmovilismo“ e os “modelos obsoletos de actuación”. Noutro apartado menciónase a necesidade de aprobar unha Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores e a creación de Universidades das Artes equiparando a importancia destos estudos coas demáis docencias universitarias. No texto tamén se cita a creación dunha Asamblea de Profesionais da Cultura e o Observatorio Cidadán da Cultura, que estarán integrados nese novo Ministerio de Cultura e Comunicación. Ademáis, a Plataforma Pública de Cultura Aberta proponse como mencanismo que fomente o uso de ferramentas dixitais e a disposición en streaming para o público de todo tipo de creacións culturais, citándose expresamente a dixitalización dos fondos de centros de documentación e difusión públicos tales como a Filmoteca Española. O partido comprométese ademáis a baixar o IVA cultural a un 10%; e a crear un Estatuto do Artista e o Profesional da Cultura que atenda a tódalas actividades culturais realizadas por conta allea ou propia, aplicando unha fiscalidade e tributación específicas. No programa contémplase tamén a creación dunha nova Lei de Mecenazgo e Patrocinio, pensada para fomentar a financiación da cultura de particulares e empresas mediante a instauración dun Fondo Social da Cultura que se xestione a través do Ministerio de Cultura e Comunicación. En canto á propiedade intelectual propónse unha nova lei máis sostible e xusta. Outros apartados do ámbito cultural inclúen un Plan Operativo de Fomento da Difusión e o Acceso á Cultura Dixital, un Plan Operativo de Acceso e Disfrute da Cultura, unha campaña para unha audiencia activa e unha Escola de Espectadores que funcione como un sistema de mediación cultural e formación do público. Propóñense tamén un Plan Operativo de Fomento da Diversidade Cultural, un pola Igualdade na Cultura, outro proxecto alude á Inclusión Social en Materia Cultural e finalmente un Plan Operativo de Internacionalización da Cultura Producida en España. O texto de Podemos, malia non ten un apartado específico adicado ao sector da cinematografía, sobresae pola súa extensión e detalle en comparación cos dous anteriores.

En canto ao PSOE, o programa cultural tamén é completo, contando ademáis cun apartado adicado ao cine e o audiovisual. En liñas xerais, proponse un Acordo Social e Político pola Cultura coa fin de lograr unha maior cooperación entre institucións. Maniféstase a necesidade de crear un Consello de Cultura que evalue e supervise o sector así como a necesidade de incrementar a partida de Cultura nos Presupostos Xerais do Estado. Ao igual que Podemos, o PSOE tamén propón una nova Lei de Mecenazgo, que estará máis encamiñada á promoción das obras no exterior, e tamén se fala do apoio a outras ferramentas de micro-mecenazgo como o crowdfunding. Cabe destacar que ao longo de todo o texto se sinala a necesidade de unha maior colaboración coas Comunidades Autónomas e tamén cos Concellos. Dun xeito similar ao programa de Podemos, o PSOE apunta no seu texto a unha serie de medidas que faciliten o acceso aos servizos culturais. Aquí proponse a elaboración dunha Lei sobre o dereito de Acceso á Cultura, asi como tamén un Programa de Apoio á Rede Básica de Acceso á Creación Cultural. Tamén lle prestan atención ás ensinanzas artísticas asi como á necesidade de apoiar a creación de novos públicos para as diferentes disciplinas artísticas. No texto destácase ademais a precisa internacionalización das obras españolas co propósito de que estas teñan unha maior presencia no extranxeiro, polo que se fala da aprobación dunha Estratexia para o Desenvolvemento das Industrias Culturais e da Creatividade. Do mesmo xeito que o partido de Pablo Iglesias, o PSOE propón a creación dun Estatuto do Artista que atenda dun xeito específico á profesión cultural, sinala imprescindible o establecemento do IVA cultural no 10% e a reforma da Ley de Propiedade Intelectual, asi como tamén a promoción da igualdade de xénero no ámbito cultural. Por último, no apartado específico de Cine e Audiovisual sinálanse diferentes obligacións en canto ao cumplimento da Ley do Cine e o apoio á industria, mediante o cambio do sistema de axudas públicas e o establecemento dun sorteo de Lotería Nacional destinado de xeito específico á financiación do cine e outras industrias de carácter cultural.

Esquerda Unida tamén contempla a necesidade de reformas a nivel administrativo, como a creación dun Ministerio de Cultura e un Estatuto do Artista que especifique aspectos fiscais e de representación sindical e laboral. O partido propón unha baixada drástica do IVA cultural ata o 4% ademáis de crear unha nova normativa de axudas e incrementar nun 100% as subvencións culturais. Ao igual que no programa do PSOE e Podemos fálase das ensinanzas artísticas en tanto que consideran necesaria a creación dunha Universidade Pública das Artes. Unha vez máis proponse a renovación da Lei de Propiedade Intelectual, e como novidade, Esquerda Unida plantexa a creación de empresas públicas ou cooperativas autoxestionadas que oferten productos culturais. A partires destas liñas xerais, o partido de Alberto Garzón adícalle un apartado a cada unha das artes; cine, danza, música, etc. No tocante ao cine, este é o único programa no que se destaca a preocupante incursión de produccións norteamericanas, para o que se propón o potenciamento da cultura nacional e a creación propia con medidas económicas e fiscais, ademáis de fixar cuotas mínimas de pantalla que garanticen o patrocinio do cine español e europeo, tanto nas televisión públicas como nas privadas. Maniféstase a necesidade da elaboración dunha nova Lei do Cine na que se contemple a excepción cultural para o cine español así como tamén o obligatorio incremento do Fondo para a cinematografía do ICAA e das Comunidades Autónomas. Por último, IU propón o desenvolvemento dunha rede de espazos públicos para a exhibición de cine donde se garantice a programación de cine español, así como a recuperación de salas de cine privadas e nacionais e a promoción da constitución de empresas españolas para a distribución.

A modo de recapitulación, pódese dicir que o as propostas culturais do PP e Ciudadanos destacan pola súa brevedade e superficialidade en comparación cos outros tres partidos, que contan con textos máis amplos así como tamén máis específicos. No tocante á Lei do Cine e ao ICAA, o PP non os cita en ningún momento no seu texto e Ciudadanos pretende suprimir as axudas directas que o Instituo concede á cinematografía nacional, sendo o PSOE, Podemos e IU os únicos que sinalan a necesidade de actualizar o sistema de axudas co propósito de que estas sexan máis eficaces. Se ben o texto de Podemos é o máis extenso e completo en canto a liñas de actuación no tocante ás políticas culturais, o programa de Esquerda Unida é o que lle adica unha maior atención ao sector cinematográfico propiamente dito. Dicir que, a única proposta de lei cultural do Partido Popular está relacionada coas industrias creativas e o seu crecemento, propio das políticas neoliberais que buscan a economización da cultura, do mesmo xeito que o PSOE tamén fai alusión en numerosas ocasións no seu texto ás industrias culturais e a necesidade de fomentalas.

É que a erosión do Estado de Benestar afectou especialmente á cultura; ao ser considerada por moitos como un servicio non esencial. O Fondo de Axuda á Cinematografía desplomouse nos últimos anos, dende 89.3 millóns de euros no 2010 ata 36.5 millóns no 2015. A cinematografía é interpretada polas administracións como tan só unha ferramenta coa que competir no mercado global, mais é precisamente esta unha das industrias máis dependentes das políticas de fomento. Unha política fiscal adecuada e axustada á realidade do sector cinematográfico permitiría un maior desenvolvemento da industria, tanto na producción como na competitividade. É por iso necesaria unha reestructuración dos métodos de financiación estatais asi como a reducción das cargas fiscais no propósito de beneficiar o cine español, en tanto que favoreza ao creador, ao distribuidor e ao mesmo tempo ao espectador.

__________

photo credit: <a href=”http://www.flickr.com/photos/12505664@N00/640616494″>Metropolis Queue</a> via <a href=”http://photopin.com”>photopin</a> <a href=”https://creativecommons.org/licenses/by-nc/2.0/”>(license)</a>

Comments
One Response to “CARA O 20D, POLÍTICAS CINEMATOGRÁFICAS”
  1. Mira, Iria, parte do que pedías onte ????