Procesos #5 – CSO Palavea

AS ATOCHAS, BREVE HISTORIA DO PROXECTO QUE NUNCA REMATA

O Centro Social Okupado da Casa das Atochas foi fillo dun grupo moi heteroxéneo de persoas, unidos por intereses comúns. Fronte a eles, estaba o problema da vivenda, a falta de lugares de reunión para a cidadanía, e as políticas urbanísticas baseadas só no enriquecemento, nunca cidade como A Coruña, onde existen 20.000 casas baleiras mentres hai xente a durmir nos caixeiros.

Todos eles desexaban ofrecer unha alternativa social e política construída dende abaixo, mediante a autoxestión, o asemblearismo e a suma de responsabilidades individuais polo ben colectivo. Tras un longo período de reunións, estas persoas tomaron a decisión de ocupar o inmoble situado no número 14 da rúa Atocha alta, e convertelo nun lugar de ocio, cultura e aprendizaxe. Deste xeito, o 14 de marzo de 2008, inaugurouse oficialmente o proxecto deste centro social.

O final do camiño, o desaloxo, chegou tamén un día 14, o de abril de 2011. En tal data, a Casa das Atochas volveu ter un cadeado na porta e, tres anos e un mes despois, volveu entrar na estreita gaiola administrativa da propiedade inmobiliaria. Polo camiño quedaron charlas, concertos, xornadas, obradoiros e un innumerable regueiro de actividades culturais gratuítas. E cine, moito cine. Dende as proxeccións de filmes sen cabida nas grandes salas comerciais, á produción de pezas audiovisuais propias, creadas por cineastas afíns ao movemento.

Xa os primeiros pasos e as primeiras palabras ficaron recollidos no documental A cultura preokupa, gravado polo colectivo Ollolivre durante o mes fundacional. Nese tempo, organizáranse no renovado caserón unhas xornadas de tres semanas, marcando xa unha política de confrontación coa habitual e pasiva oferta cultural do concello. Desa iniciativa xurdiu a asemblea coordinadora que continuaría a traballar na mesma liña durante 37 meses. E xurdiu tamén o nome, Casa das Atochas.

No outro estremo da historia, o desaloxo tamén foi documento en vídeo pero, de xeito máis importante, serviu como terreo fértil para que agromara un permanente work in progress.

O colectivismo, a identidade común no seu sentido máis auténtico, foi sempre un dos eixos máis sólidos deste proxecto. En sintonía, este texto tamén estará limpo de nomes propios, coa intención de non facer protagonistas a uns poucos do que foi o traballo de moitos.

Unha parte desta historia segue nos tribunais, onde hai pendente unha reclamación por danos no inmoble das Atochas. Por sorte, as cámaras documentaron boa parte do proceso de recollida e desaloxo do local. O vídeo, entre outras cousas, é unha proba de inocencia.

Arturo Losada

 

 

Este é un Procesos estraño. Non se están emulando as pegadas autorais dun artista ao realizar este epílogo do que foi o filme colectivo do Centro Social Ocupado (CSO) das Atochas. Ante varias voces, cal elixir? Simplemente, a do espazo, e a do espírito do movemento de okupación, que son os protagonistas e as marcas da película ao longo de todas as pezas que a compoñen.

As Atochas son historia, mais algúns dos seus membros, xunto con outros compañeiros que comparten a mesma visión, ocuparon no verán un antigo centro das irmáns Oblatas en Palavea (A Coruña), no que botaron a andar hai pouco un novo CSO. O vídeo documenta este Proceso.

Como xornalista, interesábame o achegamento a unha nova realidade que intento comprender e explicar, pois ese debe ser, na miña opinión, o traballo de todo bo contador de historias. Despois, só espero que o público comparta a miña curiosidade, pois é todo o que podo ofrecerlle.

Como cinéfilo, síntome atraido polas ruínas, nas que o tempo, a historia, deixou pegadas que a cámara pode cartografar. E que ruínas a das Oblatas! No vídeo, que pretende ser unha documentación do proceso de transformación dun espazo, conviven pasado e futuro a través dunha arquitectura presente, abandonada, que vai estando cada vez máis habitada por figuras que enchen o encadre. Comecei gravando un epílogo, e quen sabe se isto non terminará sendo o prólogo dun espazo e dunha xente á que non canso de filmar.

Víctor Paz Morandeira

Comments are closed.