Procesos #19 – Isaki Lacuesta
O pasado mes de outubro, tivo lugar a primeira edición de CoruñaFilm. O centro Ágora, da cidade herculina, reuniu a un grupo diverso de profesionais do audiovisual, ao redor dun conxunto de charlas e cursos de afán formativo, que pretenden tamén ser punto de encontro e intercambio de ideas para creadores. Entre os asistentes, estivo Isaki Lacuesta, para rodar unha curtametraxe en 36 horas, cun equipo técnico e artístico escollido dun casting previo á celebración do evento. En tres xornadas, este grupo logrou filmar e editar Cinco irmás (por un amor que morreu), unha peza que fantasea con naturalidade e aparente despreocupación sobre diferentes xeitos de morrer.
A habitual entrevista desta sección preséntase nesta ocasión en vídeo. Nela, Lacuesta fala de como aceptou este reto, e adianta as craves do seu próximo proxecto: Murieron por encima de sus posibilidades. O vídeo vén acompañado, coma de costume, dunha peza curta que ensina o proceso creativo da obra. Por último, engádese o resultado final.