DAVID LYNCH: UN UNIVERSO EN MIL SOPORTES

Eu era pintor. Pintaba e asistía á escola de belas artes. Non me interesaban as películas. Ás veces ía ao cinema, pero eu só quería pintar. Todos os anos ao final do curso organizábase un concurso de pintura e escultura experimental. O ano anterior presentara unha peza e esta vez pensei: “Vou facer un cadro móbil”. Esculpín unha pantalla de 1,80 metros por 2,40 metros, sobre a que proxectei unha película de animación stop-motion bastante rudimentaria. Titulábase Six Men Getting Sick. Pensei que aquela sería toda a miña carreira cinematográfica, porque facer aquela película custárame unha fortuna: douscentos dólares. Sinxelamente, non me podía permitir seguir por ese camiño. Pero un alumno maior ca min viu o proxecto e encargoume un para a súa casa. E así comezou a rodar a bóla. En diante só me topei con semáforos en verde. Aos poucos, salto a salto, namorei do medio cinematográfico”. David Lynch narra así, con palabras escritas, as súas orixes no cinema, en 1966. Trátase dun texto contido nas páxinas de Atrapa al pez dorado (ed. Mondadori), un libro no que o cineasta norteamericano reflexiona sobre todo o que se lle pon a tiro.

Desde entón, o seu amor pola narrativa audiovisual deu lugar a obras cuxa importancia non fai falta explicar, como Eraserhead, Mulholland Drive, Lost Highway ou a serie de televisión Twin Peaks. Con todo, non se trata dunha relación monógama. Lynch nunca deixou de cultivar a súa faceta de artista plástico, aínda que quedase eclipsada tras o seu éxito como director de cinema. É escritor, fotógrafo, músico, compositor, escultor, deseñador de debuxos animados e máis recentemente gravador, e mesmo ten a súa propia marca de café. Testemuño de tanta variedade pode verse, até o próximo 12 de xullo, no Espazo Normal da Universidade da Coruña, a través da exposición Action Reaction: o universo creativo de David Lynch.

Posible grazas á colaboración entre o vicerreitorado de cultura da UCD e a empresa de xestión cultural Arte contemporánea Gacma SL, esta mostra repasa todo o traballo creativo de Lynch, prestando especial atención ás conexións entre o seu cinema e as súas obras plásticas. Tal e como explica Antonella Montinaro, comisaria de Action Reaction, “Lynch crea unha poética persoal da compilación: moitas das súas pinturas son totalmente intercambiables con planos das súas películas e todas as súas obras participan dunha mesma idea, transgredir a normalidade a partir de abstraccións e labirintos narrativos”.

Lynch empezou primeiro a debuxar e a pintar, despois fotografou, e logo pasou a darlles movemento aos seus lenzos co cinema. A partir de mediados dos noventa comezou a traballar con todo tipo de soportes de impresión: gravado, fotograbado clásico, colografía, serigrafía e monotipos. As características da súa fecunda e cambiante produción permiten abordar o seu amplo campo creativo nun discurso expositivo onde tamén quedan reflectidas as débedas con algúns dos seus principais referentes artísticos: Francis Bacon, Edward Hopper, Jackson Pollock ou surrealistas como Salvador Dalí e Max Ernst.

'Paris Suite IX', unha das pezas da exposición

A viaxe cara ao universo creativo de David Lynch que se emprende nesta exposición divídese en dúas partes, unha dedicada á filmografía, que contén memorabilia, fragmentos audiovisuais e curiosidades, e outra dedicada a unha selección de obra gráfica. “Tamén hai unha black box onde se proxectan algunhas das primeiras curtametraxes enteiras e varios apartados de interpretación, como o dos colaboradores habituais, que é moi importante no caso dunha obra cinematográfica, en tanto que traballo de equipo. Por exemplo, é fundamental Badalamenti para a música”, explica a comisaria.

A zona dedicada á obra gráfica mostra dúas series, Paris Suite, inspirada en debuxos que o autor realizou en papeis post-it durante os anos setenta e oitenta; e Women, ilustracións monocromáticas, puntuadas con palabras, que presentan a iconografía clásica do artista. Ambas son utilizadas por Lynch para describir as súas creacións como un proceso de acción e reacción. “Para el, este proceso atopa a súa máxima expresión na estampación, durante o transvasamento da tinta dun material ríxido a un flexible e ao revés”, di Antonella Montinaro.

A área que se lle reserva ao cinema está composta por sete cubos de aluminio repartidos no espazo aberto da sala de maneira laberíntica, polos que o visitante ten que realizar a súa propia viaxe. Pode atoparse desde o plano secuencia inicial de Eraserhead a unha selección de diálogos famosos de Twin Peaks, pasando por fotocromos de Elephant Man ou Lost Highway, e por fotos de escena de Blue Velvet.

A relación entre todos os traballos do autor de Missoula resulta evidente na súa calidade hipnótica e alucinada. Para Montinaro, as pezas de Lynch “sempre exploran territorios similares e descoñecidos, como o da infancia, esencialmente a plasmación dos diversos elementos residuais, daquelas visións que o artista tiña de pequeno sobre a estrañeza que se intuía debaixo das aparencias cotiás”.

En resumo, e segundo a comisaria: “Lynch é un artista posmoderno cun espírito renacentista. Construíu a concepción dun universo propio a partir de distintas disciplinas. Consideralo só un director de cinema resulta netamente insuficiente, xa que é alguén que manifesta unha serie de conflitos e tensións a través de diversas formas de expresión que se interconectan permanentemente entre elas”.

__________

A exposición Action Reaction: o universo creativo de David Lynch pode verse no espazo Normal da Coruña até o 12 de xullo.

Paralelamente, estase a organizar un ciclo cos seguintes filmes:

5 MAIO ERASERHEAD CABEZA BORRADORA, 1976.

19 MAIO THE ELEPHANT MAN O HOME ELEFANTE, 1980.

26 MAIO BLUE VELVET VELUDO AZUL, 1986.

9 XUÑO LOST HIGHWAY ESTRADA PERDIDA, 1997.

16 XUÑO MULHOLLAND DRIVE MULHOLLAND DRIVE, 2001.

23 XUÑO DOCUMENTAL SOBRE DAVID LYNCH: LYNCH (ONE) BLACKANDWHITE, 2008.

Comments are closed.