FICX 2014 (II/III): SECCIÓN OFICIAL E RELLUMES

Segunda parte da crónica, que vén de aquí; séguelle outra centrada en Convergencias, a nova sección da crítica.
men women and children

En liñas xerais na Sección oficial atopámonos películas con moi boa factura, que inclúen aspectos que as diferencian do cinema máis comercial, pero que non obstante, son algo convencionais no tratamento das tramas e a forma de contar. Aínda que tanto nesta sección como noutras, houbo excepcións.

Men, Women and Children (Jason Reitman, 2014) (fóra de competición), Hippocrate (Thomas Lilti, 2014) e Life Feels Good (Maciej Pieprzyca, 2013)sitúanse do lado máis convencional. Titli (Kanu Behl, 2014) vai un pouco máis alá, e finalmente das que puiden ver, Trap Street (Vivian Qu, 2013) e Party Girl (Marie Amachoukeli-Barsacq, Claire Burger, Samuel Theis, 2014) foron as propostas máis orixinais.

En Men, Women and ChildrenJason Reitmanfai unha revisión do uso das redes sociais e Internet na sociedade de hoxe en día e mostra como estas interveñen na vida familiar, de grupo e de parella. A película ten moitas cousas boas: é brillante o uso que fai dos grafismos, sons e fórmulas virais; as problemáticas das dúas parellas protagonistas son próximas, os seus conflitos permítenche empatizar e as resolucións emocionan, pero na miña opinión saca a relucir demasiados temas (anorexia, fama, control parental en Internet) e a intención daanálise social do fenómeno web 2.0 resulta demasiado reducionista, unha sensación acrecentada pola presenza da voz en off que nos narra a historia.

A meirande parte destes temas abordados non son novos, xa existían antes da rede de redes, e a súa contextualización 2.0 tampouco constitúe un grande descubrimento. Por outra parte antóllaseme que algúns comportamentos e preocupacións – refírome sobre todo á obsesión pola seguridade do personaxe interpretado por Garner – son máis propios da sociedade norteamericana que da global.

Dous son os elementos de interese. O primeiro, a forma diferente de abordar un tema clásico: os conflitos de parella. O segundo, as posibilidades narrativas dos grafismos virais que achegan unha perspectiva totalmente nova. Como está resolto no guión o conflito do matrimonio Truby (Adam Sandler e Rosemarie DeWitt) é toda unha declaración vital. A perspectiva novidosa posibilitada polo elemento viral é unha narración paralela que se pon especialmente en evidencia coa voz do narrador, e que dá a sensación por momentos, de proporunha lectura da linguaxe dentro da linguaxe (ao encher a película de recursos propios dos vídeos de Internet, Reitman parece propor unha lectura do filme como vídeo viral).

O recurso do narrador omnisciente funciona ben (e é moi cómico) cando puntualiza algún dos comportamentos dos protagonistas contradicíndoos (“ela cre que…, pero…”), sen embrago os comentarios totalizadores sobre costumes e usos nas redes sociais resultan molestos, e aínda máis, as leccións morais finais. Poderiamos xustificar estes comentarios (e leccións morais) como diciamos, identificando o narrador da película co narrador do vídeo viral que cativa a Tim, e polo tanto a película con este vídeo viral, pero sería difícil xustificar con este criterio o mellor do recurso: o contrapunto cos personaxes.

Aínda que a lectura principalnon convenza, con todo, a película ten momentos moi inspirados, tanto na súa primeira metade decididamente de comedia, coma no seu final máis dramático. Case sempre ben recalcados coa presenza do medio tecnolóxico: a aparición dos pop-up publicitarios nos momentos onanistas, a pelexa dun dos protagonistas na escola que todo o mundo se pon a gravar co seu móbil; e o momento máis logrado, o diálogo de whatsappentre Tom e a nai da súa moza, que ten o teléfono da súa filla intervido. A escena é sen son, lendo as respostas…, o cinema estaba mudo. Para acabar, a nai arrepentida desconecta o sistema de control, é o final da película, e a pantalla vai a negro.

hippocrateHippocrate conta o primeiro ano de interino dun novo médico nun Hospital de París. Como se enfronta á práctica diaria da súa profesión, que choca frontalmente coa certeza teórica das aulas, e o seu encontro con Abdel, un médico arxelino metido no rotatorio coa esperanza de cumprir os requisitos para poder traballar en Francia. Thomas Lilti, facultativo ademais de realizador, explota de forma intelixente os contrastes entre o novo Benjamin e o experimentado Abdel. O primeiro é fillo do director do servizo clínico onde fan a interinidade, o segundo emigrante e pai de familia en busca dun futuro mellor para os seus.A partir de aí estuda de forma precisa o funcionamento do sistema sanitario en Francia (diriamos que o de calquera sitio) con especial claridade de trazo á hora de debuxar os retratos do persoal e as falcatruadas administrativas. Prometedora ao inicio na súa concepción – errores médicos, funcionamento hospitalario, limitacións orzamentarias – descóbrese ao final como unha traxicomedia de iniciación emocionante e por momentos simpática, pero cun cuarto de hora final cheo de lugares comúns.

Life Feels Good conta a historia real dun mozo con parálise cerebral que loita cada día para que as persoas que o rodean se dean de conta de que é en realidade un ser humano con plenas capacidades intelectuais. Convencer primeiro á familia, que aínda que o trata con amor, considérao un inválido mental; despois as mulleres polas que se sinte atraído, ás que mira con desesperación pero coas que apenas é capaz de comunicarse; e finalmente ás autoridades hospitalarias, que ao principio descártano como ser humano pensante e despois quéreno estudar e exhibir como unha cobaia humana en beneficio da ciencia.

Enmarcada en Polonia, nunha época na que a medicina daba os seus primeiros pasos no estudo deste tipo de parálises, a película é un tributo á vontade humana. Para expresar esta loita da vontade do protagonista e a desesperación que ás veces o invade, é especialmente revelador o contraste que se establece entre a voz en off do personaxe e a súa caracterización física. Podemos sentir a impotencia de Matuesz ante a cegueira de quen o rodea e entendemos os seus ataques de frustración ante a incomprensión xeral cando berra e se retorce no chan. En contraste, a voz en off serve para mostrarnos vivamente o mundo interior do personaxe, con momentos cheos de humor ferinte, como cando acouta para explicar a ausencia de incisivos: “decatáronse de que mordía os beizos (ao comer) e intentaron axudarme”. Os dous actores que encarnan ao protagonista fan un traballo impecable, tanto Kamil Tkacz que o encarna de mozo como Dawid Ogrodnik que o fai de adulto, este último con xustiza, Premio ao mellor Actor do FICX 2014.

Life Feels Good é unha película moi ben contada, con momentos emocionantes e humor cheo de ironía. Polo contrario repelen un pouco os momentos tenros, e bótase de menos un pouco máis de mala leche, explotar un pouco máis ese aspecto ácido do carácter do personaxe.

Titli cóntanos unha historia dos baixos fondos de Dehli con verdadeira vocación documental, e respírase a rodaxe con cámara agochada e o concurso de actores non profesionais. A presenza da violencia e a opresión no seo da familia protagonista está brillantemente exposta: con pequenos detalles coma os gorxeos do lavado de dentes, con silencios e mentiras disimulados – algúns destes momentos con imaxe ralentizada – e cunha caracterización dos personaxes ben distribuída, na que descubrimos como o pai marca o modelo que imita o fillo maior e do cal renega o protagonista.

É especialmente estimulante o personaxe dela (Shivani Raghuvanshi foi Premio á Mellor Actriz do FICX 2014), unha muller que se sae da norma, nun contexto evidentemente machista, ela resístese ao matrimonio de conveniencia e ten os seus propios soños. Sen embargo, é inevitable que participe no xogo de silencios e mentiras e sexa vítima dos intereses da familia e o ambiente de opresión. Brillante tamén como Kanu Behl introduce o elemento do diñeiro como catalizador das relacións entre os personaxes e definidor ds esfera de opresión presente en todo o filme, e como o humor neste contexto social deprimente nace case por accidente, para o espectador, nunca co beneplácito dos personaxes. Titli é moi valente no que mostra por iso desentoa un pouco o final, necesario porque reconforta, pero máis compracente que o resto do filme. Non obstante, concedéuselle o Premio Principado de Asturias á Mellor Longametraxe do FICX 2014, a este grande logro do cinema independente indio.

trap-streetTrap Street é unha historia de amor probable nun marco de intriga política. O protagonista axuda a actualizar planos da cidade na que vive e por casualidade un día de traballo dá cunha moza da que fica namorado. Con calquera escusa intentará localizar a rúa na que ela traballa, sen saber que acolle un edifico secreto do goberno e que por iso nunca aparece nos mapas. A súa insistencia e o contacto coa moza van facer que se empece a sentir cuestionado no traballo, vixiado día a día e finalmente detido secretamente sen coñecer a razón.

Un ritmo moi ben composto acompañado dun xogo atractivo de vouyerismo na que destacan os momentos suspendidos nos que o protagonista busca cámaras e micrófonos, e mira desconfiado de fronte á cámara. O interese do protagonista pola moza, naturalmente, compártese. O misterio da rapaza está ben servido, o xiro de sospeitas fai ao espectador revolverse na butaca. Para rematar este suspense progresivo, a detención do protagonista déixate incómodo. E ao final, cando ela rompe a cuarta parede coa súa ollada reflectida no espello, inquietante e suxestiva.

Party Girl é un documental en forma de ficción. Firmada por tres realizadores: Marie Amachoukeli-Barsacq, Claire Burger e Samuel Theis parte dun feito real, a voda da protagonista, nai de Samuel Theis, para erixirse como un reflexo fiel da vida e traballo de Angelique, unha antiga bailarina de cabaret que aos seus sesenta anos segue traballando como gancho para os clientes do lugar, e que terá que decidir ante a proposta de matrimonio dun dos clientes, se está preparada para cambiar de vida.

Irregular no seu estilo, se cadra debido á autoría compartida – por exemplo, por momentos un pregúntase se está vendo un documental ou unha película de ficción – Party Girl agasállanos sen embargo moita sinceridade: camaradería entre o persoal do cabaret, comidas campestres (en realidade ao borde da carreteira), desconfianza natural dos fillos, e un achegamento absolutamente de proximidade ao problema do alcoholismo. Non hai leccións morais nin dramatizacións excesivas, móstrase o que hai: as consecuencias, os esforzos dos personaxes por reconciliarse co pasado e os límites que se poñen. Con momentos especiais coma o intercambio de xoias de nai e filla no tren, os discursos dos fillos na voda e a confesión da nai ao seu fillo maior no coche, cando lle confesa as súas dúbidas sobre a voda e lle propón instalarse con el en París.

A película é un verdadeiro estudo sociolóxico onde os amigos del opinan, os fillos comparten impresións,Michel dá as súas razóns para a voda. E o dilema da protagonista dá pé para un certeiro estudo do personaxe: Angelique déixase levar máis que por amor, pola proposta dun retiro acomodado e o desexo de reconciliarse – coa promesa dunha vida ordenada – cos seus fillos.

O final fai xustiza, co preludio perfecto para o clip musical do peche final, na pelexa no cabaret de Angelique cun cliente noviño. Premio Fipresci do FICX 2014 merecidísimo.

HopeRellumes

Ao igual que na Sección Oficial, na sección Rellumes atopámonos con películas que usan recursos e estruturas máis coñecidos como Hope (Boris Lojkine, 2014) e Traitors (Sean Gullette, 2013) e outras decididamente máis sorprendentes como I’m Beso (Lasha Tskvitinidze, 2014) e Blind Dates (Levan Koguashvili, 2014).

Hope es una coprodución estadounidense-marroquí que narra os esforzosda nova Malika para destacar coa súa banda de punk-rock Hope. O éxito coa súa banda adivíñase como a única maneira de cambiar o estado das cousas. Para xuntar a suma de cartos que precisa, Malika verase envolta en negocios de tráfico de droga e exporase a situacións límite.

O retrato da mocidade marroquí de hoxe en día, cos seus apaños laborais, as súas peaxes en call centres e coa veciñanza do carto fácil da droga destaca coma o máis interesante. Especialmente por propor o punto de vista feminino, que na sociedade marroquí está sempre, de forma evidente ou máis veada, cuestionado. A trama criminal é un catálogo curioso, pero é outra película.

Coma o propio director admite, a cinta é un cliché correctamente construído. Ten emoción, boas actuacións…, pero co xiro cara a trama de tráfico de drogas desvíase do tema interesante que apuntaba. En todo caso, un desvío que non foi óbice para que Hope levase o premio Rellumes do FICX 2014.

Traitors conta con solidez e delicadeza a conmoción traumática dunha familia (coreana) que recibe a noticia de que a súa filla de 8 anos foi sexualmente asaltada e debátese entre a vida e a morte na UCI dun hospital.

Un dos grandes méritos da película é como describe, con escenas ben elixidas, as sucesivas etapas postraumáticas da vítima e o seu entorno. É unha película moi humana: un verdadeiro manual de psicoloxía clínica, pero ao tempo delicada. Neste sentido é todo un descubrimento, como estuda un por un os distintos elementos en xogo: a culpa, a vergoña, o desamparo das vítimas – económico, xudicial, nos medios – e a solidariedade de amigos, veciños e descoñecidos. Neste vaivén emocional dos protagonistas a narración está solidamente tecida con alternancia de momentos dramáticos e de comedia tenra. Toca como dicimos, puntos sensibles, pero a sensaciónfinal é a dun conto, cun malvado – decepciona o diálogo entre o acusado e o pai da vítima – unha vítima inocente e unha fada boa (a psicóloga en cadeira de rodas). Non é en absoluto recriminatorio o ton amable, nin as boas vibracións, pero unha película tan exacta en moitos detalles de comportamento humano, non pode diluír ao final, a realidade do drama deste xeito.

blind datesMención aparte merecen Blind Dates e I´m Beso, as dúas películas xeorxianas que estrañamente non se alzaron con ningún premio. Aínda que moi diferentes, teñen algúns puntos en común: a presenza de edificios en ruínas ou descampados como fondo permanente (testemuño dun pasado cuestionable, un futuro incerto e un presente desolado), a vida compartida dos membros da familia baixo o mesmo teito; a presenza do criminal como algo cotián e compartido; a política, a orde do antigo e a identidade nacional como referente; o deambular dos personaxes nunha procura nesa paraxe en ruínas a ceo aberto, de non se sabe que os motiva.

I’m Beso preséntanos a vida de dous adolescentes nunha vila xeorxiana, Beso e a súa amiga Beka, o seu tempo libre, as clases de karate, o flirteo con rapazas e o acoso de dous compañeiros de colexio. De fondo a situación familiar do protagonista: un pai incapacitado e alcohólico, unha nai que traballa no que pode e un irmán homosexual que contribúe dando clases de baile na casa.

A película paséanos. Polo pasado, cos edificios en ruínas e os sermóns do pai ao seu fillo. Pola vila e as súas xentes, con deambular dos rapaces, as bromas e os flirteos. Polo mundo de subsistencia e a miseria, no fogar de Beso. Polo criminal, que se presenta de forma natural como a opción máis común para a vida adulta. Pola vella política, cos discursos de pai e de mestre, e pola nova, no drama do irmán homosexual de Beso. E o mellor é que todo isto se mostra de fondo, a raíz do conflito de Beso e Beka no colexio e mentres os dous rapaces comparten o soño de que o primeiro se converta nun cantante Rap de éxito para atopar un futuro mellor para todos.

A presenza da paisaxe para contar a situación da sociedade xeorxiana sen abordala directamente como tema é un recurso inspirado. Inevitable non percibir a vila desolada como unha prisión comunitaria. E este diálogo entre o pasado insigne e o presente sen aspiracións non está exento de certo humor de carácter negro: cando os rapaces van pelexarse deciden entrar nun antigo teatro en ruínas, e son sorprendidos polo vixiante do lugar que os bota indignado.

O mesmo acontece coa introdución de personaxes de reparto, estes contrastan inevitablemente coa realidade dos rapaces e son por iso outro elemento fundamental para contar a situación da sociedade xeorxiana. E por suposto prodúcense situacións que chaman ao sorriso (amargo). A clase de karate é un exemplo, unha cerimonia de honra e patriotismo para algúns, coma o profesor e os alumnos avantaxados, e tomadas con desgana e pantomima por outros, como Beso e Beka. Do mesmo modo que o personaxe do profesor, funciona o personaxe do pai de Beso, con valores doutra época que non entende ou non ve como funcionan agora as cousas; ou a muller coa que brincan os rapaces coas ras, e que reacciona matándoas coa pala. E o final, moi intelixente, orquéstrase a través dun personaxe secundario, co irmán homosexual e o seu noivo cruzando a fronteira a Europa.

Blind Dates é unha película máis tramposa, porque responde ao cliché do xénero buddies pero con elemento romántico intenso e nun contexto tan diferente, que resulta por momentos esperpéntica. Para empezar, a parella de amigos son cuarentóns nun contexto propio de mozos de vinte anos. Sandro vive con seus pais, que queren velo casado coma un bo adulto, e Iva, o seu amigo da infancia, non deixa de buscarlle citas – a través dos anuncios- que non lle interesan demasiado. Así empeza a película, os dous amigos esperando na estación de Tbilisi as súas citas. Para seguir, a cinta muda, das citas e as opinións dos pais ao enamoramento de Sandro de Manana, a nai dunha das súas alumnas, cun marido ao que lle van as saias, tramposo e celoso que vai saír e breve do cárcere.

A película de Levan Koguashvili ten momentos poéticos moi belos – na praia, cando se resgardan da choiva – absurdos-positivos – os momentos na habitación coas citas – e patéticos – Sandro non ten unha personalidade forte – pero sexa como fora dignidade dos protagonistas, ata nos momentos máis ridículos, respéctase. Ás veces é un equilibrio difícil, pero sen dúbida é o valor principal da película e fonte ademais, das máis sinceras gargalladas.

Comments are closed.