ENTRE DOS AGUAS, de Isaki Lacuesta

maxresdefault

‘Flotando como un velero’

Comeza Entre dos aguas e por un momento Isra volve ser o neno de La leyenda del tiempo (Isaki Lacuesta, 2006), pero doce anos despois as imaxes teñen algo de evocación, dun tempo pasado que non volverá. Trátase da fermosa escena ao carón dunha árbore coa que se pechaba a historia de Isra e Cheíto en 2006. Pasou un ano e algúns meses desde que Isra presenciou o asasinato do seu pai, e o mozo xa non ten ganas de cantar. “Non é algo para esquecer, Saray… Non o vou a esquecer durante o resto da miña vida”. “Aínda o estás pasando mal?”, e Isra asente de costas, en silencio. Entón avanzamos no tempo. Vemos un primeiro plano de Isra, xa adulto, e o parto da súa filla Manuela filmado coa realidade dun documental. Primeira sorpresa: Saray non é a nai. Despois de coller á súa filla en brazos, Isra abandona a habitación e camiña cara a uns homes que agardan por el cunhas esposas (primeiro dos detalles que fan que todo en Entre dos aguas semelle tan real: o policía ten a consideración de ocultar as mans do esposado baixo unha bata). Aínda non sabemos que pasou durantes estes anos, pero tralas dúas primeiras escenas de Entre dos aguas sentimos que a vida seguiu o seu curso. Observamos, ademais, as dúas augas entre as que navega o título: o pasado e o presente, a morte e a vida, a ficción e o real. Significados que engaden máis capas a un título que tamén se refire a un tema de Paco de Lucia, así como á paisaxe e situación xeográfica de San Fernando.

Entre dos aguas bebe do pasado e sobre as súas imaxes resoan as de La leyenda del tiempo, que a miúdo rexorden a modo de flashback. Porén, non atopamos nelas un ápice de nostalxia e cando Isra e Saray volven compartir unha escena sentimos a punzada do que puido ser e non foi. Son tamén dúas películas distintas. La leyenda del tiempo trataba de retratar un lugar, A Illa de San Fernando, vinculándoa cun modo determinado de afrontar o loito, moi ligado ao flamenco (a película era unha homenaxe a Camarón), polo que podía dividirse en dúas historias distintas, a segunda das cales, “La voz de Maikko”, desaparece por completo nesta película. Aquela era unha cinta moito máis estática onde o loito de Isra polo asasinato do seu pai fundíase coa alegría de medrar e co primeiro amor adolescente. Entre dos aguas, en cambio, é unha película moito máis narrativa, tamén máis dura e máis madura, construída en torno a un conflito dramático anunciado desde o título.

Entre dos aguas é ficción, aínda que se constrúa a base de realidade. Israel Gómez Romeu non estivo no cárcere, nin intentou suicidarse. A súa muller tampouco o botou da casa, aínda que si é certo que Francisco José Gómez Romeu (Cheíto) foi panadeiro na armada e estivo de misión en África. O guion foi escrito por Isaki Lacuesta xunto con Isa Campo e Fran Araújo, en estreita colaboración con Israel e Francisco José, a partir do que eles viviron en primeira persoa ou que coñecen moi de cerca polos seus amigos, e que expresan nos diálogos nos seus propios términos. A idea, aínda que esteamos ante unha ficción, é dar voz e corpo aos problemas reais da xente de San Fernando, tratados desde o seu propio punto de vista. O relato xorde así imperceptiblemente, a partir dunha intelixente sucesión de escenas correntes para os habitantes da illa, que son filmadas con pulso documental para capturar os xestos, miradas, actos e, por suposto, o escenario de San Fernando do que se compón cada situación.

maxresdefault (1)

Entre tanto río, marisma, praia, pontes e zonas de tránsito emerxe o relato de Isra, que aínda arrastra o asasinato do seu pai mentres trata de recuperar a súa vida sen recorrer á delincuencia. Tras saír da cadea, chegar a San Fernando, xogar coas súas fillas (a máis nova non o recoñece) e ser expulsado da casa pola súa muller, Isra trata de reconquistar á súa familia e de comezar unha nova vida. Mariscar nas marismas, chatarrear, trapichear con drogas, empregos precarios… Isra resístese a ser explotado, mentras se suceden os empregos e trapicheos. Obsesiónalle a idea da morte e tan só o apoio do seu irmán e dos seus amigos, cada un cos seus propios problemas, evita que caia na delincuencia, o abandono e a autodestrucción. Nunha das escenas con máis veracidade e intensidade de Entre dos aguas, cando os dous irmáns se sinceran e falan da morte do seu pai, Isra confesa a soidade na que vive desde entón. A película precisa tomarse o seu tempo para mostrar a loita diaria e a soidade de Isra, coas súas caídas, apoios e esperanzas, e capturar a lentitude e esforzo co que suceden os cambios profundos.

Nada máis lóxico, para unha película con este título, que mostrar o cambio de Isra a través dun bautizo na auga e da consumación dunha tatuaxe. Primeiro, Isra decide bautizarse nunha comunidade cristiá, para o cal debe morrer dentro da auga e saír como unha persoa nova que deixou o seu pasado atrás, morto e pechado. En lugar diso, Isra lánzase en solitario á auga desde a Ponte de Ferro de San Fernando, que el e os seus amigos empregan como trampolín, e tatúase nas costas unha escena sobre a morte do seu pai. Conta Isaki Lacuesta que lle propuxeron a Israel unha tatuaxe máis esperanzadora, que mirase cara ao futuro, como efectivamente sucede na película a través do personaxe do tatuador, pero el preferiu estoutro reescribindo o ton e final da película. Un final de novo cargado de resonancias do pasado, no que Isra leva ás súas fillas xunto á árbore da súa adolescencia. Cando Isra se vira cara á cámara, como xa fixera doce anos atrás, sentimos que houbo un cambio: é o tempo, que pasa por Entre dos aguas e avanza.

Comments are closed.