LONGA VIDA Á CURTA: CURTAMETRAXES EN CANNES

Un dos maiores empeños do Festival de Cannes durante as súas últimas edicións foi o de estimular e apoiar a creación dos novos realizadores e avalar a exhibición e distribución da produción de curtametraxes. Con este propósito, na edición de 2011 a organización do certame decidiu axuntar forzas e integrar ao redor da Cannes Court Métrage dúas seccións que ata agora conviviran de modo independente, a Competición Oficial de Curtametraxes e o Short Film Corner.
A primeira leva celebrándose paralelamente á categoría raíña do festival desde 1947 e conta no seu palmarés con pezas tan notorias como Coffee and Cigarettes (Somewhere in California) (1993) de Jim Jarmusch, Peel (1986) de Jane Campion ou Le Ballon Rouge (1956) do francés Albert Lamorisse, un director que gañara xa o Grand Prix na mesma categoría dous anos antes con Crin Blanc, Cheval Sauvage. Outras coñecidas curtametraxes premiadas nesta categoría son Omnibus (1992) de Sam Karmann, The lunch day (1990) de Adam Davidson ou An Occurrence at Owl Creek Bridge (1964) de Robert Enrico.

Le Ballon Rouge de Albert Lamorisse, gañadora da Palma d'Ouro á mellor curtametraxe en 1956

Le Ballon Rouge de Albert Lamorisse, gañadora da Palma d'Ouro á mellor curtametraxe en 1956

Se botamos unha ollada ao palmarés desta sección ao longo da última década podemos descubrir a un puñado de cineastas que lograron dar o salto á longametraxe tralo éxito das súas curtametraxes en Cannes, como é o caso do arxentino Juan Diego Solanas, gañador do Premio do Xurado en 2003 pola súa curta L’Homme Sans Tête e que repetiría na cita gala dous anos máis tarde coa longametraxe Nordeste (2005), programada en Un Certain Regard. Outro cineasta que tamén logrou un importante impulso grazas ao éxito do seu traballo en curto é o romanés Marian Crisan, quen dous anos logo de gañar a Palma de Ouro á mellor curtametraxe por Megatron (2008) debutou no longo con Morgen (2010), presentado en Locarno.

Un dos cineastas que comeza a ver a súa carreira afianzada tras triunfar en Cannes no terreo da curtametraxe é o tamén romanés Catalin Mitulescu, quen, tras gañar o máximo galardón coa súa curta Trafic en 2004, dirixiu a notable longametraxe How I Celebrated the End of the World (2006), premiado en Sundance e na Seminci, ao que sucedeu Loverboy, presentado este mesmo ano en Un Certain Regard. Outros dos cineastas que se abriron camiño no panorama cinematográfico internacional tras a súa participación na competición de curtametraxes son Xavier Giannoli, Nuri Bilge Ceylan ou Lynne Ramsay.

'Cross', da ucraína Maryna Vroda, gañadora da Palma d'Ouro á mellor curtametraxe deste ano

'Cross', da ucraína Maryna Vroda, gañadora da Palma d'Ouro á mellor curtametraxe deste ano

Na edición deste ano, o xurado presidido por Michel Gondry e do que tamén formaba parte o portugués João Pedro Rodrigues concedeu a Palma de Ouro á mellor curtametraxe á ucraína Maryna Vroda pola súa peza Cross, mentres que o premio do xurado recaeu en Swimsuit 46, do belga Wannes Destoop. Este mesmo xurado é tamén encargado de premiar os proxectos que participan na Cinéfondation, unha sección que naceu en 1998 e que ten como obxectivo brindar espazos de formación a novos estudantes de cine de todo mundo. Unha iniciativa de futuro da que saíron cineastas como o británico Asif Kapadia, director de The warrior (2001) ou a recente Senna (2010), ou o romanés Corneliu Porumboiu, autor de Politist, adjectiv (2009) e 12:08 East of Bucarest (2010), ámbolos dous presentados en Cannes. Durante as súas trece edicións, a única realizadora española premiada pola Cinéfondation foi a barcelonesa Celia Galán Julve, por Historia del Deserto (2003).

O Short Film Corner, pola súa banda, é unha iniciativa creada en 2004 como punto de reunión para produtores e directores de curtametraxes, no que ademais de encontros diarios con representantes de diferentes ámbitos da industria cinematográfica impártense talleres e conferencias. Este espazo é ante todo un magnífico escaparate para novos realizadores que poden achar en Cannes unha excepcional vía de ingreso a diversos festivais internacionais, entre eles certames dedicados exclusivamente ao formato curto, como o Tropfest ou o portugués Vila do Conde, considerado unha das principais citas do mercado da curtametraxe a nivel mundial.

A creación este ano do Cannes Court Métrage ten o obxectivo de centralizar e focalizar no propio Palais dels festivals todas as curtametraxes que pasan polo festival, que este ano tivo que xestionar ata 1.900 pezas inscritas procedentes de todo o mundo. Así, o Cannes Court Métrage congrega a todos os curtos da Sección Oficial, o Short Filme Corner e a Cinéfondation, pero tamén os pertencentes á Quincena dos Realizadores e a Semana da Crítica.

Comments are closed.