TEEN SPIRIT, de Max Minghella

O actor Max Minghella, coñecido especialmente pola súa interpretación de Divya Narendra en The Social Network (David Fincher, 2010) ou de Nick Blaine en The Handmaid´s Tale (Bruce Miller, 2017), atreveuse esta vez coa dirección. O británico púxose detrás da cámara, seguindo os pasos do seu pai Anthony Minghella, para realizar este filme escrito por el que ten lugar na Illa de Wight, a máis grande de Inglaterra onde, precisamente, naceu o seu proxenitor.

Teen Spirit presenta a vida de Violet (Elle Fanning), unha adolescente de dezasete anos de ascendencia polaca que vive coa súa nai (Agnieszka Grochowska) nunha fermosa casa da illa, ateigada de pasto e animais. Xustas de diñeiro para manter este idílico fogar, pola ausencia do pai e a negativa de mudarse ante a constante esperanza de que volva, ambas deslómbanse traballando para poder pagar as facturas. A verdadeira paixón da rapaza é cantar, e faino ás agochadas nun bar karaoke da vila baixo á desaprobación da súa nai, quen é máis tradicional e relixiosa e que a empurra a participar no coro da Igrexa. Neste local de copas é onde se atopa con Vlad (Zlatko Burić), un antigo cantante de ópera croata que tenta afastarse do seu pasado ateigado de galardóns e que comeza acompañar e aconsellar a Violet polo mundo musical, sobre todo ante á gran noticia de que un importante Talent Show musical vai realizar castings en Wight. O músico depura a técnica vocal da rapaza e actúa como o seu representante, ante a atenta mirada da nai, que aínda que ao comezo non estaba conforme coa afección da súa filla, termina decatándose de que ten talento e de que goza cantando.

cinescape-603x336-267552

Unha película de Disney Channel con menos sorrisos e mellor dirección de fotografía. Esta é a conclusión que se pode sacar de Teen Spirit, un filme que cumpre, un tras outro, todos os clixés argumentais dos filmes musicais de adolescentes e que se salva, en gran medida, polo bo traballo de Fanning.

Protagonistas con problemas económicos (por suposto estranxeiras) que aspiran a acadar grandes soños. Un pai ausente cuxa lembranza sempre marca a película, unha figura paterna substituta peculiar e unha nai que desaproba os soños da protagonista polo seu ben pero que posteriormente é a maior fan da súa filla. Unha rapaza loura, de ollos azuis, a talla 34, heterosexual e súper talentosa que vese perturbada polo mundo do espectáculo pero que volta ao camiño. Unha vila como escenario principal, na que se explota o lado rural fronte ao posterior contraste das riquezas e extravagancias da gran cidade e os seus habitantes moito máis modernos. Un amigo de cada cor para a protagonista, cos que se enfada, pero despois volve a amigarse. Etc, etc, etc. Numerosas consignas que se presentan neste tipo de películas nas que o único que finalmente se pretende vender son valores como o da familia, a amizade, ou a conservación da personalidade, de xeito vago, sen afondar en absoluto e con tintes bastante conservadores e clasistas.

Minghella coida máis á parte técnica que a película, cunha dirección de fotografía fermosa e chamativa na primeira parte do filme. Apostando sobre todo polos planos medios durante todo o filme, os deste tramo teñen un misticismo especial aportado pola paisaxe, pola casa e a contorna na que vive a protagonista, ateigada de animais, de vexetación, de sol. Cunha luz moi característica desa Inglaterra que coñecemos contrastada coas cores rechamantes do concurso Teen Spirit, que empeza irromper na vida de Violet. Pero prodúcese un gran cambio na metade do filme, co traslado á cidade, na que a fotografía pasa a ser bastante convencional, pouco destacable. A extravagancia estética do concurso musical vese sobresaturada co recurso fácil dos neons luminosos, que chegan ata a ser repetitivos e que producen que incluso se rememore facilmente á estética de Elle Fanning en The Neon Demon (Nicolas Winding Refn, 2016).

Elle-Fanning-covers-Robyn-single-for-Teen-Spirit-film

No que se refire ao carácter musical do filme, o estilo pop é o que marca a súa esencia, escoitándose temas de Ariana Grande, Katy Perry, One Direction, Elie Gouldingou ou incluso Annie Lennox. Ademais das cancións orixinais da película, tendo a Marius de Vries como encargado da música do filme. Destaca a gran capacidade de Fanning para o canto, que atopou en Teen Spirit a ocasión perfecta para amosar a súa capacidade vocal. Súmase a isto que Minghella apostou pola interpretación en directo e non polo uso de playback, o que lle dá un plus no que aos convencionais filmes musicais se refiren e que adoitan caracterizarse polo pouco realismo ao empregar eses métodos.

Respecto á propia Fanning, pódese dicir que a pesar da súa corta idade (21 anos) ten unha capacidade interpretativa, unha versatilidade e unha experiencia actoral digna de admiración. A americana representa o exemplo perfecto de actriz dende o berce, comezando no mundo da interpretación con tan só dous anos na película I am Sam (Jessie Nelson, 2001) e sen parar dende entón. Ten traballado con importantes directoras e en filmes destacables, como en The Curious Case of Benjamin Button (David Fincher, 2008), Somewhere (Sofia Coppola, 2010), Ginger & Rosa (Sally Potter, 2011) ou About Ray (Gaby Dellal, 2015) entre outras. Xa ten demostrado as súas múltiples dotes ao longo destes anos, mais no filme de Max Minghella consegue lucirse especialmente, ensinar o seu modo de actriz 360, cantando, bailando e interpretando de xeito excelente, conseguindo que a adores e a odies constantemente ao longo da película. Mais, pese ao estratosférico esforzo de Fanning, que saca a película a flote case soa, caendo todo o peso interpretativo sobre ela, a propia inercia das múltiples carencias narrativas desta fan que a súa luz se reduza e non brille todo o que debería.

O resto do elenco é pouco destacable e os personaxes son moi convencionais. O entorno familiar xa foi mencionado e no que se refire ao mundo adolescente de Violet, aparecen os típicos papeis de película de adolescentes: a chica popular mala á que a protagonista remata superando, o amigo bo que está namorado de Violet pero ao que esta non lle fai caso, o guapo talentoso que se aproveita dela, a dona perfecta que faría calquera cousa por gañar o concurso…

Teen Spirit convértese nun filme entretido pero algo insubstancial. Que pretende dicir cousas importantes e realmente non di ningunha. Max Minghella comeza no mundo da dirección non da mellor maneira, presentando unha historia da súa autoría e totalmente cargada de rancios estereotipos socioculturais, demostrando que o seu é moito máis a interpretación, campo que na película está moi traballado e desenvolvido. Haberá que agardar a que Minghella adquira experiencia detrás da cámara e comprobar se é a falta de práctica o que lle fixo coxear con Teen Spirit ou se simplemente o seu é máis estar diante.

Comments are closed.