THE FAVOURITE, de Yorgos Lanthimos

Mellor película do ano segundo o American Film Institute; premios ao mellor filme independente británico, mellor dirección, mellor actriz protagonista (Olivia Colman) e actriz de reparto (Rachel Weisz), mellor fotografía, deseño de vestiario, maquillaxe, deseño de produción e guión nos British Independent Film Awards; galardóns para á interpretación das actrices (especialmente para Colman) outorgados pola Chicago Film Critics Association, o Festival Internacional de Cine de Xixón, os Globos de Ouro, os Premios Gothan, o Telluride Film Festival e o Festival de Venecia; así como o León de Prata, o Gran Premio do xurado para o propio filme neste último. Poderíamos continuar enumerando o resto de recoñecementos que colleita The Favourite, o último filme de Yorgos Lanthimos, mais esta selección sérvenos para facernos unha idea de como esta envolvente obra ambientada na Inglaterra do século XVIII non está deixando indiferente aos académicos nin ao público.

THE FAVOURITE

Con grandes doses de ironía, humor negro e comedia, combinados con drásticos xiros dramáticos, esta película narra o surrealista día a día do palacio da Raíña Anne de Inglaterra, a cal, enferma e imposibilitada para gobernar en condicións, delega as súas funcións en Sarah, a súa amiga e confidente. Ambas teñen un sistema perfectamente apalabrado e organizado para xestionar o país (dentro da inestabilidade que caracteriza a súa relación) e fan e desfán ao seu gusto a pesar das queixas dos grupos políticos, encabezados por caricaturescos e impotentes homes que vense incapaces de desobedecer as ordes destas poderosas mulleres. Mais a atmosfera de perfecto caos rómpese en mil anacos coa chegada de Abigail, curmá de Sarah. Filla dunha familia aristócrata vida a menos, esta xove traballa agora como criada en palacio e que fará todo o posible para volver a ascender ás altas clases das que proviña, sen importar o prezo e as consecuencias. Achegándose á Raiña e entremeténdose na súa relación con Sarah, Abigail desatará unha tormenta de anarquía e destrución que rozará o absurdo e que levará ás protagonistas a alcanzar estados extremos de desesperación.

Sendo a súa primeira película de época, así como a única da súa filmografía para a cal non escribiu o guión, Lanthimos volve a sorprendernos coa súa peculiar forma de facer cine. Alonxándose está vez algo máis do seu estilo cru e das súas historias desacougantes pero mantendo a súa esencia orixinal, The Favourite convértese nunha das obras máis potentes do director grego. Con Robbie Ryan ao mando da dirección de fotografía e con claras referencias a Barry Lyndon (Stanley Kubrick, 1975), o filme móstranos unhas imaxes espléndidas a nivel de composición. Os grandiosos e maxestosos decorados combínanse cos elegantes traxes do reparto. Todo mostrado a través de enormes planos xerais, panorámicas e travellings interrompidos por visións a través de efectos de ollo de peixe, que lle dan ao filme unha sensación de distorsión case psicótropa, perfectamente ligada á cantidade de excesos e decadencia producidos na corte. Aínda así, atopamos tamén momentos de calma, nas que os fundidos e planos máis curtos adoitan ser os grandes protagonistas.

Dividida en capítulos con títulos tan pintorescos como as historias que narran, The Favourite caracterízase, principalmente, por un gran peso actoral. Yorgos Lanthimos confiou nesta ocasión en tres grandes actrices para encarnar as súas protagonistas: Olivia Colman, Rachel Weisz e Emma Stone. Actrices moi diferentes interpretando personaxes moi distintos entre si pero que, ao xuntarse, conforman o cóctel perfecto de paixón, intensidade e sentimento. As enormes salas palacianas ateigadas de luxo non conseguen empequenecer a estas mulleres, que conquistan co seu talento cada intre da película.

THE FAVOURITE

Emma Stone, nos últimos anos, ten consolidado a súa carreira con importantes papeis protagonistas ás súas costas. Neste caso, o peso non recae sobre ela, pero de novo volve a deslumbrar co seu sutil pero efectivo lado salvaxe, así como coa gran faceta cómica que posúe. A actriz conforma a unha Abigail doce e ruda, adorable e tola. Un personaxe tremendamente bipolar cun distintivo lado de falsidade e adición a maquinar que medra a medida que vai avanzando a acción ata chegar ao seu clímax.

Por outra banda temos a Weisz, a cal xa traballara con Lanthimos, e que representa a perfecta figura da muller traballadora, gobernante, sincera, forte e loitadora neste papel de Sarah. Amosa un lado serio e decidido, pero tamén unha faceta sensible e terna no que a temas de amor se refiren, o cal lle supón a súa única e maior debilidade. Rachel Weisz realiza un incrible traballo actoral mostrando perfectamente esa lenta e desgarradora avalancha vital que experimenta o seu personaxe. A “crónica dunha morte anunciada” realizada dun xeito extremadamente elegante.

E por último temos a Olivia Colman, a xoia da coroa. Encarnando a Raíña Anne, a verdadeira protagonista da historia, Colman deslumbra dende a fealdade e a enfermidade. Ao ver The Favourite non tardamos moito en decatarnos de que a monarca neglixente, depresiva e bulímica, que entorpece toda acción política do reino en tempos de guerra e que non parece ter coñecemento algún sobre gobernar, é un ser moito máis profundo do que aparenta. Os seus comportamentos están perfectamente xustificados polos enormes traumas que intoxicaron o seu pasado e meticulosa e sutilmente son mostrados ante o público, facendo que un personaxe inicialmente pesado, torpe e molesto o conquiste case sen decatarse.

As mulleres levan a voz cantante neste último filme de Lanthimos, escenificándose ademais durante a película unha continua loita de sexos na que os homes levan todas as de perder. Estes, en continuo estado de submisión, son mostrados do xeito máis cómico posible, como bonecos maquillados ao extremo que pretenden mostrar preocupación polos conflitos bélicos pero cuxos únicos intereses son particulares. Elas, por outra banda, aparecen retratadas como mulleres fortes pero algo desequilibradas, cuxos estados de ánimo afectan á toma de decisións respecto aos pactos de Estado.

Está claro que The Favorite é moi diferente ao que Yorgos Lanthimos nos tiña acostumados. Canino (2009), The Lobster (2015) ou The Killing of a Sacred Deer (2017), caracterizábanse por un ton máis tenebroso e tráxico. Neste caso, o director cambia de sintonía, e aínda que o drama está asegurado, tamén o está a comedia, a angustia, a sorpresa e moitas máis sensacións indescritibles que converten a The Favourite nunha perfecta bomba de reloxería preparada para explotar ante o público.

Comments are closed.