ESA SENSACIÓN, de Juan Cavestany, Julián Génisson e Pablo Hernando

esasensacion1

Un fillo espía a seu pai mentres este atravesa unha crise de fe, unha muller sinte unha atración incontrolable por obxectos diversos (unha escaleira, un parquímetro…), un virus ataca ás persoas e fai que digan cousas sen pensar. Estas tres frases son a única explicación que se lle pode dar a un filme que non responde a ningunha lóxica ou arco dramático tradicional. Esa Sensación (2015) é unha labazada directa ao espectador e un soplo de aire fresco que entra a renovar un cine ancorado en formas do pasado. Lonxe quedan etiquetas coma “low-cost” que tan só tratan de acotar unha forma de facer cine con baixos presupostos. Non importan aquí os presupostos ou o caché dos actores; o importante é facer cine. Un cine rápido, urxente, rodado pola mesma necesidade pola que acometemos unha e outra gravación con calquera dispositivo.

Escribir sobre filmes como este é tarefa complicada. É doado arrepíar ao público explicando ideas ou conceptos que o crítico se empeña en atopar en escenas ou secuencias determinadas. Por outra banda, describir unha filia sexual polos obxectos pode ser tarefa complicada sen caer nesa pomposidade. Por todo isto (e tamén polo bloqueo da páxina en branco que me persegue desde que vin o filme), considero que é preciso falar de Esa Sensación desde unha visión persoal, neste caso a miña, xa que o filme non deixa de ser iso: unha sensación.

Non vou negar que a miña conexión coa película foi absoluta desde o primeiro minuto. Quizais polo meu gusto por autores como Venga Monjas, Carlo Padial ou pola miña devoción por Juan Cavestany, un filme deste calibre paréceme moito máis apetecible e atractivo que outra comedia/drama máis dunha industria que semella non querer renovarse. Porén, poido comprender, perfectamente, que a estupefacción acompañe ao espectador ao longo dos 80 minutos de filme; ao fin de contas, cantas veces vimos na pantalla grande unha secuencia de sexo entre unha escaleira e unha muller?

Anécdotas aparte, a importancia de Esa Sensación non é a capacidade para sorprender ou para pegar bruscos xiros de guión a cada cal máis sorprendente ou surrealista. Esa Sensación é a corroboración de que aquí tamén se saben facer formatos novidosos e filmes arriscados. É a constatación de que si que existe un público para este cine: e é un público devoto. Entregado coa paixón da Política dos Autores a cada unha das pezas que saen dun colectivo que non se pode agrupar baixo ningunha etiqueta. E é preciso berralo ben alto, é preciso matar aos ídolos: Calquera filme de Cavestany, Génisson, Hernando, Vermut, Padial, Venga Monjas interésanos máis que a mellor obra dun Linklater, Greenaway, quen sexa!

Esasensacion2

 Morra o cine!

“Eu son unha persoa que entendo o audiovisual como está a suceder e non como na época de Max Ophuls, que é como o vive a maioría da xente. E está sucedendo aquí, no teu móbil. Ten que ser máis fluído, máis rápido.”      (Carlo Padial)

As diferencias co cine mainstream xorden xa desde, por exemplo, a dirección. Esa Sensación é o traballo de tres directores que filman 3 historias ou tramas de forma separada. O que pode semellar como a definición dun filme por capítulos transfórmase no traballo dun autor único. As escenas, aínda que poidan ser case sketches, únense cunha continuidade que está máis próximo ao místico que ás ensinanzas dos manuais de guión. Un traballo a seis mans que se entende como algo compartido, como unha experiencia de grupo. Así, a filmación da película era realizada entre eles, sendo uns sonidistas de outros, ou actores, ou o que fixera falta. Incluso, cabe a consideración de engadir a Lorena Iglesias (protagonista do segmento de filme sobre a filia sexual cos obxectos) como autora da película xa que o seu traballo vai alén da mera actuación pasando a ser tamén parte do equipo técnico en determinados momentos.

Mais non vou ser eu quen gaste letras nun tema xa moi comentado: se o cine independiente tal, se os novos directores o outro… Os feitos son que a arte non serve para nada. E, por iso, serve para todo. Quizais por esto mesmo, un filme absurdo e surrealista sirva para facer unha visión da sociedade que somos. Quizais este filme non sexa máis que un remake de Le fantôme de la liberté (1974, Luís Buñuel) traído aos tempos de agora. E, igual que a través das secuencias do xuízo ao francotirador ou a icónica cea sobre os retretes podiamos ver unha crítica ao que eramos, hoxe podemos atopar este carácter máis crítico nas secuencias de Esa Sensación.

Ou quizais todo isto non sexa máis que a xustificación dun crítico sobre un filme inexplicable que lle encantou. Quizais explicar Esa Sensación sexa como tentar explicar o arte abstracto ou atopar as razóns tras o surreal.

Comments are closed.