PAULO ROCHA, O ETERNO APRENDIZ

19 Paulo Rocha 2

Ler este artigo na súa versión orixinal en portugués

Paulo Rocha, falecido en decembro de 2012 aos 77 anos, é un dos nomes máis importantes do cinema portugués das últimas décadas. A pesar das dificultades no acceso ao seu traballo —ningún dos seus filmes está aínda editado en DVD— Paulo Rocha é recoñecido en varios circuítos cinéfilos e críticos internacionais como autor dunha das máis importantes obras cinematográficas en lingua portuguesa, unha complexa reflexión sobre Portugal, as súas raíces culturais e matrices identitárias.

Era unha vez

Na súa edición de 1964, o Festival de Locarno atribuíu o seu premio para a mellor ópera prima a un mozo descoñecido portugués. Paulo Rocha presentaba no certame Os Verdes Anos (1963), un filme cheo de esperanza e inxenuidade que sinalaba simbolicamente a chegada das novas vagas europeas a Portugal. Seguiulle Mudar de Vida (1966) e un novo recoñecemento internacional, con presenza en varios festivais e eloxios da crítica e dos pares, como o brasileiro Glauber Rocha, en plena celebración do descubrimento do Novo Cinema Portugués.

Confesando desilusión e descrenza nas narrativas do cinema clásico, Rocha iniciou unha fase de experimentación de formas e contidos: primeiro, aínda timidamente, en Sever do Vouga… Uma Experiência (1970), un proxecto que contou coa colaboración de Fernando Lopes e Manoel de Oliveira; despois, asumida e ostensibelmente, en A Pousada das Chagas (1971), unha obra máis radical que consistía na complexa fusión (o termo do cineasta foi ‘processo de colagem‘) de moitas referencias artísticas e culturais que se cruzaban verbal, visual, sonora e performativamente. En tres décadas, entre Os Verdes Anos e A Ilha dos Amores (1982), o cinema de Paulo Rocha transformouse por completo: a narrativa radicalizouse na non-linearidade, o modo de representación pasou a ser anti-naturalista e a posta en escena fíxose moito máis exuberante. Nas súas últimas longas, como A Raiz do Coração (2000) e Vanitas (2004), o cineasta optou finalmente por un ton alegórico que pretendía mesturar unha análise do tempo presente con varias reflexións sobre as raíces culturais e estéticas do pasado.

Os Verdes Anos (Paulo Rocha, 1963)

Os Verdes Anos (Paulo Rocha, 1963)

Varios cineastas portugueses das xeracións cinéfilas máis novas cóntanse entre os seus discípulos, herdeiros e admiradores —Joaquim Sapinho, Manuel Mozos, João Pedro Rodrigues, Pedro Costa, Cláudia Tomaz, Raquel Freire, Miguel Gomes e João Salaviza— unha filiación que se manifesta a través de referencias ou citas explícitas en varios filmes ou en declaracións e discursos públicos de admiración e gratitude. Con todo, décadas antes, Paulo Rocha xa fora determinante no recoñecemento de novos valores para o cinema portugués, como aconteceu con António Campos e António Reis.

O último puzzle

Corenta e cinco anos despois de rodar por vez primeira no Furadouro, Paulo Rocha volveu a esa pequena comunidade pescadora próxima do Porto para facer Se Eu Fosse Ladrão… Roubava (2011), un filme que tería a súa estrea mundial en Locarno algúns meses despois da morte do cineasta. Probabelmente, Paulo Rocha non concibiu este filme como a súa última obra, mais o seu carácter marcadamente autobiográfico e as complicacións que afectaron á saúde do realizador fixeron que se tornase gradualmente no seu filme testamentario.

A conexión do realizador co Furadouro era unha herdanza paterna: dunha banda, o seu pai nacera preto daló, e varios dos seus antergos tamén morreran nese lugar; mentres que doutra banda, as vacacións de infancia familiarizárono con esa comunidade e con ese espazo que revisitaría en dous dos seus principais filmes. O primeiro foi Mudar de Vida, un drama de amores imposíbeis separados polos caprichos da vida: Adelino (Geraldo d’el Rey) regresa a casa logo de cumprir o servizo militar en África e reencontra a súa amada, Júlia (Maria Barroso), casada co seu irmán; loita pola supervivencia, física e anímica, mais as lesións traídas da guerra incapacítano para o traballo na pesca ou na fábrica; pensa en emigrar, mais rematará por iniciar unha relación con Albertina (Isabel Ruth), na esperanza dunha posíbel redención.

Se Eu Fosse Ladrão... Roubava (Paulo Rocha, 2011)

Se Eu Fosse Ladrão… Roubava (Paulo Rocha, 2011)

Se Eu Fosse Ladrão… Roubava é outro drama centrado en lembranzas familiares: nos anos vinte, un pequeno labrego de S. Vicente ve o seu pai morrer coa peste que esquilma o País; algúns anos máis tarde, sentíndose recluído na pequena aldea, decide marchar ao Brasil deixando as súas irmás encargadas dos traballos da casa. Mais as irmás non aceptan esta decisión e tentan dificultar a partida do irmán máis mozo, única referencia patriarcal da familia. A idea da partida —fuga ou oportunidade de mudar de vida— é unha obsesión no cinema de Paulo Rocha: xa estaba presente en Os Verdes Anos, cando o protagonista Júlio (Rui Gomes) quería emigrar para o estranxeiro para recomezar a súa vida canda a súa amada Ilda (Isabel Ruth); e tamén na Ilha dos Amores, onde acompaña a errancia existencial e fantasmática de Wenceslau de Moraes (Luís Miguel Cintra) polo Extremo Oriente, para onde fuxiu de Portugal contra o final do século XIX á procura dunha ‘arte de vivir’ que conciliase o material co espiritual.

Luís Miguel Cintra e Isabel Ruth volven aparecer en Se Eu Fosse Ladrão… Roubava, así como fragmentos de case tódolos filmes do cineasta: os casos máis citados son Os Verdes Anos (1963), Mudar de Vida (1966) e O Rio do Ouro (1998). Esta decisión documenta de xeito adecuado e sumario unha obra que, malia tódalas súas contradicións e ambigüidades, presenta un fío condutor marcadamente emocional e autoral que revela unha filmografia organicamente unitaria. Así, a montaxe final de Se Eu Fosse Ladrão… Roubava —responsabilidade de Edgar Feldman— asume que este non é somentes outro filme máis de Rocha, senón un esforzo por xuntar varios cabos aparentemente soltos para dar ao espectador unha visión xeral e panorámica dos momentos máis relevantes do cinema de Paulo Rocha.

Ler este artigo na súa versión orixinal en portugués

Comments are closed.