A fascinación do cotiá

Esta peza foi elaborada durante o obradoiro do Seminario de Crítica Feminista que organizamos en Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui 2018

No ano 1975 a realizadora belga Chantal Akerman logrou o impensable: que o invisible resultase esencial. Jeanne Dielman marcou un antes e un despois na historia do cinema, ofrecendo unha representación absolutamente revolucionaria da rutina cotiá e o traballo doméstico a través da ollada feminina. Máis de 40 anos despois, a súa repercusión e influencia resultan incuestionables, chegando a manifestarse en obras aparentemente tan afastadas como Trinta Lumes, de Diana Toucedo.

Esta peza busca crear un punto de encontro entre os dous filmes e as súas creadoras, unha conversa a través do espazo e do tempo que conecte os diferentes niveis de presenza da muller no audiovisual:

Por una banda, a autora detrás da cámara. Dous xeitos de filmar e aproximarse ao filmado que, máis aló das súas diferenzas técnicas e formais, comparten unha visión que transcende a propia linguaxe cinematográfica.

En segundo lugar, a muller representada na pantalla. Personaxes de diferente idade e condición levando a cabo accións cotiás, parte integral da súa historia persoal. A rutina diaria de suxeitos activos, reconciliados mediante a xustaposición de imaxes. Unha ponte que logra conectar distintas épocas, lugares e culturas.

Finalmente, o papel da espectadora fronte á pantalla, a importancia da súa mirada a través da historia. A necesidade de reivindicar imaxes e perspectivas que logren xerar empatía. Representar todo aquilo que foi obviado e desprezado, para que observar o cotiá nunca deixe de ser fascinante.

Filmes citados:
Jeanne Dielman, 23 quai du Commerce, 1080 Bruxelles (Chantal Akerman, 1975)
Trinta Lumes (Diana Toucedo, 2017)

Comments are closed.