VILA DO CONDE 2013: CONAKRY

Ler este artigo na súa versión orixinal en portugués

Unha lección de historia e de cinema. Sobre todo de cinema. Isto é o primeiro que suxire o filme de Filipa César presente na competición nacional do Curtas 2013. Conakry (Filipa César, 2013, 11 min) é un simple plano-secuencia filmado na Casa das Culturas do Mundo en Berlín coa participación da escritora portuguesa de ascendencia são-tomense Grada Kilomba e a xornalista radiofónica norteamericana Diana McCarty. A narración do filme componse daquela destas dúas intervencións, que acompañan a unha serie de imaxes inéditas do arquivo cinematográfico da Guinea-Bissau recentemente restauradas pola artista e cineasta portuguesa Filipa César.

Estas primeiras imaxes guineanas foron rodadas en 1972, durante ‘A Semana da Información’, unha exposición organizada polo Partido Africano para a Independencia da Guinea-Bissau e de Cabo Verde (PAIGC) de Amílcar Cabral que se desenvolveu no Palacio do Pobo de Conakry, capital da Guinea veciña, coa intención de informar sobre a situación da guerra trabada dende a década anterior contra a administración colonialista portuguesa. Os seus autores foron José Columba Bolama, Josefina Crato, Floreza Gomes e Sanda Na N’Hada, catro mozos aspirantes a cineastas enviados por Amílcar Cabral a Cuba para estudar no Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) entre 1967 e 1972, de onde viñan coa idea de tornar o cinema un medio revolucionario ao servizo da descolonización dos pobos guineano e caboverdiano. Diana McCarty é a encargada de narrar toda esta información histórica, así como de contextualizar tamén o traballo de conservación e restauración do arquivo guineano pola banda de Filipa César.

Despois, a Grada Kilomba tócalle desenvolver un exercicio complementario e máis arriscado: o de narrar lírica e ficcionalmente as imaxes que son proxectadas sobre o seu propio corpo. O filme consiste así nun encontro feliz entre o obxectivo (imaxes dun xornal de actualidade calquera) e o subxectivo (a lectura dramática desas mesmas imaxes, a interpretación das súas intencións ou dos seus xestos), e sobre todo na explotación desa dialéctica. A ausencia de banda sonora -o proceso de restauración do son foi deixado para unha segunda fase- acentúa aínda máis o exercicio subxectivo de ficcionar ou dramatizar as imaxes en cuestión, igual que a ‘interferencia’ do corpo da performer entre o proxector e a tea acentúa tamén a intervención subxectiva e lírica da cineasta sobre as imaxes.

Contra a metade do filme, unha frase evidencia o seu discurso: o cinema é un acto descolonizador. Ese era o desexo último de Amílcar Cabral, cando decretou o cinema como un importante medio revolucionario, importante para unha independencia do xesto e do ollar, e tamén para a construción dunha memoria propia. Neste sentido, o cinema foi -e aínda é- un medio fundamental no proceso de devolución da memoria da loita de liberación e emancipación dun pobo e da independencia política dun país, unha memoria que se aviva agora con imaxes e sons que estiveron esquecidos e ignorados durante décadas, cun potencial histórico e conmemorativo insubstituíbel.

Canda Cacheu (Filipa César, 2012, 11 min) e Cuba (Filipa César, 2012, 11 min), Conakry integra a triloxía de ensaios cinematográficos A Loita Ca Caba Inda (Filipa César, 2012-2013) sobre o espolio fílmico da Guinea-Bissau. Cinema e historia continúan xunguidos nun traballo de avaliación permanente do trauma e das feridas coloniais na memoria colectiva e identidade nacional tanto guineenses como portuguesas. Ese exercicio ten que ser permanente, porque eses procesos están en constante mutación, acelerada por documentos como os que Filipa César restaurou para devolver á memoria e á historia. Se cadra, é por iso polo que Conakry termina igual ca unha aula, cunha frase simbólica de Grada Kilomba: “Hai preguntas?”. Igual que as boas aulas, os bos filmes non son aqueles que dan respostas, senón aqueles que espertan moitas preguntas.

Ler este artigo na súa versión orixinal en portugués

Comments are closed.