O TEST DE BECHDEL

O Test de Bechdel é un sistema para avaliar a fenda de xénero existente na representación das mulleres en obras de ficción. Aínda que a súa invención se atribúe a Liz Wallace, recibe ese nome por popularizarse nunha banda deseñada cómica de 1985 da serie Dykes to Watch Out For, debuxada por Alison Bechdel. Na devandita tira, titulada The Rule, un dos personaxes di que ela unicamente acepta ver unha película se cumpre tres requisitos:

1. No filme saen polo menos dous personaxes femininos (con nome).

2. Os devanditos personaxes falan a unha coa outra nalgún intre da película.

3. A devandita conversa trata sobre algún tema que non sexa un home.

21 The Rule - Alison Bechdel

Dende a aparición do Test, o seu emprego pasou a xeralizarse como un xeito sinxelo de resaltar a pouca presenza feminina na industria do cinema. Malia ser un test moi pouco esixente, resulta sorprendente a cantidade de películas que non superan esas tres condicións básicas (especialmente cando de aplicarse á inversa, valorando o rol dos homes en cada filme, case a maioría si o farían): dos 5.018 filmes compilados polo Bechdel Test Movie List, só o 56,5% cumpre o tres requisitos.

O Test de Bechdel non xulga a calidade dunha obra (unha fita pode non pasalo e ser considerada obxectivamente boa, e viceversa), nin é unha escala para decidir se o seu contido é machista ou non (unha fita pode non pasalo e conter personaxes femininos interesantes ou valores feministas, e viceversa), nin tampouco implica lecturas secundarias sobre o sexo dos creadores (pode haber directoras ou escritoras cuxas películas non aprobarían o test, por exemplo Kathryn Bigelow, e viceversa); os seus resultados simplemente amosan unha desviación sistemática na representación das mulleres en pantalla.

Un experimento sociolóxico

Fagamos un experimento a partir da colleita fílmica de 2013. Para simplificalo e evitar entrar en cuestións de contexto cultural, centrémonos unicamente na cinematografía norteamericana. Collamos tres listaxes de películas, confeccionadas desde tres parámetros diferentes: o punto de vista da industria (as nomeadas a Mellor Película nos últimos premios Oscar), o do público (os dez filmes con maior recadación do ano en Estados Unidos) e o da crítica (as dez mellores películas de 2013 para a National Board of Review). Apliquémoslles o Test e vexamos qué ocorre.

A) Películas nomeadas aos Oscars: De entre as 9 finalistas, só hai dúas que pasen o Test con nota: 12 Years a Slave (Steve McQueen, 2013) e Philomena (Stephen Frears, 2013). Dúas máis apróbano polos pelos: en Nebraska (Alexander Payne, 2013), un filme sobre a relación entre un pai e un fillo, hai un diálogo entre a nai (June Squibb) e a súa cuñada sobre unha moza que ficou embarazada; e American Hustle (David O’Russell, 2013), porque aínda que na única escena que teñen xuntas Amy Adams e Jennifer Lawrence empezan falando sobre o personaxe de Christian Bale, a conversa remata derivando cara outros temas. The Wolf of Wall Street (Martin Scorsese, 2013), un filme que obxectifica á maioría das súas mulleres, tecnicamente tamén aprobaría por un diálogo de pasada no que as mulleres de Donnie e Jordan mencionan a morte da tía dunha delas. E Dallas Buyers Club (Jean-Marc Vallée, 2013) só o superaría se consideramos que o transexual que está a interpretar Jared Leto é unha muller, pois a doutora encarnada por Jennifer Garner non fala con ningunha outra rapariga. Suspenderían os tres filmes restantes: Gravity (Alfonso Cuarón, 2013), porque só hai unha muller no seu elenco (aínda que Sandra Bullock é a heroína, este sería o típico caso de película feminista que non pasa a proba); Captain Phillips (Paul Greengrass, 2013), porque ningunha das súas escasas secundarias falan entre elas; e Her (Spike Jonze, 2013), porque tódalas conversas entre mulleres (ou, precisando, entre mulleres e intelixencias artificiais con voz de muller) son arredor de homes.

B) Películas con maior recadación: As películas orientadas a un público infantil ou xuvenil, como Despicable Me 2 (Pierre Coffin & Chris Renaud, 2013), Frozen (Chris Buck & Jennifer Lee, 2013) ou The Hunger Games: Catching Fire (Francis Lawrence, 2013) tenden a pasar o Test – a única excepción sería Monsters University (Dan Scanlon, 2013), cunha soa muller con nome, a vilá). Os blockbusters superheroicos como Iron Man 3 (Shane Black, 2013) ou Man of Steel (Zack Snyder, 2013) son problemáticos, pois os principais personaxes femininos son as mozas dos heroes (Gwyneth Paltrow e Amy Adams), e nas súas conversas con secundarias só adoitan falar deles. Aprobarían in extremis, pois Lois ten un brevísimo intercambio con Faora, e nunha das súas tres conversas Pepper e Maya falan sobre o traballo da segunda (as outras dúas son sobre Tony Stark e Werner von Braun). En Oz the Great and Powerful (Sam Raimi, 2013) as tres meigas manteñen varias conversas, aínda que na maioría delas o subtexto é sempre ou o mago ou o seu pai morto; tecnicamente superaríase o Test. The Hobbit: The Desolation of Smaug (Peter Jackson, 2013) conta cunha protagonista feminina que non estaba no libro orixinal, Tauriel (Evangeline Lilly), pero só fala de homes ou con homes. A Gravity xa a mencionamos; e Fast & Furious 6 (Justin Lin, 2013) só ten unha conversa real entre mulleres ao final da fita (aínda que curiosamente hai varias pelexas entre femias), e é sobre o personaxe de Vin Diesel.

C) Películas escollidas pola National Board of Review: A metade xa se comentaron, pois coincidían coas nomeadas aos Oscars: 12 Years a Slave, Nebraska e The Wolf of Wall Street pasarían o Test (aínda que as dúas últimas con dificultade); Her e Gravity, non. Outras dúas fitas tamén aprobarían: Prisoners (Denis Villeneuve, 2013), na que conversan Maria Bello e Viola Davis; e Saving Mr. Banks (John Lee Hancock, 2013), na que o personaxe de Emma Thompson ten algunha conversa con outras mulleres, malia moverse nun mundo de homes. Fruitvale Station (Ryan Coogler, 2013) sería un caso dubidoso, pois aínda que as mulleres empezan varias conversas, o tema remata sendo sempre Oscar. Os restantes títulos son supensos: en Lone Survivor (Peter Berg, 2013) non hai mulleres, e en Inside Llewyn Davis (Joel & Ethan Coen, 2013) os personaxes femininos nunca falan entre elas, senon só co protagonista titular.

Gravity (Alfonso Cuarón, 2013)

Gravity (Alfonso Cuarón, 2013)

Curiosamente, os tres casos observados manifestan un comportamento bastante semellante: en cada un dos parámetros hai como un terzo de filmes que pasarían sen problema o Test de Bechdel, outro terzo que o suspenderían de maneira indiscutible, e outro terzo que se movería por unha zona gris intermedia na que poderían aprobar ou non o test in extremis.

Máis datos

Se o Test de Bechdel pode demostrar, empírica aínda que non rigorosamente, o serio problema da representación fílmica das mulleres, novos estudos achegan interesantes datos complementarios. O 11 de marzo publicábase o informe anual It’s a Man’s (Celluloid) World, elaborado polo Center for the Study of Women in Television and Film da Universidade de San Diego, que estuda o papel das mulleres na industria cinematográfica estadounidense. O reporte analizou os papeis femininos nos 100 filmes norteamericanos con maior recadación de 2013. As mulleres representaban o 15% dos protagonistas, o 29% dos personaxes principais, e o 30% dos personaxes con diálogo. Ademais, segundo este estudo, os personaxes femininos eran máis novos que as súas parellas masculinas, eran máis propensas a ter un estado civil identificable e eran menos propensas a ter metas ou un traballo identificables (o 60% fronte ao 78% de homes).

Nun artigo publicado o 27 de febreiro no New York Times, Kevin B. Lee empregaba a páxina web Cinemetrics para investigar o tempo que pasaran en pantalla os actores nomeados aos Oscars de interpretación este ano, e descubría con asombro que mentres que os actores principais tiñan unha media de 85 minutos, a das actrices era só de 57 minutos (unha porcentaxe que sería moito menor se Sandra Bullock non ocupase o 87% de Gravity). Engadindo ao cómputo as categorías secundarias, o tempo para os homes quedaba en 59 minutos e o das actrices en 42. Un dos expertos consultados polo xornalista, o académico David Bordwell, achaca a disparidade á segmentación por xéneros. Os homes tenden a protagonizar filmes de acción ou narracións orientadas á consecución de obxectivos que requiren que o espectador siga a historia a través das súas experiencias, mentres que as actrices fano en melodramas nos que o papel protagonista é o nexo de unión de diferentes personaxes e subtramas.

Que facer con esta información?

Todas as fontes citadas demostran que existen serios problemas para a integración da muller tanto diante como detrás das cámaras, unha situación que habería que corrixir. Pero, como facelo? Polas malas? Así, desde outubro de 2013, o Test de Bechdel emprégase en varios cinemas suecos para avaliar os filmes que se exhiben nas súas pantallas, conseguindo unha cualificación preferente A as que o superan. A iniciativa, apoiada polo Instituto de Cinema Sueco, xerou unha gran controversia aló (cousa que era, en parte, a reacción que agardaban os seus impulsores), pois dá máis importancia ao cumprimento dun trámite estatístico que á calidade do produto exhibido.

Adoptar o Test de Bechdel como único criterio para a programación, difusión ou divulgación cinematográfica sería un erro cuestionado mesmo por algunhas correntes feministas, que discuten se máis que unha igualdade de oportunidades acadada por unha imposición de cotas habería que aspirar á igualdade de resultados. Esa era tamén una das dúas herexías da crítica que mencionaba Antonio Weinrichter durante a súa intervención no seminario “A crítica intermedia” no pasado Play-Doc: a aplicación con piloto automático dunha cuadrícula ou marco temático de referencia, un filtro unívoco para aprobar ou suspender os filmes, moi propio (segundo el) do campo dos estudos culturais, neste caso os de xénero. Weinrichter utilizaba particularmente o exemplo de 12 Years a Slave, e cuestionaba até que punto está a ser canonizada por ser un bo filme ou máis ben polo seu tratamento dos temas raciais.

12 Years a Slave (Steve McQueen, 2013)

12 Years a Slave (Steve McQueen, 2013)

O Test de Bechdel é un recurso moi popular ultimamente (nótese a frecuencia coa que aparece mencionado na prensa xeralista), e en certo xeito debería selo, pois serve de cómodo atallo para visibilizar o maniqueísmo que aínda existe coa muller no cinema. Pero desgraciadamente non é unha cura para a enfermidade, tan só un diagnóstico de certos síntomas; e nalgúns ámbitos, mesmo comeza a ser cuestionado. No seu ensaio para a revista Slate do 7 de xaneiro, Katy Waldman recollía as distintas posturas que existen entre varias críticas sobre a utilización desta ferramenta, que oscilan entre as que argumentan que se quedou curto e debería ser substituído por un estándar máis ríxido, as que cren que coa súa aplicación obsesiva volveuse arbitrario ou inconclusivo e as que pensan que aínda funciona á vista dos seus resultados. A propia Alison Bechdel reflexionaba recentemente no seu blog sobre os sentimentos enfrontados que lle produce a ampla popularización do Test (que chegou a eclipsala como autora) e o pouco que avanzou a situación para a representación das mulleres desde que apareceu o cómic en 1985.

O Test de Bechdel xurdiu como unha broma nunha banda deseñada cómica, e debería seguir sendo iso, un pasatempo, un divertimento que no mellor dos casos serve para abrir os ollos e dar lugar a reflexións máis serias. É un interesante exercicio de autoavaliación: aplicándoo podes descubrir máis sobre os teus propios hábitos de consumo ou produción cultural. O día en que a maioría dos filmes por defecto pasen o Test de Bechdel, a brincadeira xa non fará graza (enténdase a ironía: non hai nada de xocoso no que revela) e deixará de mencionarse ou utilizarse. Talvez, coa progresiva concienciación que supón a súa repentina popularización, ese día cada vez estea máis preto.

Comments are closed.