MUTACIÓNS DO CINEMA POSMODERNO

O último e extenso libro de Gerard Imbert podería ser visto como unha continuación de Postelevisión, pero desta volta o seu traballo ensaístico incide sobre os imaxinarios sociais presentes no cine posmoderno. Uns imaxinarios colectivos que Imbert define “como representacións flotantes, máis ou menos conscientes, que inflúen na nosa comprensión da realidade e afectan a formación da identidade social”. O cine para Imbert é un fiable indicador social e os imaxinarios colectivos anticípanse ás representacións colectivas e adiántanse aos cambios sociais, dándolles unha forma sensible, “non só amosan o que é, senón o que pode ser”.

A radiografía que Imbert realiza destes imaxinarios acaba converténdose nun valioso traballo sobre o estado do cine contemporáneo e nunha mostra representativa dos autores máis audaces e arriscados (Philippe Grandieux, Tsai Ming-Liang, Pedro Costa…) así como das tendencias máis novas (hibridacións ficción/documental), as cinematografías máis en auxe e suxestivas (cine filipino) ou os movementos e grupos, que a pesar da heteroxeneidade dos seus autores, comparten interesantes puntos en común (novo cine francés).

A posmodernidade trouxo consigo grandes cambios e transformacións dentro da sociedade, así como alteracións nas identidades dos suxeitos e reaxustes nas relacións dos seus membros. As seguras estruturas sobre as que se asentaba a “sociedade sólida” vense sacudidas pola liquidez, a transitoriedade e o presentismo da posmodernidade. Gerard Imbert segue a liña das investigacións e ensaios de autores que inventariaron e detallaron as modificacións e metamorfoses que sufriu a modernidade. Zygmunt Bauman (tempo liquido, vida liquida), Michael Maffesoli (neotribalismo, iconoloxías), Marc Augé (non-lugares) ou Jean Duvignaud (anomia). O traballo de Imbert consiste en detectar, a través dos imaxinarios sociais que están presentes no cine, os cambios, transformacións e mutacións que moitos destes eséxetas da posmodernidade detectaron e desvelaron nas súas obras.

O ensaio estrutúrase ao redor dunha “serie de obxectos fundadores a partir dos que se constrúe o suxeito social”. Estes catro grandes bloques, a pesar de poder funcionar de forma independente, contan todos cunha introdución e unha conclusión; acaban transmitindo unha sensación rizomática e unha lectura horizontal pola extraordinaria certeza e capacidade de Imbert para atar cabos, crear constelacións e formular conexións.

Rodaxe de 'Independencia', de Raya Martin

A primeira parte articúlase en torno ao Corpo. De que xeito o corpo no cine posmoderno é o lugar onde cristalizan e condensan síntomas? O corpo para Imbert convértese no epicentro de todas as tensións, angustias e medos que arrasan o suxeito posmoderno. Un corpo que bascula entre o baleiro e a ausencia (Tsai Ming-Liang, Gus Van Sant, Hou Hsiao-Hsien) ou o exceso (o cine mexicano) e a dor (Kim Ki-Duk, Michael Haneke, Patrice Chereau…). O corpo na posmodernidade oscila entre a liviandade e a gravidade, entre o peso e a graza.

Identidade e non-lugares

A segunda parte trata sobre a identidade; procura incesante do suxeito posmoderno e fonte de incertezas máis que de seguridades, orixe de dúbidas máis que de verdades. Destes desencontros que ten o individuo consigo mesmo xorde, di Imbert, un relato onde a ambivalencia e a ambigüidade contrapóñense á univocidade e a claridade da modernidade. Como no cine posfeminista, que analiza nesta parte, etiqueta coa que Gerard Imbert pretende aglutinar cineastas tan heteroxéneas como Catherine Breillat, Claire Denis, Naomi Kawase ou Pascale Ferra; o feminino reformúlase dende novas visións e sensibilidades. A identidade masculina tamén se presenta como obxecto de controversia e discordia no novo cine francés coa aparición de personaxes trastornados, imprevisibles ou en crises (Arnaud Desplechin, Cédric Klapisch, François Ozon). A institución familiar no cine posmoderno convértese nun núcleo de desacordos e orixe de problemas; a figura patriarcal vese cuestionada; o seu legado e herdanza rexeitados. Aparecen novas formas de relacionarse; a división entre xéneros vólvese porosa e confusa, e a homosexualidade aparece como tema de preocupación e debate (André Techiné, Gregg Araki).

Dentro deste segundo bloque Imbert tamén dedica apartados á figura dos non-lugares (Marc Augé), a aparición da deriva que substitúe o percorrido lineal e a aparición dun novo tipo de personaxes que o autor define como “Borderline”: “personaxes que contemplan a realidade dende os bordes ou chegan ao límite”. O cine posmoderno está cheo de retratos de personaxes esquizofrénicos e duais ou de individuos espectrais en continua procura de si mesmos. A ambivalencia instálase no interior das personalidades.

Tim Burton con Johnny Depp e Sarah Jessica Parker na rodaxe de 'Ed Wood'

A terceira parte Imbert dedícaa á tríade da morte, violencia e horror. Uns imaxinarios e un tema que o escritor coñece profundamente xa que na Tentación del suicidio realizara unha análise sobre a representación da violencia e os imaxinarios da morte na cultura da posmodernidade. A violencia segundo Imbert sufriu importantes cambios e transformacións na representación: naturalizouse; pasou de medio a fin en si mesma (Tarantino), pero tamén aparecen autores que critican a estetización e banalización á que se chegou na súa posta en escena (Michael Haneke), como tamén o pracer voyeurístico dos espectadores ante este tipo de representacións. A morte no cine posmoderno, di Imbert, móvese entre a hipervisibilización (Johnny To, Takeshi Kitano) e a reflexión (Gus van Sant, Jim Jarmusch), entre a saturación e o exceso, entre a ausencia e a omisión.

Aparecen novos monstros, porque os medos son máis interiores, e o horror e o mal familiarizáronse (Bruno Dumont, Phillippe Grandieux). Gerard Imbert tamén detecta fronte “á omnivisibilidade da morte na cultura actual” un traballo de duelo que se dá nalgúns autores (Desplechin, Pascale Ferran, Olivier Assayas), aínda que neste punto se esqueza da figura de Philippe Garrel, cineasta do réquiem.

A cuarta parte, En los límites de la realidad, preséntase como a máis heteroxénea e dispersa polo seu intento de aglutinar e abarcar tendencias e autores, que aínda que poñen o acento na aparición de cambios e modificacións na representación da realidade no cine, pouco ou nada teñen que ver entre eles. O ultrarrealismo de Pedro Costa e os mundos fantásticos de Tim Burton, o neobarroquismo de Peter Greenaway e o novo cine filipino, as novas hibridacións entre o documental e ficción e mundos de realidade borgiana de Raúl Ruiz

Gerard Imbert consegue con Cine e imaginarios sociales que nos embarquemos nunha intensa viaxe ensaística a través das grandes preocupacións e temas que subxacen no cine posmoderno, propoñendo unha lectura horizontal e unhas meditacións sagaces nas cales grazas a unha aguda capacidade cartográfica, percibimos as grandes mutacións, preocupacións e tensións do mellor cine das dúas últimas décadas.

__________

Cine e imaginarios sociales: el cine posmoderno como experiencia de los límites (1990-2010)

Autor: Gerard Imbert

Editado por Cátedra. Dispoñible por 22,50 euros.

Comments are closed.