O CINEMA DAS ATOCHAS

PROPOSTA PARA UN CICLO VIRTUAL ·

Dende 2008, e ata o pasado verán, A Coruña contou cun proxecto sociocultural que funcionou con total independencia das institucións da localidade herculina. A ‘okupada’ Casa das Atochas naceu con espírito confrontador, para provocar a reflexión sobre os modelos de propiedade da sociedade española, e a aceptación dun sistema que privilexia a vivenda como punto neurálxico da cultura do confort.

Neste sentido, entenderon que a cultura é política, de aí a liña das súas actividades. O espazo procurou unha axenda alternativa, aberta á cidade, na que conviviron literatura, música, seminarios, obradoiros e, entre tantas cousas máis, cinema. Como complemento á súa programación, e conscientes de que a experiencia non podía durar no tempo, os seus responsables decidiron realizar un filme colectivo que documentara todo o proceso.

Nel, un conxunto de cineastas, escritores, xornalistas e programadores culturais galegos retratarían a vida do centro sociocultural con diferentes pezas, fiadas narrativa ou metaforicamente. Explicar con brevidade o que foi a proposta non lle faría xustiza. Nun intento de dar a coñecer o proxecto, A Cuarta Parede mostrará durante o vindeiro mes as curtas que compoñen o traballo, subindo unha nova cada tres ou catro días.

A idea é que esta sección, Procesos, funcione como unha sorte de sala de cinema virtual. Un espazo aberto ao debate, no que os creadores de cada fragmento explicarán a súa implicación no proxecto e comentarán sobre a súa obra.

Un desaloxo, outra ocupación!”, berraban os asistentes ás manifestacións convocadas contra o peche do centro. As Atochas xa non está aberta ao público, non, mais o espírito desta experiencia revive estes días nun novo edificio, que en breve contará cunha programación cultural semellante. A revista está a documentar en vídeo o proceso de cambio do inmoble. Este material, montado, pechará o ciclo que vos presentamos, cun fragmento que quere ser o epílogo da película en cuestión.

Como fixemos dende o primeiro número, o vídeo irá acompañado dunha extensa reportaxe, que explique en profundidade o percorrido da Casa das Atochas ata chegares aos detalles da realización do filme.

27.11.2011 – Durante seis semanas, estivemos dando a coñecer as pezas que forman parte do proxecto, que se poden consultar abaixo.

Damos por pechado o ciclo coa presentación das dúas últimas. A primeira podedes vela aquí. A segunda, un vídeo inicial que se fixo para presentar o proxecto, é esta:

Abaixo, as demais pezas.

Isto non é máis que un agradecemento aos non conciliados.

A todas as gatas e gatos que se preocuparon por ter un espazo sen ningún tipo de intención ou pensamento empresarial. Unha Casa na que Lara Tigre viu filmes de Sembene, escoitou a Urro, compartiu unha cea con Lois Pereiro, debateu estratexias contra xente como Pablo Llorca e bebeu cas amigas.

Ás curuxas e mouchos que cada mércores se reúnen no Cineclube de Compostela.

Río arriba o tiburón (de río) ten un trono de cemento que medra todos os días e vai deixando río abaixo cada vez máis troitas de pé.

 

En Conxo, 3 de outubro de 2011, Lara Tigre.

 

Pd. Na Coruña, filmando a Casa das Atochas tapiada, P. e L.T. coñeceron un neno ao que lle roubaran o barrio. Falaba coma se fose vello.

Pd 2. Non é fácil xuntar unha imaxe con outra sen que pareza que cambias de canle na televisión.  

Pd 3. Alí seguen o proxector, a bicicleta, a biblioteca ou a guitarra, nunha casa tapiada na rúa de Betanzos…


No documental dos últimos anos, a intensidade de títulos que subverten a integridade da metraxe orixinal (remontaxe, material atopado, películas domésticas e biográficas, diarios e retratos, o paradoxo do falso documental) determina traballos experimentais que se ateñen á desmontaxe das narracións máis trilladas antes que á significación e obxectividade históricas. Do cine de propaganda á apropiación vangardista, rachouse a barreira do simulacro do rexistro da realidade a través dunha expresión multimedia en expansión, que transgrede a ética da imaxe e a concienciación típicas da non ficción.

No filme colectivo (perenne ‘work in progress’ sazonado por outras intervencións artísticas) realizado sobre a Casa das Atochas, o reto de conciliar creación artística e liñas de actuación sociopolíticas permitía trazar desde o inicio unha indagación multidisciplinar, entendida a moitas escalas. Tal e como se lanzou nun primeiro momento, unha exploración sobre “os procesos históricos, os movementos civís alternativos e as carencias dun audiovisual elaborado e esixente que interveña na realidade ao tempo que retrate outras experiencias e formas de vida que arraiguen na conciencia”. Unha notable mestura de materiais, formatos, puntos de vista e complexidades, que rachara cos modos de tendencia panfletaria tradicionais e ofrecese unha liña común de compromiso, tentativa de reflexo de experiencias socioculturais independentes, acompañado da procura por unha linguaxe audaz, plural e iconoclasta.

Esta querenza aparentemente atopaba na remontaxe ou apropiación –a piratería consumada- un dos puntos de inflexión culminantes, ao tempo que un notable nexo coa idiosincrasia do lugar escollido. Neste caso, unha apropiación (fragmentaria, parcial) da peza de culto da directora de vangarda Maya Deren (1917-1961), Meshes of the Afternoon (1943), debuxa na súa introdución (literal) no espazo dunha casa, golosas concomitancias con procesos políticos de intervención de corte autónomo e outorga -na perspectiva poliédrica do proceso de construción dun sentido narrativo, informativo e estético- un significado á reveladora segunda vida das imaxes.

Trátase de aproveitar unha peza rica e suxerinte, adscrita a un proxecto pensado como móbil, dinámico, comunitario, lonxe de ataduras e proxeccións estáticas, pasivas. A película quere ou quizais pode ser distinta sempre, unha experiencia significativa, lúdica, liberadora. O traballo está concibido como un ‘infiltrado’ á inversa, un suxeito móbil e volátil –cal activista fedello, hábil subversivo ou honorable situacionista- entretecido entre as demais pezas como unha marca de transición e desmembramento dos modelos de representación vixentes, unha recreación dos avatares en torno á vivenda e os lugares do relato, que quere fuxir da pretensión totalizadora ou da infame solemnidade. Nesta ocasión, podemos ver a parte da peza seleccionada na orde que lle dá a propia Maya Deren.

José Manuel Sande

 

A linguaxe audiovisual é hoxe imprescindible para chegar a certos sectores máis ou menos dinámicos da sociedade. Información, divulgación, denuncia, crónica… nun momento no que a información nos chega en exceso e a selección non é doada para as receptoras. No caso da oKupación (nos textos anteriores xa se di dabondo) a imaxe que dan os medios das oKupas está ao servizo do poder económico e político (o poder político polo xeral tamén obedece ao económico).

O cinema é directo e na actualidade non fai falla ser unha prestixiosa cineasta para desenvolver proxectos interesantes con máis ou menos medios. Tampouco creo nas normas do “gremio” e si na independencia e liberdade total á hora de desenvolver un traballo no tempo, aínda sen máis material que un obxectivo e un micro. A rede permite divulgar (xa se sabe como funciona o negocio audiovisual, a máis contactos, máis premios e máis reputación, e máis cartos, e máis e mellores críticas, etc.). O importante nunha peza é que comunique algo que poida ser de interese, que non é o mesmo que lle vaia a interesar á sociedade en global, que normalmente prefire consumir produto debullado e manso. Engadir que o negocio é o negocio, a militancia é militancia e o traballo traballo! Imaxino que se me entende. A min interésame contar o que á minoría que controla o poder quere agochar! Sexa a nivel local ou a nivel global, sen alarde de grande peza artística. Pero todo é interesante mentres non moleste ou sexa irrespectuosa, tendenciosa, malintencionadamente!!

Militancia é a da xente que estivo implicada na Casa das Atochas, moitas destas persoas agardan un xuízo inxusto a priori por denunciar as prácticas especulativas e mafiosas no que se refire á vivenda. O mesmo que ocorre en Palavea agora, onde se bota a andar un proxecto semellante, aberto, coa intención de recoller esa nova experiencia e así, darlle continuidade ao traballo iniciado anos atrás no terreo da oKupación.

Así, nesta peza, o realmente importante é a sinceridade coa que estou seguro responderon as entrevistadas e as reflexións en voz alta, a autocrítica, a análise, en definitiva, duns feitos e a incógnita do que pasará en adiante.

Unha tarde de rodaxe ás presas coa axuda dunha cámara e un micro, de Miguel Castelo e de Rosabel Candal. Nas conversas, sintetizada unha idea: as persoas implicadas en OKUPACIÓN que eu coñezo en Galiza ao longo dos anos non teñen ese perfil que medios de desinformación nos intentan colar.

O vídeo é unha arma de loita contra o control e a represión, pero ten tino que non te colla a policía nun calexón escuro e solitario ao remate da xornada ou da protesta coa túa videocámara!!!

Xosé Bocixa

 

Esta peza non acontece na Coruña, senón en Compostela. Deste tipo de “filmes conxuntos” sempre me gustaron os que se saían da norma, por exemplo en 11-S, gustoume moito a peza de Ken Loach sobre o golpe de estado en Chile. Sempre me intrigou o termo de “casa encantada”, unha excelente denominación para unha casa okupa.

En Compostela houbo unha longa sucesión destes locais, o peche dunha vai seguido da apertura doutra e a que se clausura queda sinalada cunha marca que a identifica como predio que no seu día foi ocupado. Esta sinalización serve de lembranza do que foi. Tórnanse en “placas” de monumentos, “cartelas” de obras de arte ou “vértices xeográficos” dun territorio. E é aí onde incide a miña atención, neses sinais de documentos, de condensadores de Historia, de transmisión de significados, como é, en definitiva, esta propia película.

Este interese entronca directamente coa miña preocupación de posta en valor de lugares que ninguén sabe apreciar en toda a súa magnitude; hai un parentesco claramente marcado coa miña mediometraxe 36/75, que trata sobre os lugares da memoria da Guerra Civil. Finalmente fago referencia ao papel da dinamización cultural cun final cheo de humor. Un elemento este que, polo que a min respecta, é unha excelente arma política.

Xurxo Chirro

 

Non sei se debería falar eu desta peza, porque nela participou moita xente: a miña intervención foi a de repensar unhas imaxes que me viñeron dadas e outra vez isto entronca coas miñas últimas preocupacións: o “arquivo revelado”. Despois de moitas vicisitudes chegaron ás miñas mans distintos arquivos de imaxe de diferentes cámaras. Houbo unha primeira versión apresurada, dun día para outro, para celebrar a presentación do proxecto en Compostela. Vin o material e sabía que daba para máis. Interesábame a inmediatez das imaxes, a súa intensidade do presente do acontecemento, a enunciación da mirada, o seu nivel contemplativo e, como non, o humor que transmiten dos comentarios dos ‘cameraman’ ocasionais. Finalmente, tamén hai certo xogo virtuoso coa realización dun contracampo que fala, ben ás claras, das interpretacións e dos puntos de vista e do papel das imaxes para documentar a incerteza dos nosos días.

Xurxo Chirro

 

Hai unha parte do cinema que ten que ver co coñecemento, con ser capaces de tirar conclusións distintas sobre algo concreto a partires de observalo desde unha perspectiva diferente á que podemos ter maioritariamente. Perspectiva maioritaria que moitas veces non ten que ver con conviccións reais, senón que nos vén imposta por outros criterios, fundamentalmente económicos.

Así, no referente á ‘okupación’, xúlgase maioritariamente como unha actividade ilegal sen máis, sen entrar a valorar datos como que en Galicia temos unha das maiores densidades de vivendas desocupadas de Europa, sen cuestionarnos que o prezo medio dun aluguer custa máis do 60% dun salario mínimo, sen preocuparnos dos incumprimentos das leis patrimoniais, da cantidade de inmobles abandonados e das condicións nas que chegaron a mans privadas, e así un longo etc.

Todo queda simplificado ó feito de que unha serie de persoas ocupen un edificio que non é seu. Resúltanos inadmisible que alguén vulnere a propiedade privada, sen embargo moi poucas veces nos cuestionamos se as prácticas que se realizan con propiedades privadas van no noso propio perxuízo.

Por esta razón, a intención deste filme é colocarnos noutro punto de vista e pensar que quizais algo poida mudar na percepción de quen a vexa. Non conseguiremos rematar coa especulación, pero o simple feito de poder cuestionarse a realidade existente fai que teña merecido a pena.

Marcos Nine

Comments are closed.