PABLO HERNANDO: “PARA MIN NON HAI NADA MÁIS BONITO QUE ESTAR DENTRO DUNHA PELÍCULA E NON ENTENDELA”

Dentro da programación de xaneiro do CGAI, Pablo Hernando (Vitoria-Gasteiz, 1986) foi convidado para presentar os filmes Esa sensación e Berserker. A súa aposta autoral mestura comedia negra e drama con toques de ciencia ficción en películas que son á par inexplicables e aditivas. Na biblioteca da filmoteca comezamos a nosa conversa falando de Carlo Padial, cuxa entrevista na revista tivo unha gran acollida nas redes sociais grazas á difusión a través do twitter do director vasco.

Comezo, obviamente, preguntándoche por que cres que a entrevista de Carlo Padial é tan acertada.

Para comezar porque Carlo Padial é moi intelixente. É escritor e ten supercerebro de escritor. E é moi lúcido con moitos dos problemas que hai en España no cine, e sobre todo os problemas… como certos prexuízos e certas inercias que teñen moitos directores. Daba no cravo con certos comportamentos ou certas formas de plantexarse o cinema que queres facer que son problemáticas e que fan que a industria española e o cine español sexan tampouco estimulantes.

A min o que me sorprendeu era o que dicía sobre a súa necesidade de gravar tanto.

Creo que ademais se fas humor enseguidas pódeste quedar, non antiacuado, pero podes perder o ton muscular do humor. É algo que leo moito á xente que fai stand-up en Estados Unidos, que notan que se deixan de actuar nun mes nótanse que perderon calo. E supoño que eles teñen ese aliciente extra para seguir gravando. Tamén cando relín a entrevista dinme conta de que eu non gravo tanto. Eu non gravo nada. Eles están todo o día, todas as semanas fan vídeos. Tamén porque a forma, o estilo ou o tipo de vídeo é distinto ao que fago eu, pero é coma un recordatorio de “ostia tío, tes que pórte as pilas. Fai máis cousas”.

Carlo Padial tamén usaba Estados Unidos como exemplo para comparalo co audiovisua, pero co Hip-hop e as mixtapes.

Claro, pero iso en España non existe. Hai casos puntuais, o caso paradigmático de Carlos Vermut; pero a imaxe que temos de como funciona o cinema é como funciona en Hollywood. Falas cun produtor, cóntaslle a túa peli e sácache dúas bolsas co símbolo do dólar e “toma, fai a túa película Ron Howard”. Pero iso en España creo que non existe porque para comezar os mecanismos son distintos, depéndese moito das subvencións e de todo ese mundo burocrático que non coñezo.

El poñía o hip-hop coma o caso ideal, como ‘que debería acontecer para que o cine funcionase ben en España’. Ves a alguén con talento, aínda que o que faga tecnicamente sexa un desastre ou moi pobre, pero o talento está aí. No cine é máis complicado isto, porque un rapeiro pode estar só na súa casa e para facer un filme precisas de máis xente, e só por iso xa é distinto. Pero logo xa está o caso español e as carencias que hai.

Etiquétasevos baixo o lowcost, pero eu non creo que sexa unha etiqueta, senón unha situación. Nunha entrevista lía que Julían Genisson dicía que o que máis lle molestaba era non poder pagar ao equipo.

Sínteste moi culpable cando queres ser esixente, ou pedir unha toma máis a un actor ao que non lle estás a pagar e que che está facendo un favor. E iso extrapolado a toda a equipa. Iso é unha merda. Eu creo que a todos nos gustaría poder ter o presuposto para que todo o mundo cobrase. E a etiqueta… entendo o que dis, non é un movemento, non creo que ninguén faga cine lowcost esté orgulloso de rodar sen cartos, e non creo que ninguén prefira rodar sen cartos a ter un presuposto. Outra cousa é que haxa tamén cousas boas en non ter cartos, e é que tes unha liberdade total. Pero iso tamén pode ser unha lousa.

Sen esa liberdade non teríamos tolemias como Mi Loco Erasmus (Carlo Padial, 2012).

Claro, é que no momento no que tes cartos tes alguén a quen devolverlle os cartos. Tes a responsabilidade de ser rentable. E iso coártache moito, ou polo menos faiche pensar dúas veces moitas decisións. Iso é lóxico, se alguén dáche cartos para facer unha película tes o deber de recuperalo, entón hai cousas que non podes facer porque non van funcionar. Mi Loco Erasmus seguro que non existiría se estivese feita con dous millóns de euros porque o produtor acribillaríaa a tiros…

No filme era Miguel Noguera o que facía de produtor e lle deixaba os cartos a Dídac…

Digamos que Miguel Noguera ten dous millóns de euros… Non sei. É que tamén está ben, eu prefiro que exista Mi Loco Erasmus a que Carlo Padial cobre dous millóns de euros (ri). Prefiro que lle vaia un poco mal se segue facendo esas xoias. Carlo, por favor, non te enfades.

Existe tamén esa mentira de que facer un filme é moi sinxelo. Claro, ti estudaches Comunicación Audiovisual…

Si.

… eu tamén, non sei para que.

Non, eu tampouco (ri).

Berseker (Pablo Hernando, 2015)

Berseker (Pablo Hernando, 2015)

E sempre estaba iso de que facer cine era sinxelo. Pero, na realidade, se é tan sinxelo porque hai tan pouca xente que se lance a facer cine sen cartos?

Non é tan pouca xente, eh? Se te metes en Vimeo ou Youtube hai unha morea de filmes dos que ninguén sabe, a maioría malísimos. Pero son películas feitas por xente que querde facer unha peli e a fai a pesares de todo. Pero non é tan doado facer… cando dis iso refíreste ao medios, a que temos cámaras en todos os lados e somos moito máis tolerantes cunha calidade de imaxe dudora, non así co son, e é doado facer a película. A dificultade non está aí, antes era complicado acceder ao equipo e aos cartos precisos para pagar a película; agora iso é de balde, o problema é conseguir chamar a atención. Hai unha saturación tal de contidos que é complicado que a túa película leve un anaco do pastel da atención suficiente como para que pase a ser algo máis que un gran de area nunha montaña de ruído.

Aí Internet xoga un grande papel porque abre moitas portas pero tamén satura o mercado coa posibilidade de que calquera suba as súas películas.

Eu creo que é preferible facer a película e que haxa probabilidades de que ninguén a vexa a non poder facela. Creo que é mellor, a situación agora é mellor a como era hai vinte anos, trinta anos. Vamos, eu prefíroo, prefiro que exista esa posibilidade. Tamén cambiou moito o hábito de consumo, o cine xa non ten o papel hexemónico de antes, e a sala de cinema non ten o poder que tiña: poder de convocatoria e simbólico. A xente ve as cosuas doutra forma, e o ritual de consumo audiovisual, non só de cinema, cambiou. Cando digo cinema refírome a calquera tipo de contido audiovisual, Youtube, series…

Tamén en España hai casos como o de Mimosas, que despois de arrasar nas salas de Francia tralo paso por Cannes, chega aquí case un ano despois.

Hai cousas de distribución que son bastante inexplicables ou bastante misteriosas para min. Pero, ademais, España creo que culturalmente é un desastre. Sobre todo comparado con Francia e sobre todo cando estás pensando no cinema. A educación cultural española comparándoa coa de Francia é pésima. Hai un desinterés total.

Porque logo estamos nós na nosa burbulla, que nos gusta o cinema e vemos e nos preocupamos; pero en xeral, ao público en xeral, eu creo que non hai moito interés.

Non hai amor propio polo talento.

Logo está o concepto ‘cine español público’, que se leva moi mal, non sei por que. Pero refírome á cultura en xeral. España ten un problema de educación cultural.

Julián Genisson, Juan Cavestany y Pablo Hernando, directores de Esa Sensación (2016)

Julián Genisson, Juan Cavestany y Pablo Hernando, directores de Esa Sensación (2016)

Falaba antes da etiqueta lowcost pero tamén se vos adoita poñer a de ‘Outro Cinema Español’, onde o abano de autores é máis amplo. Cres que estas etiquetas funcionan para algo?

Son creacións dos xornalistas e dos críticos, e supoño que ten o seu lado bo e o seu lado malo. Axuda a definir algo, a poñerlle nome a algo que é abstracto; e o malo diso é que lle poñen nome, e o nome sempre é unha definición incompleta. Odio especialmente a de lowcost… non sei porque cando se fala de cinema hai que falar de cartos. É dicir, sabemos a recadación das películas, con cantas copias van, canto cobrou cada actor… non entendo esa pornografía do cinema cos cartos. E, no lado oposto, hai ese morbo de quen fai a película con menos cartos ou quen paga menos aos seus actores (ri), quen lles dá de comer os peores macarróns. E non me gusta por iso, porque inmediatamente vincula o cinema aos negocios, cos cartos, en lugar de con algo artístico, creativo, non sei, outra cousas que non sexan os cartos.

O de ‘Outro Cinema Español’ non o entendo porque… bueno, é moi esclarecedor porque está dicindo que está o cine español, o de toda a vida, e logo están os outros, os pringados estes que van rodando co móbil pola rúa. E é un pouco burgués, un pouco elitista, despectivo. Paréceme máis despectivo que lowcost, porque lowcost paréceme que na súa orixe era inocente. Pero ‘Outro Cinema Español’ paréceme… (pausa). E se é reivindicativa, como “Ei, hai outra cousa que está ben no cine español”, paréceme un pouco elitista de ser cool, de “eu coñecía a este grupo antes de que molase”. Somos os indies do cinema. Non sei, é que todas as etiquetas son bastante asquerosos. Saen porque son útiles para escribir sobre iso.

Como encaras a produción das túas películas? Nunha entrevista dicías que antes de saber se Esa Sensación sairía adiante tiñas outro proxecto que “podería saír por moi pouco”. Tes que ter sempre un plan A e un plan B?

Cando sabes o que hai, cando sabes que vas facer a película sen cartos, autocensúraste á hora de escribir, inmediatamente descartas todas as esceas que sabes que non se van a poder facer. Descartas todas as secuencias con explosións, dinosaurios, co Presidente dos Estados Unidos. E escribes pensando en que tes a man, onde podes rodar, que casas están dispoñibles para empregar. E logo intentas que a historia teña sentido en ser contada con poucos medios. No caso de Berserker (2014), era que thriller, que historia de detectives se pode contar se vai ter este aspecto ou vai estar rodada nestas localizacións e vai ter esta estética. E entón pareceume que tiña sentido para esta historia dun tío que é normal…

Normal… bueno, cun problema coas patacas.

(Ri) Cando digo normal digo que non é Philip Marlowe, é unha persoa coma ti e coma min. Que está nun rexistro natural e realista, e que accede á esfera da película de misterio. Iso do peixe fóra da auga, dun tipo de cine costumbrista que de súpeto métese nunha película de David Fincher molábame e parecíame que se ía beneficiar. Ou polo menos que non se ía ver perxudicado pola falta de medios. E iso que dixen de ter varios proxectos, iso é o que teño agora. Estou rematando un guión para facer con cartos, e como sei que, se sae, vai ser un proceso longo de levantar gustaríame mentres facer outra peli tamén moi rápida e barata.

Iso tamén o dicía Padial, esa espera entre rematar de escribir e poñerse a rodar…

É moi descorazonador, desgasta moito. Nunca me metín a buscar cartos e non sei como funciona, pero todo o que sei polo que me contan algunhas persoas e polo que les e escoitas é coma unha burocracia de esperar anos.

E na hipótese de que ese proxecto saía adiante e se faga… Supoño que te tes que mentalizar moito, lembrarte a ti mesmo que che gustaba da idea cando comezaches a escribir. Pero iso pasoume en Cabás (2012). Quería facela entre outras cousas porque quería aprender como é o proceso dunha rodaxe longa, unha rodaxe dun mes. Porque evidentemente non pensas igual de ben o primeiro día que o último. Hai como unha curva, unha campá de Gauss de comodidade ou de frescura, lucidez. E de cara a Berserker, xa ía como mentalizado de “vale, isto vai a ser unha longa…”, como que todos os días era un pouco de meditación de “aguanta, é unha carreira de fondo, non un sprint”, para non desgastarte.

berserkerNo pasado Cineuropa, Oliver Laxe e Albert Serra dixeron que temos a manía de querer comprender todo como espectadores. É un pouco o que acontece con Cabás: hai algo que che atrae, que che gusta… pero non entender que é.

Pois dixeches o mellor que se pode dicir dun filme. Estou moi de acordo con Oliver e Albert, e creo que é evidente vendo que tipo de produto audiovisual triunfa, estoume referindo ás series en concreto, para entender que pide o espectador medio a unha historia de cinema. E creo que hai unha dependencia nociva de querer moita trama, querer que todo sexa moi verbal, moi explícito e sen medias tintas, que se entenda moi ben. E para min non hai nada máis bonito que estar dentro dunha película e non entendela. O que dis ti, notarte un pouco perdido pero embelesado. Paréceme máxico iso, e para min é o mellor do cinema. Ese momento no que aprece un soño no que non sabes como sacarlle un significado claro, ou non sabes enfialo, non sabe que conexión teñen as cousas pero non podes apartar a vista.

Gústame tamén o contrario. Paréceme que o virtuosismo á hora de contar historias moi claras e como moi puras é admirable. Pero as que en realidade se quedan en min son as que non sei dicirche moi ben de que van ou explicarte… Pódoche dicir que me provocaron, e de que van, pero non podo explicar que pasou.

En Cabás, ao igual que en Agustín del futuro e demais, dáme a sensación que o guión ten moito peso. Quería preguntarche pola orixe das túas historias.

No caso de Esa Sensación, foi un documental que se chama Married to the Eiffel Tower (Agnieszka Piotrowksa, 2008), de casos reais de mulleres que namoraban de obxectos e o que me quedou gravado son as imaxes dunha muller abrazando un obxecto xigantesco. O plano xeral de como eran as diferencias de tamaño, o ridículo, o grotesco e extremadamente triste desta imaxe. E todo o demais son os andamios narrativos para que isto sexa unha historia. Pero o que realmente me gustou da historia é a imaxe da muller abrazada ao Empire State ou cabalgando nunha varanda da Torre Eiffel. Logo tiven outra idea que tiven apuntada durante anos que era proxectar un mapa sobre o teu propio corpo e coleina aquí porque encaixaba moi ben. É crear unha historia coma en espiral, partir dun punto que é esta muller abrazada a un obxecto e ir creando toda unha historia arredor. E todo o que fixen é en realidade así. En Cabás era Xavi (Tolosa) camiñando polo deserto e unha pita fluorescente, e arredor diso facer a película. E en Berserker era unha cabeza pegada a un voltante e a cara de Julián (Genisson).

E de onde vén a túa fascinación por gravar á xente cociñando, e sempre comendo moi mal, ademais?

Interésame moito a comida e paréceme que, como ferramenta narrativa, é moi útil á hora de describir a unha personaxe amosar que relación ten coa comida. Como come, que come. En Berserker é moi evidente que é un tío que non ten cartos e que a opción máis económica é un saco de patacas de 5kg comprado na froitería e que vale cinco euros. Come para sobrevivir, non ten ningunha relación de pracer coa comida. Compra patacas e exponche por que as patacas son o máis versátil e a relación versatilidade/prezo. É un tío que ten unha relación totalmente racional e desapasionada coa comida e dache un sinal de como é el.

No caso de Cabás, é alguén que non sabe cociñar, que a súa moza si, e entón comeza a comer spaghettis á carbonara… pero a carbonara de piso de estudantes de cebola, bacon, nata e champiñóns; e acaba comendo masa nai ao forno e alucinóxena. É unha forma de describir á personaxe. En Agustín del futuro come sandwiches de ketchup (ri), e roscas do Mercadona no microondas. Esa xente como moi empobrecida… non digo que estén tocando fondo, é un tipo de mugre existencial (ri): as roscas de Mercadona, os sandwiches de ketchup e os spaghettis carbonara.

Cabas (Pablo Hernando, 2012)

Cabas (Pablo Hernando, 2012)

Nas túas películas sae moito Mercadona. Non haberá algún tipo de patrocinio…

(Ri). É que a imaxe corporativa dos produtos Hacendado paréceme… ten unha presencia distinta. Aínda que os supermercados Dia sexan máis cutres, a imaxe corporativa paréceme máis europea. Hacendado é español, puramente. E ten un compoñente cutre adicional iso. O logotipo é horrible (ri), a paquetería… É dos anos sesenta dunha dimensión paralela.

Vin Cabás en Filmin e sorprendeume que a etiqueraran como drama. Si, é un drama, pero ten tamén comedia negra. A secuencia da prostituta é… demasiado. Por que fas comedia, e porque comedia negra?

Supoño que porque é o meu sentido do humor. Sáeme meter unha ensalada que fala, unha prostituta lisiada… son como chistes de South Park (ri), o das patacas, as coñitas de Berserker entre Ingrid e Julián. En Esa sensación, o momento no que lle pon os cornos un ponte á protagonista. Non sei, sae e eu creo que o pública agradéceo. Pero non o fago por iso, como “Ei, levades dez minutos tragando xente chorando, agora un chiste para alixeirar”. É algo que o público agradece que non o planteo de “bueno, levamos tres escenas de xente mirando intensamente ao horizonte, agora toca unha prostituta lisiada” (ri).

Falabas agora da escea da ponte en Esa sensación. Hei de dicir que a a secuencia de sexo entre a ponte e ela paréceme que está moi ben filmada. Non che saca da película, non te plantexas nada: aceptas esa relación perfectamente.

Iso é grazas a Lorena, que o fai moi ben. A historia podería ter sido un fracaso con calquera outra actriz. Lorena véndecho, que esa ponte mola un carallo, que é super atractiva e claro, como non o vas foder.

Ese vai a ser o titular.

(Ri). Como non vas foder cunha ponte. Por favor, pono de titular. Pablo Hernando: “Como non vas foder cunha ponte?” (ri).

Gravando esa escena había uns cativos… a pasarela da ponte é como de madeira con ocos, e nós estabamos abaixo, nas vigas; había uns cativos que nos estaban a ver, casi pre-púberes, e puxéronse a cuspir entre as táboas (ri) e, non lle deron a Lorena, pero nunha toma vese o cuspe caendo. E tivemos que espantalos (ri).

Parece que hai en todos vós unha tendencia por centrarvos en personaxes patéticos. Non digo patéticos ridículos, senón que hai como unha identificación con eles.

A ver, supoño que hai moito de proxección, vémonos así, vémonos moi miserables e incluso recreámonos un pouco nese aspecto triste de como nos van as cousas. Pero tamén é algo no que creo cada vez máis e é que o humor e a dor están moi unidos, nacen do mesmo sitio. (pausa) A personaxe de Lorena Iglesias en Esa sensación paréceme que é o exemplo máis claro neste sentido. É unha personaxe que ten unha carga dramática evidente, é unha personaxe que o está a psar mal, que está bastante soa. E ten ese compoñente tráxico ao mesmo tempo é alguén que se presta moito a situacións cómicas como a do ponte. E van da man e son como dúas partes da mesma cousa, non as separo. Rir de algo é tomar moi en serio iso, as cousas que non merecen a pena, as que non son importantes, son as que non merecen chistes sobre elas. As cousas que te importan, coas que te obsesionas, son coas que ris para poder sobrevivir a elas.

Cando morreu Carrie Fisher gardaron as súas cinzas nunha píldora de Prozac e paréceme algo… Ademais foi decisión de seu irmán, ela dicía que ese era seu obxecto favorito do mundo, esa pastilla xigante de Prozac. Ademais, morríches, que máis dá? Pero ese detalle paréceme moi bonito. Pero si, é un chiste. Nada me parece máis serio que un chiste.

Ultimamente hai un tabú no humor negro, en xeral. En calquera momento ofendes a alguén facendo un chiste e logo es ti o ofendido.

Xa, eu que sei.

Ten límites o humor?

Cabas (Pablo Hernando, 2012)

Cabas (Pablo Hernando, 2012)

Non. No, no, no. (pausa) O límite é o público que teñas cando estás contando un chiste. O que pasa é que non podes facer calquera tipo de chiste en calquera tipo de circunstancia, pero é que iso é algo que saben os nenos. Non podes facer chistes de minusválidos á cara dalguén que seu pai acaba de quedar minusválido porque párteche a cara. Pero iso non significa que non se poidan facer eses chistes. E de verdade que creo que o humor… Para comezar, o humor, os chistes, son ficción. Non entendo como alguén se pode cabrear ou tomarse en serio iso. E despois, é ficción que se utiliza, en moitos casos, para tratar con temas que son dolorosos. A xente escandalízase porque ao día seguinte do 11-S facíanse chistes. Claro! Canto máis tráxico é algo… a forma de sobrevivir é rir de algo que é moi doloroso. Ten moitos matices isto.

O humor como canalización da dor…

Non é que canalices, é unha forma de tratar, de enfrentarte a algo que é doloros. De compartilo, de falalo co grupo.

Para rematar, realmente plantexaríaste parar durante uns anos para levantar un proxecto como do que falabamos antes?

É que hai que facer tres cousas. A miña idea é rematar este guión, que o acabo xa en xaneiro, e pórme a facer iso, que non sei facelo. Non sei por onde comezar. O primero paso é buscar un produtor. Así que, lectores de A Cuarta Parede, por favor, se hai algún director na sala…

Mentres tanto vou comezar a facer a outra peli porque non quero estar parado, ou unha curta. O ano pasado, no 2016, fixen un videoclip para Aaron Rux con Ingrid e tomeino coma un proxecto máis. Ese videoclip é para min tan importante coma o resto de curtas.

Non sei, quero rodar mentres o outro se esta a preparar, e logo a terceira cousa é que necesito vivir (ri), necesito traballo alimenticio.

Non sei se o de buscar un produtor co titular de ‘como non vas foder cunha ponte’…

(ri) “Como non vas foder cunha ponte. Por favor, necesito un produtor”.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario