María Cañas: “Estou comprometida coa idea de cultura colectiva”

MARÍA CAÑAS FOTO 1

Logo de triunfar na pasada edición do festival Punto de Vista, alzándose co premio da sección X Films, María Cañas (Sevilla, 1972) volve a Pamplona para amosar os froitos deste galardón, destinado á produción dunha obra desenvolvida en Navarra. Desde A Cuarta Parede temos a sorte de volver a sentarnos con ela para facer un repaso aos seus últimos proxectos, a súa visita ao festival e as recentes polémicas nas que se viu envolta. Guerrilleira, irreverente, surrealista. Caníbal audiovisualrecicladoracibergarrula. A lista de cualificativos, moitos deles acuñados por ela mesma, non abonda para describir a unha artista tan heterodoxa e multidisciplinar. María recíbenos cun amplo sorriso, unhas cantas follas con notas sobre as súas películas e unha pequena gravadora de son. “Gústame gravar as entrevistas, para poder enviárvola logo no caso de que a perdades”. Única e inimitable.

Como te sentes ao volver a Punto de Vista?

De momento moi ben. Acabo de chegar dun tour cañero arredor do mundo e aínda non me deu tempo a ver nada. Cheguei onte pola noite, xusto a tempo para a presentación de Expo Lío 92, que foi moi emocionante. Ademais era 8 de marzo, xusto despois da folga feminista, á que me adhiro dende a miña condición de muller autónoma e precaria. Por suposto apoio e reivindico a folga, pero entendo que algunhas actividades que estaban planeadas polo festival dende facía máis dun ano non podían cancelarse. No noso pase encheuse a sala por completo, e tivemos un coloquio posterior moi interesante. Este é un festival no que me sinto moi a gusto, na miña salsa. Somos como a seita do cinema experimental, do cine do noso tempo, comprometido co pensamento crítico e a poesía. Ademais este ano toco varios paus dentro da programación. Teño Expo Lío 92 no pedazo de ciclo Resistencias, con ese espírito revolucionario, e La cosa vuestra na sección X Films, cun cine máis ‘bastardo’ e ‘dexenerado’ (Risas). Amais é un ano no que hai moita presenza e poderío das mulleres, con Garbiñe [Ortega] como nova directora.

Fálanos un pouco destas dúas obras.

Pois imos comezar por Expo Lío 92, que acabamos de presentala. Trátase doutra vídeo-guerrilla, na miña liña do vídeo collage e o apropiacionismo crítico. Unha obra desmitificadora na que avogo por un mundo sen conquistadores, no cal construír unha identidade colectiva na que caibamos todos. Eu son moi mitómana, por iso saco a todas estas resistencias indomables que son politicamente incorrectas e que se saltan o poder establecido coa revolución na rúas. Saco a xente que propón outros mundos posibles: a Comandanta Ramona, Mujica,… Saco ao pobo, igual que fixen en Sé villana (2013). É unha deriva bastarda nun marco multirracial e multicultural, entre España e Latinoamérica, na que toco sobre todo cuestións ‘glocais’. No meu cine hai moito zen, porque no fondo penso que somos todos o mesmo. Deberiamos ter un pouco máis de humildade. Por iso fago esta especie de cinefaxia-apocalíptica-militante, para lembrarnos que en calquera momento chega un tsunami ou unha epidemia de vacas tolas e ímonos todos a tomar polo… Doulle moita voz tamén a todos os movementos contra a Expo 1992, tanto a resistencia indíxena como o gran bastión que houbo aquí en España. Falo tamén de descubrimento, de invasión, de conquista. Ao final todo é como un boomerang, como o eterno retorno de Nietzsche. Co tempo volveunos outra ‘invasión’ en forma de reggaeton e perreo. Tamén exploro esa parte da industria musical, con todas esas rapeiras e trapeiras feministas que me encantan. A película é como unha pachanga post-apocalíptica sobre a Expo 92 que reflexiona sobre como o poder fáctico nos fixo crer que eramos os reis do mambo. Distráennos con megaeventos e megapolíticas totalmente desmesuradas e dilapidadoras, pragadas de corrupción, e todo para ternos anestesiados. Pan e circo. Pero aquí seguimos, e que nos quiten lo bailao.

Que tal cres que se comunica a túa película co resto das obras en Resistencias?

Non me deu tempo a ver moito, pero polo que investiguei é unha bomba de sección. É como reinventar a praza dende o cine. Saír co corpo ás rúas en lugar de quedarnos co activismo de sofá. Para min estas oportunidades son como facer revolución, e como ademais vén moita xente convértese en algo popular. Gústame moito porque ten un efecto moi poderoso. A min encántame poder exercer a función de pirómana de mentes, e que o lume camiñe con todo ao David Lynch. Amais as sinerxías que se crean aquí son marabillosas. Para min é moi enriquecedor, e dá moita forza para vivir. Onte coñecín a dúas ou tres directoras máis, e sentímonos todas parte desta seita que actúa de quitamedos e quitapenas.

Expo Lío 92 (María Cañas, 2017)

Expo Lío 92 (María Cañas, 2017)

E sobre La cosa vuestra?

No ano 2006 fixen La cosa nuestra, unha especie de anti-tauromaquia sobre o que nos venden como Festa Nacional -no meu caso, nin a miña nación nin a miña festa-. Nesta ocasión centreime nos Sanfermines, utilizando o título como unha referencia. O meu reto era facer unha viaxe á cara máis oculta e surrealista das festas. Falar de diversión e tremendismo mediante o canibalismo iconográfico. Quería explorar en que se converteron e cara onde van as festas de San Fermín. É certo que a parte máis acolledora non a saco, eu céntrome nos monstros, na heterodoxia e nas derivas. Estou desexando presentala, os pamplonicas van a flipar. Son visións salvaxes, palpitacións. Falo da idiosincrasia navarra dende a videomaquia e a risastencia, que é o humor de todas as cores e sabores como unha forma de resistencia popular. La cosa vuestra é unha remontaxe crítica de todo este universo estético, ritual e cultural de Pamplona. Ademais é unha reflexión empoderadora e risastente fronte á violencia exercida principalmente contra as mulleres e os animais. Para min, que son abstemia, agorafóbica, feminista e animalista, era todo un reto. Previamente fixen un traballo de campo e unha investigación para contactar con distintos colectivos da zona. Asociacións que traballan en temas como a trata de brancas, os micromachismos en Sanfermines e a violencia de xénero. Tamén falei con xente que traballaba nas festas e que lles encanta. Foi moi interesante.

Cres que é unha obra especialmente crítica?

É crítica, polémica e provocadora, porque eu non sei facer outra cousa. Non vou facerche aquí un striptease emocional nin che vou a contar as cousas que me pasaron de nena, pero evidentemente si fago o que fago é porque isto sálvame. De todos xeitos, aínda que me centro en San Fermín, La cosa vuestra é unha vídeo guerrilla sobre a violencia, sobre o bálsamo do amor e o humor ante o horror. A min interésame facer lecer terrorífico que nos faga ruxir, porque a revolución facémola nós. Somos DJs da nosa propia realidade. Para min é unha homenaxe fermosa e tremenda. Como dicía Bretón, “a beleza será convulsa ou non será”. Interésame o aspecto contrahistórico, o arquivo audiovisual orgánico como construción cultural libre. Inclúo tamén algo de distopía futurista, o que eu chamo Black Mirror cañí. Vídeos nos que se propón que os Sanfermines se fagan con Pokemon, ou a robótica aplicada aos touros. Trátase de transgredir o cine, a cultura popular e os media. Á hora de afrontar temas máis serios paseino peor. A violencia machista, a cultura da violación, os casos de Nagore e La Manada… Custoume moito. Eu quería tratalo dende o respecto e a homenaxe, dende o empoderamento, con certa seriedade. Vía o que se facía noutras canles e parecíame terrible. Hai que educar aos nenos contra a violencia, é algo que debería estar máis normalizado dende pequenos.

Mentres que todos os creadores intentan fuxir de adxectivos e etiquetas, ti adóptalas e lévalas á sublimación.

Son unha cita con patas. Din que as etiquetas son a morte do ser, pero a min sálvanme. Gústame inventar palabrexas: Risastencia, caníbal audiovisual, recicladora, videomaquia, cibergarrula... Están falando de facerme un dicionario (Risas). Ata comezaron a incluír as miñas citas en teses, como o concepto de ‘cine porcino’ -porque do cine e do porco aprovéitase todo-. Encántame, porque non hai límites para a linguaxe. O que nos transmiten o cinema e a arte non ten límites. Necesitamos esa liberdade de pensamento para liberarnos e sospeitar, para ser máis creativos e salvaxes. Se non fose por iso eu volveríame tola. É algo que me dá endorfinas para superar toda a dor e a opresión que hai na vida.

Asumindo o contido inabarcable co que traballas, atopaches un método ou proceso creativo que che axude a navegar a inmensidade de Internet?

Rematei a película porque me marcaron unha data límite, senón nunca se acabaría. YouTube é infinito. Querer chegar ao final de Internet e baixalo todo é imposible. Eu pásoo fatal. Cando levas vendo arquivos diante dun ordenador 15 horas ao día pola noite non es capaz de durmir. A verdade é que traballo moitísimo, e ademais teño ciberdióxenes (Risas). Vou tolear porque xa non me caben máis vídeos nos discos duros. Para traballar intento estimularme constantemente e falar coa xente. Hai que saír á rúa, non só acumular e acumular. Dedico moitas horas a visionar, a ler, a inspirarme na poesía. Tiro moito de citas de poetas e escritores que me inspiran. Todo en min é unha contradición, e utilizo esa contradición como motor creativo. Despois evidentemente teño a conciencia tranquila. Intento ter unha certa coherencia entre o que fago e o que digo, e con iso xa me dou por satisfeita. Intento vivir unha vida digna dentro desta merda de mundo que nos tocou. Temos unha industria precaria, na que abundan os intermediarios mentres que os creadores non reciben case nada. Eu adícome a isto, son unha profesional, e o que quero é intentar vivir dignamente do meu traballo.

La cosa vuestra (María Cañas, 2018)

La cosa vuestra (María Cañas, 2018)

Como afrontas polémicas como a do Festival de Sevilla? [Onde foi acusada de plaxiar o deseño para o cartel do festival]

Deixoume traumatizada. Non podía imaxinarme a cantidade de bile que chegou a soltar a xente. O caso é que a min encárganme facer o cartel para a última edición do Festival de Sevilla. Fago 20 versións e nunha delas utilizo unha ilustración do artista estadounidense Walter Popp, que atopo nun banco de imaxes onde non aparecía o seu nome. Finalmente desde o festival escollen esta, que ademais é a que menos me gusta, porque lles parece a máis bonita. Cando sae á luz a xente empeza a acusarme de plaxio e póñense en plan Torquemada, soltando a súa bile dixital contra min. De súpeto convértome na inimiga pública número un. Empezan a lincharme e a insultarme por Internet, principalmente persoas que non me coñecen nin saben a miña traxectoria. Paseino fatal, e dáme rabia porque ademais os fillos de Walter Popp adóranme, ata lles fixen foto-montaxes de agasallo para todos. Hai centos de creadores que, polas tiranías do sistema, perderon os dereitos sobre as súas propias obras. Este tipo de imaxes vendíanse por catro duros para popularizar relatos pulp e de ciencia ficción. Agora apropiáronse delas os bancos de imaxes, que moitas veces son corporacións capitalistas non horizontais que se lucran con todos estes datos e véndenos por moito máis diñeiro. Houbo moitos xornalistas machirulos e repugnantes que se cebaron comigo a raíz disto. Que fácil é destruír e que difícil construír.

Existe a orixinalidade?

Nada é orixinal. “A arte é un xogo entre todas as persoas de todas as épocas”. Todo o mundo se inspira noutra xente, todos estamos conectados. Creo que deberiamos ser un pouco máis humildes e aplacar eses egos que temos. A min xa me colgaron o sambenito co tema do cartel, e dáme moito coraxe. Algúns chegaron a dicir que me fixen famosa por isto, logo de 25 anos de traxectoria… Pero diso non falan. A verdade é que se puidese borraría ese traballo da miña carreira, porque me fixo sentir o terror.

Tes medo a autocensurarte?

Estou todo o día autocensurándome. Suponse que España é un Estado laico e aconfesional, pero evidentemente non é así. Todo é marca comercial. Eu teño un caderno con collages e outras obras que nunca poderei sacar á luz. Para que? Para que me metan na cadea? Eu son unha forte defensora da non privatización e da liberalización da nosa memoria histórica e o noso arquivo. Estou comprometida coa idea de cultura colectiva. A idea dos arquivos que non se difunden, que non se poden consultar, que non se poden remezclar… Non me cabe na cabeza. Son defensora dos arquivos abertos, e que todo o mundo poida acceder a eles. A idea de cultura como construción colectiva e contrahistoria. Longa vida ao dominio público e a un arquivo orgánico sen control policial. Eu creo na arte popular, para o pobo, non para que se queden os ricos con ela. O que non quita que un museo poida comprarme unha obra e expoñela como queira, porque de algo temos que vivir os creadores. Non me parece que sexa incompatible.

Pensas que non deberían existir límites á reapropiacion e a relectura?

O que penso é que estamos nunha época moi convulsa e pantanosa. Que cada un faga o que teña que facer. Desde logo agora vivo con máis medo, logo de ver casos como o de Cassandra ou Valtònyc. Vivimos nunha época de involución e represión, pero non che podo dar solucións. Eu fago o que me sae do corazón, da alma e das entrañas. Nos talleres que imparto pido sempre que collan as miñas películas e as mesturen. Non estou comercializando nada, nin sequera vendo as miñas obras en DVD. Creo na cultura libre e na vídeo-guerrilla, e en ser ‘toca pelotas’. A miña videomaquia son investigacións experimentais que homenaxean a outros realizadores, a súa intención é artística, paródica e crítica. Son unha mostra de agradecemento a todos aqueles vivos e mortos que nos fan pensar, medrar, reflexionar, rir e soñar. Como dicía alguén, “eu son todos os libros que lin, todos os amores que tiven, todas as cancións que escoitei”. Ao final todos somos iso. Canta máis diversidade haxa mellor, máis nos enriquecemos todos. Trátase simplemente de repensar, reinterpretar a vida, o cine e a historia da arte dende lugares e tempos novos coa intención de subverter o establecido. Rastrexar vídeos que retan á mensaxe dominante e a todos os mitos socioculturais, os tópicos e as idiosincrasias instauradas, sobre todo polos medios de comunicación. O único que fago é iso, intentar transformar o que está instaurado polos medios e convertelo en discursos low cost de cultura crítica e de carallada. Menos ‘pornomiseria’ e máis mirar a alma humana e crecer.

Cal é a pulsión primixenia que impulsa a María Cañas? Que é o que che di “tes que facer isto”?

Para min é unha necesidade vital. A min a risastencia dáme forza para vivir. A seita que formamos en festivais como Punto de Vista é a miña relixión. É unha cuestión mística. Aínda que a verdade é que estou esgotada de min mesma. Non sei se vou seguir… Como me sigan pasando cousas como o de Sevilla acabareino deixando, porque empezo a cansarme de loitar. Eu baixaríame deste mundo. Os humanos estamos destruíndo o planeta e só teño esperanza nos nenos e os animais do futuro. Aínda que me encanta ver discursos optimistas no cine. Unha das películas que máis me gustou este ano foi El otro lado de la esperanza, de Kaurismäki. Cando unha lei é inxusta o correcto é desobedecer, como dicía Gandhi. Como Agnès Varda e Werner Herzog, que se saltan as leis como fago eu coa videomaquia, lidiando con todo o noso detrito audiovisual. A xente está por enriba de todo. Debemos crer na bondade humana e saltarnos as leis salvaxemente para loitar por un mundo máis xusto, máis ecolóxico e máis humano.

MARÍA CAÑAS CARTEL SEVILLA

Comments are closed.