NOVOS CINEMAS 2017: LITERATURA E REPETICIÓN

Hermia&Helena (Matías Piñeiro, 2016)

Hermia&Helena (Matías Piñeiro, 2016)

Ao longo da historia do cinema, William Shakespeare ten dado adaptacións tan dispares como as clásicas de Kenneth Branagh, os moitos Romeos e Xulietas ou os traballos recentes de Joss Whedon (Much Ado About Nothing, 2012) ou Justin Kurzel (Macbeth, 2015). Textos, diálogos, repetidos que nunca chegan a ser os mesmos; cada versión leva o selo do seu director, acertado ou non, tratando de traducir as palabras do ‘bardo inmortal’ a imaxes e secuencias disparadas a 24 fotogramas por segundo.

Neste senso, hai que sinalar unha diferencia entre a adaptación e a evocación. Mentres que adaptación é aquela transcripción, máis ou menos literal, do texto para contar a mesma historia, a evocación é unha transcripción máis libre, onde o evocador toma licencias para levar a historia cara onde el desexe. É aquí onde se move o director Matías Piñeiro (Buenos Aires, 1982) ao que Novos Cinemas lle adicou unha retrospectiva este ano. Piñeiro transita nun camiño moito máis complicado que o da adaptación posto que non só se enfronta ao reto de interpretar de forma correcta o texto xa escrito e coñecido por todos, senón que ademais ten por diante a tarefa de imprimirlle un carácter autoral, único, que amose a súa visión sobre un escenario xa dado.

Ao longo dos seus filmes, Matías Piñeiro emprega a Shakespeare como parte das súas obras: ás veces coma pretextos, outras como textos de diálogo; pero sempre distanciándose das versións máis clásicas ou predecibles e empregando un recurso anovador: a repetición. En Hermia&Helena (2016), Camila consegue unha beca para continuar o seu traballo na tradución de A Midnight Summer’s Dream en Nova York. A historia xira arredor de Camila pero tamén do seu círculo de amizades, namoramentos e familias. A liña temporal do filme non é convencional, senón que avanza e retrocede a pracer do director que, así, divide en ‘capítulos’ a estadía de Camila en Nova York. Ás veces, esa repetición temporal de secuencias, diálogos ou escenarios permítenos ler significados ocultos, relacións que permanecían agochadas, intuicións persoais.

Rosalinda (Matias Piñeiro, 2011)

Rosalinda (Matias Piñeiro, 2011)

A mediametraxe Rosalinda (2011) afonda máis nestas repeticións dunha forma sutil: nun bosque cortado por un río, varios actores ensaian os seus roles nunha obra de teatro mentres, ao mesmo tempo, a vida ocorre. Aproveitándose dos diálogos de As You Like It, Piñeiro tece diferentes relacións sentimentais ao máis puro estilo de Shakespeare, facendo que confundamos os ollares sinceiros de namoramento con aqueles propios da interpretación duns actores que repiten, unha e outra vez, os diálogos da súa personaxe. En ningún momento temos información sobre a compañía de teatro nin da posible estrea, tan só unhas personaxes “atrapadas” nun texto que acaba por absorbelos e transformalos naqueles que interpretaron. A alta vexetación e a sombra que dan as árbores son agora o lugar onde os amantes se bican ás costas das súas parellas, mentres que, preto de alí, dúas persoas namóranse recitándose palabras lidas dun libreto.

A repetición acada un punto culme na secuencia de Viola (2012) na que Cecilia e Sabrina repiten o diálogo entre o Viola e Olivia na que a primeira gaba á segunda. A repetición, lonxe de ser un bucle de diálogo, enriquécese co movemento das actrices polo escenario, todo filmado nun intelixente plano secuencia de Matías Piñeiro que sobre pasas os cinco minutos. Un lapso de tempo no que, coma Olivia, entramos cada vez máis e máis nas doces palabras de Viola lle adica e que acaba contaxiando por unha carga erótica que se constrúe pouco a pouco entre as dúas personaxes, non as de Shakespeare, senón as de Piñeiro: Cecilia e Sabrina. Coma en Rosalinda, son as palabras escritas por outros as que acaban por expresar o que está agochado nas personaxes, construíndo esa tensión non resolta que acaba por estourar nun bico breve no que o director non se regodea, porque non interesa a secuencia puramente paixonal, senón ese xogo sutil de miradas, movementos e palabras.

Um, dois, três

António, um, dois, três (Leonardo Moramateus, 2017),

António, um, dois, três (Leonardo Moramateus, 2017),

Programada dentro da sección Resonancias, espazo aberto aos críticos de cinema para programar dentro en festivais de cinema, atopábase António, um, dois, três (Leonardo Moramateus, 2017), un filme que, en certa forma, bebe involuntariamente da influencia de Matías Piñeiro e emprega tamén esta repetición característica. Desdobrado en tres versións, Antonio é un xove lisboeta que foxe da casa para refuxiarse na de súa ex, que traballa de iluminador dunha adaptación das Belye nochi de Dostoievsky e que interpreta o papel principal desta adaptación; Antonio é todo isto e non, posto que, está desdobrado en tres diferentes versións de si mesmo: tres diferentes liñas temporais que, á vez, repítense no mesmo periodo de tempo.

Sabemos que o amorío de Antonio vén de Brasil a Rusia facendo escala en Lisboa (ou era ao revés?), e sabemos que a veciña da exparella de Antonio recibiu, hai tempo, unha cinta de vídeo dun antigo mozo na que lle cantaba I Put a Spell on You (ou foi o propio Antonio o que filmou esa particular serenata?), sabemos tamén que o pai de Antonio non quere ver ao seu fillo porque leva meses sen ir á universidade (ou era que vivían xuntos e tiñan unha moi boa relación?); todo e nada, coma en Viola, é certo. E mentres toda a vida ocorre, o texto das Belye nochi do autor ruso entran e saen do filme, coma excusa, coma pretexto, para recapacitar sobre as personaxes representando personaxes, sobre as máscaras que nos poñemos no día a día para relacionarnos, sobre o cinema.

António, um, dois, três ten, posiblemente, unha relación co cinema de Matías Piñeiro que tan só está clara min; unha relación que quizais non sexa tal máis que o feitizo dunha noite de verán, a spell, ao que estes filmes me someteron; mais agardo que estas palabras sirvan, senón para contaxiar este enfeitizamento, ao menos para reflexionar sobre as pontes que nacen, consciente ou inconscientemente, entre filmes separados por un océano na súa produción pero unidos na literatura.

Comments are closed.