Danny Lyon: Retratista do desarraigo
Un ano máis o Play-Doc de Tui volve exhibir músculo coas súas retrospectivas. Entre o 4 e o 8 de maio poderase ver no festival tudense a obra de Danny Lyon, reputado fotógrafo cuxa traxectoria cinematográfica é absolutamente descoñecida. Este ciclo é o primeiro que se lle organiza a nivel internacional, fóra dos seus natais Estados Unidos. ‘Estados Quebrados’ poderían definir mellor a xeografía e rostros que Lyon retrata no seu traballo. Apegado aos preceptos do Novo Xornalismo, dende os seus comezos decidiu integrarse nas comunidades que documenta, sendo máis que un simple espectador e acompañándoas nas súas loitas. Non é unha escolla menor, xa que isto lle permite profundar nos obxectos de estudo, en investigacións que abarcan varios anos da súa vida.
Os seus traballos máis recoñecidos como fotógrafo dan boa mostra deste compromiso. Foi un dos grandes retratistas do movemento polos dereitos civís nos estados sureños, grazas á amizade que trabou co activista John Lewis, o que o acabou convertendo no fotógrafo oficial do Student Nonviolent Coordinating Committee (SNCC), organización que logrou acabar coa segregación racial. Sobre esta experiencia volve no seu filme máis recente, SNCC (2020), no que precisamente rescata estas instantáneas e sae ao encontro das figuras que marcaron este movemento, entrevistándoas na actualidade. A fita benefíciase de fidedignos documentos gráficos e sonoros, mais non é un relato que procure a obxectividade factual. Como podería? Lyon usa a súa voz en off para describir os seus sentimentos e recordos e mostra conversas moi persoais con aqueles cos que partillou esa experiencia; incluído un prostrado John Lewis no seu leito de morte, que bota a vista atrás a uns acontecementos que semellan moi afastados no tempo. SNCC é un filme sobre ese movemento, mais principalmente sobre a memoria dese movemento, tanto dende o punto de vista sociopolítico, como histórico e, claro, persoal. O cinema e a fotografía teñen a capacidade de evocar a todos estes niveis e Lyon semella querer reflexionar sobre o seu propio acto creativo nunha obra de carácter retrospectivo.
Este espírito que o levou a integrarse no SNCC converterao anos máis tarde nun moteiro que percorra América co Chicago Outlaws Motorcycle Club. A súa colección The Bikeriders (1968), seguramente a súa obra máis famosa, coa que chamou ás portas de Magnum, e pola que moitos coñeciamos a Lyon antes da organización desta retrospectiva no Play-Doc, é unha sorte de road-movie en instantáneas que documenta o sentir dunha época a través dunha extensa xeografía que se define polo movemento. Estados Unidos é un mito construído a base de éxodos e asfalto. Tamén polo aceiro das súas cidades, con Nova York como punta de lanza desta iconografía. Sen un peso tras estas viaxes, Lyon recala na Gran Mazá, acollido por Robert Frank – quen xa era famoso por The Americans (1958), a Biblia do reporteirismo fotográfico – e alí retrata os cambios urbanísticos e das xeografías humanas da megalópole en The Destruction of Lower Manhattan (1969).
Como pode apreciarse, o Lyon fotógrafo ten predilección polas comunidades que a sociedade deixa de lado, por esas nas que abunda o desarraigo. O Lyon cineasta non vai ser diferente. Estréase en 1969 con Soc.Sci.127, un modesto retrato dun tatuador de Houston, Texas, que ten ideas moi particulares, unha desas persoas ás que lle encanta escoitarse. Dende logo, todo un personaxe. El é o principal atractivo do filme, que evita todo tipo de comentario e simplemente filma, intentando trasladar a realidade do que acontece no seu negocio.
Ten razón o crítico Phillippe Azoury en destacar no catálogo do festival que a obra de Lyon entronca coa de Frederick Wiseman na súa aproximación á realidade, polo respecto que mostra nas formas documentais, ao non alterar a escena. Wiseman é o gran retratista das institucións e fai un cinema milimétrico, de tipo racionalista. A montaxe de Lyon funciona de xeito un tanto diferente, dilata tempos e móstrase máis libre e fluída, sen a necesidade de impor unha estrutura que imite os tempos da realidade. El está a trasladar unha vivencia de anos coas persoas que retrata, polo que a percepción do tempo non pode ser a mesma. Wiseman é unha testemuña durante semanas ou meses, Lyon é un actor participante que liga a súa vida persoal aos proxectos que decide levar a cabo. Neste sentido, non diría que a súa obra forma parte da tradición do cinema directo, senón máis ben da da caméra-stylo de cineastas como Raymond Depardon. Isto vese claro nos momentos nos que os protagonistas miran alén da cámara e se dirixen a el, con respostas aquí e alá do cineasta fóra de campo, recursos que evita, pero que se dan de forma puntual. Non hai entrevista, só confidencias de quen confía no que está a apuntar; “taking pictures”, sempre din, explicitando que o traballo fotográfico e fílmico de Lyon están intimamente ligados e integrados no mesmo proceso creativo. Ante todo, o cineasta podería ser cualificado de comprometido participante.
Esta definición da súa obra aplícase a practicamente todo o que fixo e está moi presente na triloxía de Novo México, na que segue a diversos nativos americanos ao longo de case dúas décadas, centrándose no seu amigo Willie Jaramillo. Composta por Llanito (1971), Little Boy (1977) e Willie (1985), este trío de filmes exemplifica o seu compromiso coas xeografías e persoas que retrata. Nelas, mostra as condicións vitais destas comunidades, maltratadas historicamente polos colonizadores europeos, e cuxa desprotección segue activa a día de hoxe. Lyon é un cineasta moi político e militante, pero case nunca dunha forma moi marcada ou en primeiro plano. En Little Boy permítese unha montaxe paralela con disolucións que contrasta os supostos beneficios da enerxía atómica, cun home branco que repite a versión oficial do goberno, con imaxes das comunidades nativas afectadas polo lanzamento da primeira bomba atómica en Novo México, como proba para o que despois viría en Xapón. A execución resulta elegante, pero a intención clara e rabiosa. É unha das pasaxes máis estimulantes da filmografía de Lyon, na que fica claro que o seu non é un cinema de pura observación, aínda que si de puro respecto documental.
Na curta El Mojado (1974), o cineasta trata o tema da inmigración ilegal, que explora en maior profundidade en El otro lado (1978). Aquí aplica unha aproximación particular nel, pois decide poñer en escena o acto de cruzar a fronteira, con actores non profesionais que se encarnan a si propios, precisamente para non poñelos en perigo nunha gravación in situ, na que se vería implicada a policía. Lyon esfórzase, con todo, por exhibir nestes treitos o mesmo carácter documental austero que caracteriza o resto do filme e non estetizar a ficción. O seu estilo non debe ser o protagonista, senón os inmigrantes que retrata.
Similar aproximación ten na que seguramente sexa a única fita que ten viaxado fóra do seu país – e filmada, tamén, no estranxeiro –. Falamos de Los niños abandonados (1975) que sobreviven nas rúas de Colombia como poden. Lyon escolle a un pequeno grupo e mantén conversas con eles, tanto grupais como individuais. Ao poñer os seus nomes en pantalla e contar as súas historias individualizadas, o cineasta está a darlles voz e dignidade. Estes diálogos entrelázanse con filmacións do seu día a día. A imaxe, pode que polo lugar onde filma, ou quizais pola temática, usa tons inusualmente cálidos na obra de Lyon.
Con esta primeira retrospectiva internacional ao autor, o Play-Doc descúbrenos o cinema dun grande retratista do desarraigo, preocupado pola pureza do acto documental, comprometido e respectuoso coas comunidades que filma e coas que convive.