DOLORES MEIJOMÍN: “A POLÍTICA AUDIOVISUAL PODE MARCAR TENDENCIA”

agadic11©tamaradelafuenteDolores Meijomín afrontou a coordinación da política audiovisual galega da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) nun momento no que diversas institucións que antes xestionaban o audiovisual na comunidade, se fusionaron todas neste único organismo. Era unha demanda repetida dende había tempo no sector. O único problema é que a suma das partes non fixo aumentar, nun contexto de crise económica, o orzamento da axencia, que xestiona agora todo o sector do audiovisual, tendo que repartir un orzamento modesto co que, como admite Meijomín, “contentar a todos é difícil”. Como o reparte e se aplica é o reto do modelo de política audiovisual que quere adoptar, que explica polo miúdo nesta entrevista. Realiza amais unha análise das contestadas e polémicas liñas de axudas, como tamén admite, con aspectos mellorables.

Cal é o principio reitor da AGADIC?

Como unha axencia das industrias culturais, atender as dúas facetas nas que se pode dividir o sector: a industria e a cultura. Que o que se faga, non aporte só ao pobo galego, senón que a nosa cultura termine por exportarse e apreciarse. No tocante á industria, coido que é importante que exista unha racionalización dos recursos empregados, e que estes redunden sobre todo en que a xente traballe. Isto para min é unha prioridade, e garantir que se faga en condicións dignas.

Sobre o de exportar, está moi de moda ultimamente o da marca Galicia.

O cine é cultura en si mesmo. Non necesariamente ten que recoller aspectos etnográficos ou moi relacionados co que é Galicia: o noso pobo, paisaxe, historia… O cine feito aquí é cultura galega, e esa é unha máxima.

Entón, tanto Invasor (Daniel Calparsoro, 2012) como Costa da Morte (Lois Patiño, 2013) son logo exemplos de galeguidade?

Son dous xeitos de vela. Pero non sei se é bo contrapoñer, como facemos a miúdo, o cine máis cultural contra o máis comercial. Nós temos a obriga de apoiar todos os títulos, e non podemos facer ese tipo de diferencias. Todos os filmes teñen os seus puntos positivos. Invasor, se cadra, non reflicte ben a cultura galega, pero en todo caso, sae moito unha cidade como A Coruña, e hai unhas tomas espectaculares. Por primeira vez faise aí unha persecución policial… Polo tanto, non deixa de poñerse en valor o potencial que ten Galicia como escenario de rodaxe. Hai unha achega, sen dúbida, e dá traballo. Este debera ser un dos fins dos cartos públicos. Outro pode ser apoiar un filme como Costa da Morte, no que se reflicte o valor da terra, a idiosincrasia de Galicia. Neste caso, non houbo unha repercusión económica tan cuantificable, pero si uns beneficios incalculables, polo número de persoas que viron o filme, os países que visitou… E outra cuestión, este tipo de cine axuda a que todo o sector se posicione.

Por iso son tan importantes as iniciativas coma o posto do European Film Market que se levou a Berlín.

Si, neste caso estamos a falar dun mercado, no que se procura atopar produtores en réxime de coprodución, financiar proxectos… Pero o feito de que un filme chegue a un festival ou un mercado, non depende da AGADIC.

Pero si pode haber políticas de estímulo para que se coloquen nos mercados dos festivais.

Si, aínda que en Europa non hai tantos. Estamos indo a aqueles que, principalmente, lles interesan ás empresas. E co que respecta á presenza dun mostrador, aquí estamos sempre en colaboración co ICEX. Entendemos que, no marco dun espazo no que se xunta un volume tan elevado de produtores, Galicia quedaría un pouco disolta se non fose presentada en contexto. A nós o que nos interesa é que levamos unha mesa. Nela, os profesionais que asisten poden coñecer aos produtores. Nos últimos tempos, estamos levando da orde de 8-9 a cada mercado. E este é un espazo de referencia, para concertar citas. E o importante é tamén ter un catálogo. Isto é sorprendente, porque as institucións están como están, e nós de momento puidemos aguantar e seguir editándoo. Esta é unha gran ferramenta promocional, e nós agora somos un pouco a comunidade de referencia. Catalan Films, por exemplo, tiña un gran poder económico, e agora están practicamente disoltos. E Galicia quedou moi ben posicionada. O catálogo ten moitísima saída. A min dáme un gusto tremendo, por exemplo, ver a un grupo de xaponeses levarse catálogos da nosa mesa. Iso non che garante que vaian comprar ou coproducir nada, pero se se interesan, non é malo.

Sería desexable que, paralelamente, puidésemos facer outras actividades. Por exemplo, encontros de produción. É moi posible que se celebre un Mipcom en outubro, isto xa se fixo o ano pasado. É certo que vai máis enfocado a televisión, pero é o que demandan os nosos produtores, e sobre todo enfocado a Latinoamérica. Poñer proxectos en común, cruzalos coas distintas institucións, e despois concertar un encontro no que estes produtores contan con citas pechadas e falan de temas concretos. É un proceso moi lento. Eu, persoalmente, levo anos dedicándome a estas tarefas de internacionalización, e só agora comezo a ver resultados, o cal é moi gratificante. Pero si, son procesos a longo prazo. En Cannes hai tres mercados aos que acudimos. Un é de cine, o Marché du Film; e outros dous de televisión, o MipTV e o Mipcom.

Sobre a televisión, nas axudas convocadas este ano ao redor de 2/3 das categorías ás que un pode presentarse son para televisión. A que responde isto?

En parte ás necesidades e en que a televisión está neste momento fomentando carga de traballo. O cine pasa por unha restruturación e indefinición, e é innegable que a televisión dá negocio. O que quero deixar claro é que cando falamos disto, non estamos pensando na TVG. Hai moitísimas cadeas que absorben e precisan contidos, e poden ser moi dignos. En todo caso, gustaríame introducir un dato. O 70% do orzamento das axudas vai adicado ao cine. Despois, si podemos facer un transvase se non hai suficientes proxectos nun lado ou outro. Pero xa digo, dáselle unha especial atención ao cine, sen excluír certos produtos audiovisuais, sobre todo de ficción, que poden ter carácter cultural e dan traballo. Os cambios tecnolóxicos tamén… Estou pensando en Encallados (Alfonso Zarauza, 2014), ía ser unha TV-Movie, e rematou distribuíndose como cine. É puro cine.

A produción dende as televisións é importantísima, está claro. Aquí, a TVG ten a obriga de investir o 6% do seu orzamento no cinema galego. Falamos de case 6 millóns de euros, unha cifra que duplica á da AGADIC. Porén, os produtores non senten que eses cartos lles estean a chegar nin que se dean uns datos claros dende a televisión. Hai vías de diálogo dende a AGADIC coa TVG para se coordinar?

Nós falamos con eles, aínda que este é un tema que se decide a nivel político, e non sei moi ben a que nivel. Sobre o tema do orzamento, onde hai desacordos é: débese aplicar ese 6% ao total do orzamento ou sobre os ingresos de publicidade?

TVE non ten publicidade, e aplícao sobre o total.

E as privadas cumpren tamén co 5% sobre o total, porque chegaron á conclusión de que lles sae rendible. A unha televisión pública hai que esixirlle outro tipo de cousas, e as estratexias son evidentemente distintas.

Con respecto á TVG, podo dicir que nos gustaría que o nivel de investimento fose máis alto. O que si intentamos é apoiar ambos os dous os mesmos proxectos, para que as axudas sexan máis eficientes. Que as esixencias sexan as mesmas, porque armar un proxecto de cine, financieiramente, é moi complicado. Un filme barato de ficción custa 1 millón de euros. Polo tanto, cando este vaia pedir as axudas ao ICAA, ou a Europa, ou a buscar coprodución, é importante que parta xa cun armazón dende aquí. A AGADIC e a TVG poden reforzar e fortalecer proxectos mutuamente.

E volvendo aos orzamentos da TVG… Non os controlamos. Pero, e isto dígoo a título persoal, a min gustaríame que houbese outro tipo de sensibilidade. O ideal sería que nunha comunidade, a súa televisión pública se volcase no cinema. Iso, lamentablemente, agora non está sucedendo, sobre todo no orzamentario. Todos sabemos das dificultades económicas da TVG. Por iso, o que nós intentamos dende a AGADIC é que se recorra tamén a outras televisións. Un dos requisitos para os produtos televisivos, recollidos nas bases, é que presenten unha carta de interese dunha televisión con difusión en Galicia. Se non hai aquí, tes que buscalo fóra. Iso é lei de vida. Hai que buscar alternativas.

Pasemos a estudar as axudas da AGADIC. A primeira en publicarse foi a de festivais, que estivera uns anos sen convocarse, logo de levala o Consorcio.

Ata o 2008 deuse pola Secretaría Xeral de Medios. Seino porque eu estaba alí. Aquí hai unha confusión, non se daban dende o Consorcio, senón dende a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. Despois pasaron ao Consorcio, pero foi un momento no que houbo cambios nel, así que oficialmente nunca chegaron a estar aquí. Houbo, polo tanto, un momento, no que se asinaban convenios públicos con cada un dos festivais, de xeito individual.

Con respecto ás bases, intentamos poñelas en circulación canto antes. Fíxose un texto seguramente mellorable, e estase traballando precisamente en melloralo. Esta foi unha primeira experiencia, e así o saben os representantes dos festivais. Tendemos cara a profesionalización e, sobre todo, a que os festivais se pocisionen.

Que se buscou logo, un apoio aos festivais que poden interesar máis estratexicamente ou un café para todos?

Desde logo non un café para todos. Hai un requisito nas bases, que en principio se vai manter, no que se esixe certa antigüidade e posicionamento. Posiblemente se tenda a poñer moi en valor a traxectoria do festival, e os resultados, en todos os aspectos, da edición inmediatamente anterior. Para unha comisión, avaliar o que o representante do festival che di que vai facer, tampouco é tan fácil. Son só hipóteses ou desexos. Estamos falando de adxudicacións de recursos públicos, e hai que miralo moito. É o que che implica unha lei de subvencións: transparencia total, igualdade de oportunidades e universalidade. Se cadra, temos que facer unha diferenciación de aqueles festivais apoiados por entidades públicas, como poden ser concellos, que en principio xogan con máis vantaxes con respecto aos outros? Non o sei, pero hai que ter sempre en consideración a aqueles que, por iniciativas particulares, acaban posicionándose ben.

O desexable non é que xurdan moitos máis festivais e que, se o fan, que sexan moi especializados, para que teñan unha viabilidade. Por exemplo, o (S8) atopou un nicho fantástico en moi pouco tempo. O que non pretendemos é fomentar a creación de novos festivais. Nalgún momento si que se fixo, si houbo un café para todos, ao que se sumaron un aluvión de concellos, con actividades que duraron un ou dous anos, ou o que durou a liña de subvencións. Iso non é o que debe suceder. Nestas bases, tense tamén moi en conta a posibilidade dese festival para conseguir recursos privados. Isto é lóxico. Se nalgún momento, polo que sexa, cae o financiamento público, ese festival ten que morrer? O ideal é que poida adaptarse a todas as situacións, con diversos mecanismos. Por suposto, entendendo que os festivais merecen tal investimento público.

“Todas as liñas de axudas de 2015 estarán listas no primeiro trimestre do ano”.

Houbo unha fusión de institucións na AGADIC, mais non un aumento proporcional do orzamento. Tendo que facerse cargo dos festivais, por exemplo, o sector entende que 90.000 euros é moi pouco.

Peléxase porque esas cantidades suban, pero é que ademais estes cambios tiveron lugar nun contexto de crise económica.

E con quen se pelexa, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura?

Non, hai un conselleiro, que ademais é o presidente da AGADIC. Pero isto é un traballo en equipo, e todos loitamos…

E Xesús Vázquez que opina de aumentar o orzamento da AGADIC?

El, persoalmente, non o sei. Pero non é doado poñerse no lugar dunha persoa que asume tamén as competencias de Educación. Imaxinemos que comeza o curso e hai un colexio que precisa a construción dun tellado. Que sucede? Non hai que falar doutros departamentos, e dicir saco de aquí para poñer alá. Nós temos que intentar manter a dotación, ou mesmo aumentala, pero non é doado.

Imos correr un pouco nos festivais, que non nos movemos a outros temas. Vou resumir as cuestións susceptibles de cambio na convocatoria: que non poida xustificarse o montante económico do premio, a comida nin os salarios.

Nós somos só unha parte do financiamento, así que enténdese que hai outra parte que depende do festival. Un papel que non gusta nada facer… Eu na AGADIC estou a pé de obra, e todos vemos documentación xustificativa de subvencións. Ás veces é moi difícil non facer o papel da policía, porque ves de todo. Ninguén quere ter prexuízos iniciais, e non os temos. Pero tratamos de ser coidadosos, porque son recursos públicos.

Por exemplo, que se se inclúen comidas, a saber cal será o prezo, non?

Pois posiblemente haxa que poñer un límite, porque pode suceder, e non falo só do audiovisual, que non haxa suficientes gastos xustificables. E de súpeto, hai pratos de 100 euros. Isto sucede, e cando hai certos límites nas subvencións, é porque o beneficiario bota man do que pode para xustificar. Repito, parto sempre dun absoluto coidado dos recursos públicos, porque son de todos.

Cineuropa non entrou por datas nesta convocatoria.

Pero entrará. Estas axudas publícanse con certa antelación, cun gasto anticipado con cargo ao ano seguinte. En 2015 estableceranse as datas para que entren todos.

Pero en 2014, que pasa con Cineuropa?

Todo depende da data de publicación da orde. Intentaremos facelo de tal xeito que entre Cineuropa.

Para este ano? A convocatoria estará logo lista antes de outubro?

Intentarase.

Sigamos con outras axudas. Do 31 de decembro pasamos ao 29 de xullo, nas datas de publicación no DOG, cando se lanza desenvolvemento.

Parto da base de que publicamos tarde, debido a que a Xunta abriu o orzamento moi tarde este ano, e a que se introduciron modificacións nalgunhas liñas, consensuadas con todos os colectivos que representan o sector. E unha cuestión importante, que non se explicou en ningures. Estabamos pendentes dun regulamento europeo. Había unhas liñas de axudas que estaban rexendo ata decembro de 2013, que obtiveran unha autorización por parte da Unión Europea. Esa vixencia caducaba a final de ano. Obrigatoriamente, tiñamos que publicar uns novos textos ante a Comisión Europea para que os refrendara. Polo medio, xurdiu a posibilidade de acollerse a unha nova normativa de que en determinados sectores non se precisaba esa autorización, sendo suficiente un “visto bueno”. Pareceunos moito máis áxil e menos arriscado, porque se mandas un texto e non cho aceptan e tes que adaptalo, perdes moito tempo. A publicación desa normativa foi do 1 de xullo deste ano. Houbo que agardar, e esa foi outra das razóns do retraso. Hai unha vontade absoluta de que, se non hai que facer moitas modificacións nestes textos, sempre con disposición a mellorar, se publiquen moito antes.

Si, porque os prazos de presentación da xustificación…

Se falamos de talento, é moi pouco. Nós intentamos trasladar a información de que esas axudas ían saír, porque hai xente que pode ir preparando ese material. De feito, somos conscientes de que o ano pasado se presentaron curtametraxes ás axudas que practicamente estaban feitas. E repito, nós somos un instrumento que axuda a financiar, non necesariamente ten que custar un filme o que se adxudica a través dunha subvención.

Nós fixemos o necesario por que a xente estivese informada de que esa liña ía saír. E a quen pregunte, nós contamos cun teléfono e un correo electrónico para responderlle. Fixemos isto porque eramos conscientes de que ían sufrir un retraso. A idea é que, coas modificacións necesarias, e xa coa autorización europea, todas as liñas de axudas estean fóra no primeiro trimestre de 2015.

Todas?

Absolutamente, mesmo nos gustaría que estivesen antes cas do ICAA, para que o proceso de financiamento fose máis lóxico, porque o capital parte de aquí. Sabemos que hai algúns casos que realizan o camiño inverso, pero iso é moi difícil, porque hai que contar cun gran proxecto para que iso suceda. Temos moi en conta os tempos. Este ano non fomos capaces? Asumímolo. A min tamén me tería gustado que fose doutro xeito.

E non é posible aumentar os prazos de presentación da xustificación?

Se falamos de talento, hai dúas modalidades, guión e curtametraxes, que van a unha partida orzamentaria con menos esixencias. Son subvencións, pero a filosofía é que se traten como premios ou becas. Non esiximos xustificación de gastos…

Esta partida non vai en gastos xerais, logo.

Impútase ao capítulo 4 de gastos da AGADIC, correspondente a transferencias correntes. É un modelo que vén de antes; que se fixo, non intentando esquivar a lei de subvencións, pero flexibilizándoa, porque esta é moi complicada de aplicar a determinados proxectos, como son o guión e a curtametraxe. Pero isto é unha partida de gasto anual, non se pode estirar máis. Este ano era sacalas ou non sacalas, tivemos que saír así. Intentaremos melloralo.

Xa falando das modalidades, se imos á C, a de longametraxe, que non sei por que está en 30 minutos…

Isto pensouse, non foi ao azar. Estas obras non teñen que ser obrigatoriamente experimentais, hai liberdade absoluta e en todo caso vai haber unha comisión que valore os proxectos. Pero son obras en xeral moi pensadas para festivais, e hai moitos certames que poñen en valor a mediometraxe, así que quedaba aí un baleiro. Esta decisión tivo que ver coa liberdade, de cinguir o mínimo posible a creación dun director. Gustaríame que se vise isto como algo positivo, porque sei que houbo críticas. Pode parecer fonte do descoñecemento, que se cadra tamén, porque non sabemos de todo. Pero aquí direi algo. Facíase referencia á lei do cine, que fala dunhas metraxes determinadas. Pero nalgún momento di que esas metraxes son a efectos desa propia lei, non é que estean establecendo unha normativa nin nos obriguen a nada. O motivo desta decisión? Non deixar a mediometraxe fóra das axudas.

En todo caso, o máis importante nesta modalidade coido que é a diferencia entre persoa física e xurídica.

Pois obedece á partida orzamentaria que se asigna a este gasto. O que sería infinitamente máis criticable, sería que se tivese que xustificar o gasto en decembro. O prazo é bianual, polo que é unha esixencia que se outorguen a persoas xurídicas. Si que tivemos coidado en establecer que non se esixa unha antigüidade como autónomo, aínda que ás empresas, como en produción, si se lles esixe un ano.

E agora fago unha reflexión persoal, que non necesariamente representa a da AGADIC. Son 30.000 euros, que se dan polo 100%. Hai que xustificar, e polo histórico das axudas, sabemos das dificultades para efectuar esa xustificación de gasto. Hai creadores con moitas dificultades para enfrontarse a trámites burocráticos. Non me parece mal que se introduza ese factor de profesionalidade.

Unha empresa garante máis profesionalidade?

Leva outro control do gasto. Poñamos por caso que un rapaz que acaba de saír da escola se presenta a estas axudas. Ímoslle esixir que gaste e xustifique. E pola lei de subvencións, para toda axuda que supere os 18.000 euros, se queres un anticipo, tes que presentar un aval. Non é sinxelo, nin sequera para unha empresa. O creador tamén debe saber en que contexto está a traballar. Para min, este é o camiño. Non creo que a xente ás veces estea situada na realidade. Amais, o que comeza custando 30, ben pode rematar custando 40 ou 50.

Seguindo con talento, hai unha restrición clara pola cal un creador que xa fose subvencionado dúas veces pola AGADIC no caso das curtas, ou unha nas longametraxes, ou guionistas xa con certa traxectoria, non se poden presentar.

Intentamos evitar que profesionais, se cadra xa traballando na plantilla dunha empresa, poidan presentarse. Estas axudas son para o que son, para unha primeira oportunidade.

E para eses que desexen unha segunda? Entre isto e as longas, no medio non hai nada.

Como non?

Dende logo, non para os que desexen facer certo tipo de cinema, que se cadra non pasa por saltar á longa de ficción.

Podes ser curtametraxista toda a túa vida, si. Había unhas axudas deste estilo, e estúdase recuperalas. Pero é algo que deberiamos falar todos, e ver se realmente interesa.

“Ningún documental se vai deixar de facer porque non exista axuda a desenvolvemento”.

Non sei ás produtoras, pero sei de moitos cineastas que, a título individual, si estarían interesados.

Pero necesitariamos unha persoa xurídica. O ICAA, por exemplo, non che permite presentarte como persoa física, e tenderiamos a ese modelo. Pódese contemplar. En todo caso, non queremos caer na idea de que a persoa que fai curtametraxes teña que dar o salto á longametraxe.

E depende tamén de que tipo de longas falemos. Non é o mesmo esa modalidade C das de talento que a A das de produción, para longas de ficción.

E tan distintas son as esixencias e a xustificación? A calidade do proxecto, o concepto… Nesa modalidade A de produción, valórase moito a autoría galega, e que as empresas tiren do noso talento. E non poñemos mínimos. Un pode facer un filme de 50.000 euros acolléndose á modalidade A.

Pero só pode xustificar o 50% do orzamento.

Hai un punto que non sacamos nesta convocatoria, pero que seguramente vaia na seguinte. A Unión Europea permite que para obras de difícil difusión e de interese cultural, esta cantidade poida subirse ao 100%. De feito, nós traballamos con todas as cautelas, pero finalmente non se conseguiu, para que as obras que se rodasen en galego, e de autoría galega, puidesen optar ao 70%. Parecíanos moi coherente. Isto non pasou a asesoría xurídica, porque debiamos ter feito unha declaración previa de que esas obras son de difícil difusión. Retomar o proceso supuña ralentizar a saída das convocatorias, e optouse por deixalo así, pero contemplarase nas seguintes.

Algo a celebrar, porque o sector está a demandalo.

É que isto debe ir ao Consello da Xunta. Nalgún momento, pensamos que podería solventarse coa reunión do Consello Reitor da AGADIC, pero ten que ser cunha consideración do Consello da Xunta de Galicia. Poderiamos telo feito agora, pero iso tería suposto retrasar a publicación, así que decidimos deixalo así.

Xa que falamos da Unión Europea, eles valoran nesa comunicación subir tamén a porcentaxe subvencionable nas coproducións. Isto vaise flexibilizar?

As esixencias culturais? Pode ser, pero a min o que me gustaría é que houbese un fondo específico para coprodución. Acabamos de aumentar o nivel de axudas. Era prioritario recuperar ese orzamento. Agora, se seguimos así, non se descarta. É moi útil para os produtores, e é moi necesario para que Galicia poida acceder como produtor minoritario a producións foráneas, cos beneficios que isto pode conlevar, como que veñan rodar aquí. Son tamén unha grande oportunidade para a xente que empeza. Experiencia, traxectoria, contactos… Éxito, que pode ser… Entrar nunha produción exitosa economicamente, pódeche permitir avanzar. Témolo moi en conta. Esta é unha fórmula que nos gustaría, cando menos, estudar.

Internacionalmente, valoraríase moito que Galicia tivese un fondo de coprodución. Se un produtor de aquí puidese entrar nunha produción grande de fóra con, poñamos, 100.000 euros, iso valoraríase. Non necesariamente temos por que contar cuns grandes fondos para esta liña. 300.000 euros poden ser suficientes.

Os documentais desapareceron de desenvolvemento este ano. Por que razón?

Nestas axudas, focalizouse moito a atención no proxecto, sobre todo no guión. O documental é moi raro que o teña, normalmente conta cunha escaleta ou tratamento. Son proxectos moi diferentes, tanto en como se conciben coma no orzamentario. Non quero dicir que non vaiamos apoiar documentais ambiciosos ou de certo custo, un A batalla de Argel (Gillo Pontecorvo, 1965). Mais non creo que sexa o que se está a facer, nin o que se demanda no sector. Destas axudas elimináronse os gastos de estrutura das empresas, só se teñen en conta os gastos das nóminas do director e do guionista. Antes permitíase que os gastos de empresa nese período se pasasen con cargo a estas axudas. Iso non redundaba no bo desenvolvemento do proxecto. O que advertimos é que chegaban nun estado moi iniciático de produción. Parécenos esencial que o guión teña varias reescrituras, e que haxa un proceso de mellora. Parécenos fundamental que haxa unha tradución dese guión, que é custoso. Que poida pasar polas mans dun analista especializado. Que a produtora que traballa nese proxecto poida facer un teaser, que é moito máis fácil de amosar se te moves por mercados de fóra. É dicir, hai gastos inherentes a un desenvolvemento que son bastante máis útiles na ficción.

Ningún documental se vai deixar de facer porque non exista o desenvolvemento, porque todos os gastos derivados da realización dun documental poden entrar en produción, por esa categoría de autoría galega. Non hai nivel mínimo de orzamento, hai unhas condicións económicas moi vantaxosas con respecto a outras modalidades, unhas esixencias de viabilidade económica moi relaxadas… Estamos a falar de produtos moi diferentes. Sei que houbo críticas, pero ninguén se puxo en contacto coa AGADIC para pedir unha explicación ou modificación. Se é necesario, revísase, nós temos unha consideración absoluta. O documental en Galicia está a un máximo nivel e compite nun marco internacional. Amais, axuda a dar a coñecer a imaxe de Galicia no mundo. Non queremos que desaparezan, e imos seguir a apoialos. Iso si, posiblemente non sexan tan susceptibles dunha axuda a desenvolvemento como unha ficción. A súa exclusión responde a criterios de racionalización e a que hai pouco orzamento. Ás veces toca elixir.

Como se reparte forma parte da estratexia. Este ano, 2 millóns foron a produción, e 145.000 euros a talento. Pode mudar a balanza o ano que vén?

Pode ser. A min gustaríame poder dar, como pasou noutras anualidades, 400.000 euros a curtametraxes. E sobre a proporción, volvo ao que dicía antes. O papel da administración é contribuír, colaborar, apoiar. É certo que unha política audiovisual pode marcar unha tendencia, pero non todo vai depender do que se faga nese departamento administrativo. Apoiar o talento? Sempre, con criterios racionais. E hai outra cuestión. Eu opino que, ás veces, as subvencións poden ser un pouco perniciosas. O mercado é o que é, e pode absorber un número determinado e un tipo de producións. Nós non podemos favorecer unha distorsión da realidade, cousa que creo chegou a darse nalgún momento. Non creo que non haxa que aumentar o nivel de investimento en talento, si que creo que o desexable é incrementalo en desenvolvemento. E isto é fundamental para todos, mesmo para cousas tan básicas coma os prazos. O desenvolvemento, como I+D, é moi rendible.

Algún adianto das axudas de difusión e comercialización?

Entraron xa na fase de pedir informes xurídicos e de planificación económica. Era un compromiso debido. Van aterse á lei se subvencións, loxicamente, pero no fondo son unhas axudas automáticas, a aquelas obras que xa tiveron un percorrido, exhibidas e comercializadas en 2014.

Ten dúas modalidades, unha para atender a gastos derivados de presenza en festivais. Aquí tomamos a listaxe do ICAA e ampliámola, tendo sempre en conta as categorías que establece. Lamentablemente, non é unha axuda moi dotada, cada filme poderá optar a 2.500 euros. E, no caso da modalidade de comercialización, a 20.000. O orzamento total son 120.000 euros. E cobre, de novo, o 50%. Intentamos cubrir todos os gastos derivados, tendo en conta que hoxe en día é moi complicado atopar unha distribuidora. O que si nos gustaría é que estas axudas se puidesen asentar, pero iso dependerá da nosa estabilidade. Deste xeito, unha distribuidora – que en Galicia non as hai, hai só intermediarios – saiba que en Galicia hai un reforzo desta actividade. Todo isto sempre vai depender da liña editorial da distribuidora, e da súa estratexia. Pero, polo menos, que lles resulte atractivo traballar dende aquí.

A nivel de exhibidores, contémplase algunha liña de axudas para que poidan dixitalizar as salas?

Neste momento, non. Hai que sacar as liñas cando se demandan, e non é o caso. Sabemos que existen liñas europeas, pero de momento non se contempla isto. Pero si vou adiantar algo que é inminente. Imos ampliar o número de pantallas en Galicia para ver cine.

“Haberá rede de salas de cinema en 2014”.

Xusto a miña seguinte pregunta. Que pasou coa rede de salas de cinema?

Haberá rede de salas de cinema en 2014.

En que cidades?

Iso non o podo adiantar. Farase en breve unha presentación pública.

Tipo de filmes?

Priorizan a proxección de filmes galegos e en galego, pero non exclúen o resto. O que máis interesa é que isto perdure, e aquí dependemos do público. Por iso se vai ofrecer unha programación variada. É unha esixencia que os filmes galegos en fase comercial estean todos aí, e despois complementarase con filmes principalmente europeos.

Coa idea de acudir ao programa MEDIA…

Verémolo a posteriori.

E a programación parte da AGADIC?

Do CGAI. Alí temos dous programadores marabillosos, que ofrecerán o programa aos concellos. En cada un deles, haberá unha persoa de contacto para seleccionar esa programación para cada pantalla. Cubriranse os custos de exhibición, supeditado isto á inclusión dun número mínimo de títulos galegos. En último termo, nós non imos impoñer unha programación pechada, son os responsables de cada concello os que elixen, de acordo ao coñecemento que teñan do seu público. Ideámolo como unha experiencia piloto, e de momento haberá catro concellos, un en cada provincia, e en poboacións onde non hai cine. Se nalgún caso se chega a montar unha destas salas en cidades onde xa existen outras, o que non queremos é ser unha competencia para o exhibidor. Podo tamén adiantar que o ICAA levará un rexistro das entradas vendidas, o que computará a efectos de axudas.

Son todas salas plenamente públicas, logo.

Si, interésanos en todo caso que existan tamén os cineclubes, pola parte de dinamización que teñen. Hai que crear hábito.

Dotación?

Suficiente. Non podo dar números, pero non é un proxecto caro. Só require vontade e dedicación.

Cine en Curso1. De onde nace?

Do CGAI de novo. Teñen como referencia o modelo que se aplica na Cinemateca Francesa. Os proxectos teñen moito que ver coas persoas, e aquí é Mónica García quen se ocupou de todo, con moita entrega. Este curso traballouse en 16 centros, 8 con cine e 8 con fotografía. Agora temos unha dificultade engadida, que ten que ver coa dotación de persoal. Primaremos sempre a calidade, dentro dos recursos cos que contemos. En todo caso, o programa de Europa Creativa deixa claro que hai que promover a alfabetización audiovisual, e témolo que ter moi en conta, máis sendo a consellería de Educación e Cultura. No seu momento, houbo un plan modélico no contexto do Estado español, nado dende o Consorcio: Audiovisual nas aulas. Neste momento, pensamos que ten máis sentido implementar Cine en Curso, que xa se está asentando.

Sobre o CGAI, houbo noticias chocantes recentemente en prensa. Que pasa co traslado ao Goberno Militar?

Non o sabemos. Hai anos falouse desta posibilidade, pero non hai nada concreto. Eu mesmo o falaba coa xente do CGAI, e cremos que se trata só dunha noticia de verán. Non se basea en nada que dixera o Concello da Coruña nin a Xunta. En todo caso, isto é algo que atinxe a instancias superiores, e a min non me chegou. Sei que a nivel institucional non se está falando. A teoría que eu teño é que un funcionario meteu por erro no saco ao CGAI ao falar das obras no edificio. O xornalista buscou, e sacou unha noticia.

Pois se non está confirmado, haberá que emitir un desmentido.

En todo isto, o que hai de verdade é que o CGAI vai a levar a cabo unha descentralización. Xa existe o convenio co Cineclube Padre Feijoo de Ourense, que está a funcionar, e a idea é que se estenda a outras cidades. Sobre o tema do traslado das instalacións, creo honestamente que non existe nada. A min non mo contaron, e creo que non o hai. Non hai nada oficial e, se chega a habelo, comunicarase. Se cadra é unha noticia que nos gustaría dar… Non o sei, dependendo das instalacións… Eu sei de algún no CGAI que se puxo moi contento, porque se ben a situación actual do CGAI é inmellorable, ten unhas limitacións de espazo. Pero en fin, a noticia pillounos a todos por sorpresa.

Se cadra hai algo que se me escapa. Que máis podería ofrecer a AGADIC no futuro?

Supoño que moitas cousas, pero unha das esenciais sería crear unha ferramenta para atraer rodaxes a Galicia. Isto debe ser unha política prioritaria. Abriría posibilidades inmensas. Outros proxectos interesantes poden ter que ver coa lusofonía. Hai un por aí, que agardo poda levarse a cabo, que ten que ver co desenvolvemento de proxectos con países lusófonos: Brasil, Portugal, Angola, Cabo Verde… Non sei se será un proxecto determinante no conxunto, mais coido que achegaría moito a nivel cultural.

E, despois, eu sei que hai moitos postos de traballo que dependen, en boa medida, das decisións que se tomen aquí, polo que debemos afrontalas con coherencia e reflexión. A min unha crítica non me quita o sono, faime revisar o que se fai, porque non temos unha pedra filosofal. Pero contentar a todos é difícil.

__________

1Cine en Curso é unha iniciativa posta en marcha polo CGAI, en colaboración coa asociación catalá O Bao A Qu, que coordina estes cursos tamén en Madrid, Arxentina e Chile. O pasado curso, rapaces de 8 centro educativos distintos realizaron documentais, reflexionando sobre como se constrúe un filme, a connotación e a denotación da imaxe. Mónica García, co CGAI, coordinou estes cursos. Os resultados foron mostrados na filmoteca galega o termo do proxecto. Lamentablemente, como explica Meijomín, a falta de persoal fará que as aulas nas que se vai poñer en marcha no curso 2014-2015 fiquen reducidas á metade, á espera de poder resolver este problema.

FOTOS: TAMARA DE LA FUENTE

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario